María do Carme Ríos Panisse
Publicado orixinalmente en Verba, nº 1, 1974: 181-232.
2. A pesca con rede
Os mariñeiros chaman oficios da pesca os distintos métodos para pescar, segundo o aparello utilizado. Os diferentes oficios son debidos as diversas especies que se queiran pescar e úsanse en distintas épocas do ano, épocas que normalmente
son fixas. Así no inverno péscase sobre todo xurelo que ven as costas para comer o millo do patexo, semente ou ovas deste cangrexo. Polo verán este peixe vai mar adentro para comelo jolfo da pedra, alga que hai nos fondos pedregosos, e veñen a costa as sardiñas, os panchos, as bogas e outros moitos peixes que se alimentan de plancto. Así pois, a época de máis pesca é no verán, que tamén se divide en tempadas segundo a clase de peixe que se queira pescar.
Os mariñeiros cambian de oficio se o que están utilizando non é adecuado para aquela época ou ben porque cambian a un barco que teña que levar distinto aparello. Hai tamén aparellos que se poden usar durante todo o ano por servir para moitas especies, para algunhas que se dan durante todo o ano ou porque son levados por embarcacións que poden desprazarse a altura do peixe.
Antes de saír pescar, o rapás, neno que traballa no barco, traseja auga para baldeala cuberta deixándoa limpa e arranxada para meter as redes. Estas tráense dos secadeiros e embárcanse pasándoas dun mariñeiro a outro, operación que se chama darlle de man a rede.
O barco vai mandado polo patrón e leva ademais do rapás varios mariñeiros, todos eles xente de mare, provistos dos seus arreos ou utensilios necesarios, que van dentro do jarrucho, cesto pequeno, redondo e cunha asa. Se hai mal tempo amárrase, é dicir, non se sae de pesca, pero senón vaise o mar e fondéase ou embárrase botando a áncora e fincando fixo nun punto para traballar o trabuquete, é dicir, tirando o aparello lonxe da costa en lugar de facelo na praia. É entón cando se utiliza un aparello determinado para cada oficio e vólvese logo coa pesca para a casa. O chegar o porto amárrase. Para iso un home desde terra cobra un cabo, mentres que desde o barco outro solta corda, corda que se amarra enterra. A embarcación vaise arrimando cun bicheiro, especie de gancho cun mango longo. Logo descárgase o peixe e vaise metendo en patelas, especie de cestos planos, e caixas para levalo a lonxa. Despois de descargar achícase a auga do fondo do barco cun balde ou cunha fiera, especie de cunca pequena de madeira.
As áncoras que usan os barcos para fondear poden ser de varios tipos.
a) O rizón, áncora pequena de ferro, composta
das uñas, partes coas que se amarra o fondo,
a vara, barra ou caña, parte máis larga que
une as uñas co orjaneu ou arganeu, argola onde
se amarra o cabo e o cepo, parte do rizón onde
se xuntas as uñas.
b) A patexa, áncora de madeira en forma de
cruz de maneira que un dos tres paus que forman a cruz termine en gadoupa. A outra gadoupa faina unha pedra que vai amarrada á cruz.
c) O morto, áncora primitiva feita dunha pedra de bo tamaño que se larja nos sitios penedosos, e
d) O jarampín, rizón pequeno que só se usa para rastrear as redes no fondo do mar. As áncoras van amarradas cun cabo que fai un atalinjado, nó cunhas características especiais, para localizar a distancia a que está unha áncora átaselle un cabo arinque ou orinque a unha uña. O arinque leva no outro estremo unha boia que indica a distancia. A jalja é un anaco de corda marrado a unha uña da áncora polo que se tira cando quedou presa no fondo do mar para que se solte facilmente. As embarcacións levan na proa un cacho de corda con dous lazos chamado carabeu onde se prende o cabo da áncora.
En Sada utilizábanse gran número de aparellos de pesca que foron desaparecendo, e hoxe quedan reducidos a uns poucos. De todos os xeitos na memoria dos vellos aínda perduran moitos deles que intentamos recoller.
Entre os aparellos que se tenden e se espera a que enmalle o peixe atopamos:
a) O xeito que se utiliza na pesca da sardiña. Ten unhas 500 brazas e cinco ou seis pezas, cada unha cun reforzo ó redor de cada pano. Leva tralla de corcho e tralla de plomo. Na cabeza ou cabeceiro de cada pano leva uns fíos que serven para atalo ó seguinte. As pezas reciben o nome de man a máis próxima ó barco, dúas, tres e catro as seguintes, e rabo, pola que se comeza a larjar. Leva cúas e pés de jallo no cabeceiro con cortizos a xeito de boias ou boureles, cortizos flotantes que indican a posición dos cabeceiros. A corda que vai do bourel á tralla de corchos chámase cala e a que une o cabeceiro da rede coa embarcación cabo da cúa.
O xeito era levado pola lancha xeiteira (Vid. embarcacións).
Hai tamén un xeito de malla pequena de catorce ou quince pasadas, que se usa para a parrocha.
Para atopar a sardiña, os mariñeiros válense dos voos das gaivotas ou ben da ardora, ardoría ou ardor, ou sexa pola fosforescencia das augas. Para pescar coa ardoría é necesario choupar (golpear) as augas para que cos choupazos se embale o peixe e se vexa a ardoría. As augas chóupanse cun pandullo, pombada, embalo, escandallo, pandulleira ou chumbada que consiste nun peso amarrado a unha corda. Tamén se localiza o peixe gracias á touliña, toliña ou touriña, cetáceo que persigue á sardiña obrigándoa a facer bancos, chamados mansíos, que se coñecen pola gran cantidade de paxaros que voan derriba.
Senón houbera nin ardoría nin mansío tíñase que andar escoitando o peixe coas luces do barco enteiramente apagadas. Para alumar no barco utilízase o facheiro, fachuzo de palla ou farol pequeno, única luse do barco. Hoxe emprégase para atopar o peixe o radar.
Os bancos de sardiña, ademais de mansío, tamén recibían os nomes de cardume e arribazón. Chámase rebasa, espombada ou albor da sardiña á sardiña que está nas axadas da auja, é dicir á flor de auga. Blanco é o banco de peixe que se ve pola noite e nejro un banco moi mesto e de cor escura. Cando o peixe non fai banco dise que está estrado.
Sáese ó mar á caída da tarde, sobre das seis, e péscase ou ben de asexo, pola tardiña, é dicir, ata as dez da noite, ou ben ó día ou á alba de dez da noite ás doce, ou ben de amanexo, pola mañanciña, das doce ata que amence.
Logo de fondeare, téndese o xeito, comezando polo rabo. Cóllese un cabo do aparello deixando ó xeito á deriva, mirándolle os cortizos, pois cando estes afondan o peixe está enmallado ou mallado. Entón hálase o aparello tirando del cara a un e vaise desmallando ou despescando o peixe, é dicir, quitándoo das mallas coas mans a medida que se mete a rede no barco.
Co troeiro bótase o peixe na pana da lancha. Envásase así o peixe e vese se se matou, pillou, colleu ou pescou moito.
Despois doutros lances ou caladas, veces que se lanza o aparello ó mar, vólvese a casa coa pesca.
b) Para pescar peixes tales como o pión, a xarda e a agulla úsase a beta, rede rectangular dunhas 400 mallas e vinte ou trinta brazas. Os seus cabeceiros poden ser rectos ou ter pés de jallo. Por riba ten tralla de corcho e por abaixo pedreira.
Téndese como o xeito. Bótase de noite á ardoría. Para pescar coa beta espántase o peixe con embalos para que enmalle. Cargada a rede recóllese e desmállase.
c) Para a pesca do pión e semellantes utilízase unha rede rectangular duns 4 m. de alto por 70 de longo chamada pionera. Ten tralla de corcho e de plomo e no cabeceiro pés de jallo. Téndese como o xeito e logo espérase a que afonden os corchos para recollela. O peixe queda enmallado. Para pescar a este aparello úsanse botes e bucetillas. É unha arte de fondo, é dicir, a rede téndese tan abaixo que a tralla de plomo vai case en contacto co fondo do mar.
d) Para as raias, rodaballos, centolas e langostas úsase o rasco, rede rectangular de fondo. Téndese preto da costa. Leva tralla de corcho e de plomo e precisa de embarcacións pequenas, aínda que ás veces lévase en lanchas por ir varios rascos amecidos. Os rascos pequenos chámanse rasquiños e son moi usados en Sada. O rasquiño ten braza e media de algo e leva tres panos armados moi frouxos para que voleen, fagan rizos. Ten malla clara polas veiras.