OBITUARIO DE MIMINA

Carolina
Díaz Ripoll

Mimina e Isaac coa súa neta Rosalía en 2002

Carme
Arias de Castro Montero,
Mimina,
naceu o 15 de abril de 1921 na Coruña e finou o 1 de novembro de 2013 no
Castro. É a terceira de catro irmás. A súa infancia transcorreu entre a Praza
de María Pita e o Castro de Samoedo, onde pasaba os veráns no pazo de seu pai,
don Alicio, un home profundamente conservador e católico que era moi amigo de
Germán Díaz Baliño (violinista) que non tardou en decatarse do talento que tiña
Mimina para a pintura. Grazas a el, a nena comeza as súas clases de debuxo e
acuarela con Dolores Díaz Baliño (unha importante pintora do momento, irmá de
Camilo Díaz Baliño). Xorde entón unha estreita relación de amizade entre a
profesora e a alumna que levará a Mimina a tomar contacto coas novas xeracións
da pintura galega e co sobriño de Dolores Díaz Baliño: Isaac Díaz Pardo, co que
Mimina compartiría a súa vida despois da Guerra Civil.
Rematada
a guerra, Mimina traballa como Axudante Práctico de clases de debuxo que
Dolores Díaz Baliño impartía no instituto Eusebio da Guarda. Foi o director do centro
o que aconsellou ás dúas pintoras que cursaran a carreira de Belas Artes para poder
optar a unha praza de profesora. Así é como Mimina aproba o exame de ingreso e
comeza a carreira. Será nesta época, a cabalo entre A Coruña e Madrid (onde ten
que acudir a examinarse periodicamente) cando comezará a súa relación con Isaac
que, no 1944, trasládase dende Barcelona (onde era profesor na Escola de Belas
Artes de San Jordi) a Madrid, para instalarse como pintor da alta burguesía.
A
familia de Mimina desaproba a súa relación co pintor (comunista, republicano e
galeguista) polo que o pai non lle permite continuar realizando as viaxes a
Madrid para rematar a carreira de Belas Artes. No ano 1945 decide casar para
poder vivir co seu compañeiro en Madrid. Por esta época, o seu home ten moito
traballo ao recibir numerosos encargos, sobre todo de retratos e, ademais,
teñen tres fillos en pouco máis de tres anos, polo que Mimina non só abandona a
súa carreira de Belas Artes, senón a súa carreira como pintora. En palabras dela:
“Esquecime de min”.

A
partir de 1949 a vida de Mimina inicia un camino que será o mesmo ata o día
de
hoxe: traballar con Isaac Díaz Pardo e apoialo incondicionalmente para levar a cabo
os seus proxectos, sobre todo de carácter industrial, que axiña se poñen en marcha
co regreso do matrimonio ao Castro de Samoedo e a conseguinte inauguración da
fábrica de cerámica.

Na imaxe superior, Mimina e Isaac cando eran mozos paseando polos Cantóns da Coruña.  coa súa neta Rosalía en 2002. Nesta imaxe no pazo do Castro de Samoedo, na súa voda en 1945. No mesmo sitio en 1946 na imaxe inferior Fotos cedidas por Xosé Díaz.
O
labor realizado por Mimina para levantar a Fábrica de Cerámica do Castro é
esencial: da súa famila eran os terreos cedidos para a construcción da mesma;
dela son os primeiros deseños das porcelanas; e foi ela quen montou o taller de
decoración: distintivo básico da casa.
No
1958 foi a Arxentina para colaborar noutro proxecto: a Fábrica de Cerámica de
Magdalena. Tamén, nesta ocasión, encargouse de montar o taller de decoración.
Pero foi máis aló ao atender, xunto co seu home, aos visitantes que por alí
pasaban, a maior parte xente do exilio, e conectar cos intelectuais instalados
en Bos Aires. Unhas amizades que se estreitarían anos máis tarde, na derradeira
década do franquismo, e que servirían para tender pontes entre os intelectuais
exiliados e os que quedaran na Galiza. Nesta época, entabla unha relación de
amizade fraternal con Maruxa Seoane, muller de Luís Seoane.
A
partir de 1968 o proxecto da Fábrica de Cerámica de Sargadelos comeza a tomar
forma ata converterse nunha realidade en 1970. Nesta ocasión, unha Mimina
curtida en decoración industrial da un paso máis e monta o taller de xoiería,
reto que comparte coa súa nora María Ripoll. Foron moitos anos nesta tarefa:
investigando e aprendendo novos usos de carácter ornamental, empregando deseños
cultos e comprometidos para amosar e reivindicar a historia de Galiza.
Aos
89 anos colaborou na recollida de toda a documentación que estaba arquivada no
Instituto Galego da Información dirixido por Díaz Pardo ata xaneiro de 2010.
Isaac Díaz Pardo comentaba orgulloso:
“Mimina
é fidelidade e lealtade ata o final”. A un home? A un proxecto vital? A ámbalas
dúas cousas, quizais… “Eu a todos os sitios fun e viñen con Isaac, sempre”.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *