O QUE XANTAMOS (REFLEXIÓNS SOBRE ALIMENTOS, CULTURA, SOCIEDADE E POLÍTICA)

Xaime Rodríguez Rodríguez
Tomamos como punto de partida do obxectivo do noso artigo a mellor definición de vexetarianismo (considero que falar de dieta vexetariana é en si mesmo reducionista como se desprende da definición), a que fai a Enciclopedia Británica que vén de definilo como “A teoría ou práctica de vivir soamente a base de vexetais, froitas, grans e noces, xeralmente por razóns éticas, ascéticas, ou nutricionais. Carnes, aves e peixes están excluídos por principio, porén hai unha notable diversidade entre os vexetarianos respecto o consumo de cousas tales como o leite, o queixo e os ovos”, observamos a complexidade dun fenómeno alimentario como o vexetarianismo.


A propia definición plantexa, na nosa opinión dunha forma non exhaustiva, unha multiplicidade de razóns do fenómeno alimentario vexetariano. Ao tempo, fálanos dunhas diferenciacións claras respecto ao consumo de determinados alimentos que están na orixe de diferentes opcións, todas elas ao abeiro común do vexetarianismo.

Miguel Aguilar, no seu libro La dieta vegetariana, fala de 6 doutrinas fundamentais, todas elas na súa opinión relacionadas con seitas, cultos, organización místicas e culturais. Son: Fruxivorismo, os que consumen so froitas crúas sen manipular; Veganismo, so se alimentan de vexetais; Hixienismo, que pon o acento máis en como xantar os alimentos que nos alimentos mesmo; Dieta Bircher-Benner, dieta lacto-ovovexetariana, creada polo doutor do mesmo nome a principios do século XIX; Cartonismo/naturismo, fundada polo doutor Paul Carton que mantiña que a dieta debía ser vexetariana e decretaba a incompatibilidade de determinados alimentos; Macrobiótica, a máis moderna das dietas (ou doutrinas como prefire o autor) baseada na clasificación dos alimentos na diferenciación entre o yin e o yang, ordenadas as dietas en dez niveis.
A historia do vexetarianismo como tal, é dicir, unha vez que seus practicantes son conscientes de selo e máis aínda de darlle nome á súa elección alimentaria (é dicir, no momento en que se evidencia o carácter de “construción social” do feito alimentario), arrinca no século XIX; no ano 1842 os vexetarianos ingleses danlle o nome vexetarianismo ao atopar inadecuada (reducionista?) a expresión dieta vexetal, tentando darlle un contido filosófico e moral ao tipo de vida que pretendían levar.

Porén, xa en tempos históricos moi anteriores tíñanse noticia de prácticas vexetarianas, as máis das veces para purificar o corpo e facer unha transformación espiritual, como no caso da Xina, na India védica e no Irán anterior a Zoroastro, tendo continuidade no taoísmo xinés, o brahmanismo hindú e o mazdeísmo iranés, entre outras prácticas relixiosas. Pódese dicir que o vexetarianismo ten a condición de sistema alimentario ideal, porén non por elo mantido na práctica; nestas relixións, cando menos na maioría delas o seu carácter prescritivo só o é para a crase sacerdotal.

Esta breve introdución vainos sevir para sinalar aspectos da teoría e práctica vexetariana dignos de resaltar. O primeiro é o seu carácter “transversal”, se se permite utilizar este concepto dunha forma máis aberta da que se lle dá na ciencia política, a relixións, cosmovisións e ideoloxías políticas. O segundo, dalgunha forma relacionado co seu transversalismo, é o seu carácter de fenómeno alimentario, ou dieta para entendernos, non declarado tabú por relixión algunha (na tradición xudía as leis kashrut só afectan aos alimentos de orixe animal, de xeito tal que todo os vexetais teñen a consideración kasher, é dicir apto para o consumo dos xudeus). Do mesmo xeito que as carnes, o leite, os ovos, por exemplo, son obxecto de limitacións e aínda proscricións por case que todas as relixións, a inxesta de vexetais non é nin limitada nin proscrita por ningunha.

As razóns deste carácter “transversal” do vexetarianismo poden ser moitas, e quedan fóra da intención inicial deste artigo, porén unha delas pódese atopar, case que sen ningunha dúbida, na menor capacidade simbólica dos alimentos vexetais en contraste coa carne (no caso da carne, dos alimentos de orixe animal en xeral, existe un rexeitamento en base ás semellanzas entre nós e os animais no nivel morfolóxico) e outros alimentos (estamos a falar dos
alimentos de orixe vexetal non transformados pola acción do home e as técnicas culinarias, neste sentido a capacidade simbólica do pan en case todas as culturas e innegable).

Esta menor capacidade de xeración de metáforas culturais, sociais, e por enriba de todo identitarias, sitúa os alimentos vexetais nun “terreo de ninguén”, o que fai posible que a elección vexetariana non represente problemas para outras culturas, sabido coma é que as identidades constrúense en relación/oposición aos “outros”. Outra destas razóns ten que ver coa “pureza” (unha das constantes esta procura da pureza, que no caso da relixión xudía, seguindo a Mary Douglas na súa obra Pureza y Peligro, asóciase coa santidade que vén a significar, entre outras virtudes, orde, o que explica
que se rexeiten os animais que escapan das características propias da súa especie, por exemplo, os peixes sen escamas e aletas), que se asocia coa inxesta de vexetais, na súa condición de alimento “primixenio” da humana estirpe, o que, como imos ver máis adiante, facilita referirse á alimentación vexetariana coma unha sorte de “idade de ouro” da humanidade.

A proba evidente deste carácter “transversal” da inxesta vexetal, ademais claro está dos exemplos xa falados máis arriba, podemos atopalo no carácter máis ou menos central que o vexetarianismo tivo en dúas ideoloxías políticas, polo demais antagónicas, contemporáneas: o nazismo e o anarquismo.

Que ninguén se alporice, porque de feito as motivacións para a elección da dieta vexetariana, do vexetarianismo, son diferentes, coma non podía ser doutra forma en ideoloxías tan diferenciadas. Tampouco se poden extrapolar outros tipos de conclusións máis aló da elección común dunha dieta común. Este artigo debe verse como unha reflexión, nin tan sequera un ensaio, sobre a continuidade histórica (e as paradoxos deste feito derivadas) dunha filosofía vital, que coma toda filosofía pode ser, e de feito foi, obxecto de diferentes lecturas.

No caso do nazismo, contradicindo a caracterización, tan acaída para algúns por razóns psicolóxicas e políticas, coma inhumano e demoníaco, o seu carácter non deixa de ser humano, terrestre; e non infernal e demoníaco; racional, aínda que rebosante de elementos irracionais. E non só iso, coma tal ideoloxía, compartía o universo mental da tradición occidental, en aspectos tales coma o racismo, o antisemitismo, amplamente estendidos por Europa e América, e que contaminaron o pensamento occidental máis aló de ideoloxías políticas concretas.

De calquera xeito, o seu carácter de “relixión política”, tardiamente definida pola historiografía e non aceptada pola totalidadedos historiadores, e polo tanto o seu carácter holístico, totalitario, ía facer preciso que se dotara dunha cosmovisión que dera resposta a todos os aspectos da actividade humana, social. E non só iso, tamén tiña que servir de xustificación e lexitimación dun réxime que tiña que durar “mil anos”.

Non é estraño polo tanto, que o xantar se convertera nun dos asuntos aos que o nazismo debería dar a forma máis acaída a súa “Weltanschauung”, a súa cosmovisión. Por unha banda, dándolle forma a idea da “idade de ouro” tan cultivada na cosmovisión nazi, que permitirá distinguila da dexeneración posterior, caracterizada pola renuncia a xantar carne, que, segundo Rosa Sala Rose no seu libro Diccionario crítico de mitos y símbolos del nazismo, chegou ao ámbito alemán a través de Friderich Schegel, inspirado a súa vez na Metamorfosis de Ovidio, o que mantiña a hipótese de que as grandes migracións dos pobos indoeuropeos asentados na India se iniciarían no intre que substituíran a súa dieta vexetariana pola carnívora.

Wagner, o compositor e teórico tan próximo o nazismo, (e que coa ampolusidade da súa musica xustificou aquela frase de Woody Allen, nunha das súas películas, na que mantén “cando oio a Wagner éntranme gañas de invadir Polonia”) retomaría esta idea. Para Wagner, os homes orixinariamente vexetarianos, vivían nun estado de inocencia e felicidades ata a caza do primeiro animal. A partires deste momento a sede de sangue desataríase, sucedéndose guerras e asasinatos. Xesucristo tentaría a redención da humanidade mostrándolle o camiño do vexetarianismo primixenio, nembergantes a xudeización da igrexa corrompería a súa mensaxe, e a humanidade, contaminada pola carne animal e a sangue xudía, seguiu o camiño da decadencia. A filosofía do vexetarianismo instrumentalízase para servir de coartada ao antisemitismo e a pureza do sangue.

O vexetarianismo dalgúns dos xerarcas nazis era ben coñecido. Hitler polo menos érao dende 1924. O día da voda de Baldur Von Schirach, o xefe das Xuventudes Hitlerianas, pasoulle unha nota á noiva para que a tivera en conta cando os visitara, nela dicíalles “Eu como de todo do que dá a natureza voluntariamente: froita, verdura, graxas vexetais. Porén rogo séxame evitado todo aquilo que os animais dan só ao seu pesar: carne, leite, e queixo. Así pois, dun animal, só os ovos!”.

Este animalismo dos nazis produce despois da sorpresa, verdadeiro espanto, se temos en conta o trato que inflixían aos seres humanos que eles consideraban inferiores. O proceso de deshumanización levado aos seus extremos polos nazis culminaba coa asimilación coas escalas animais inferiores, deste xeito, os xudeus eran comparados coas ratas ou outros animais inferiores. A preferencia vexetariana ten na ideoloxía nazi un carácter que podíamos denominar sen temor a exaxeración de instrumental. É considerado coma unha forma de supremacía ascética en relación con aqueles que son considerados infrahumanos, aos que se caracteriza coma devoradores de animais e corruptores da asceses no camiño que leva o “superhome”.

Diferente, case que antagónica, é a relación entre vexetarianismo e o movemento antiautoritario do anarquismo. Lonxe das necesidades holísticas do nazismo, e polo tanto das explicacións primixenias ou/e escatolóxicas, o vexetarianismo vén a significar para os anarquistas algo semellante a un “estilo de vida”. Evidentemente nunca tivo un carácter prescritivo, máis aínda o seu carácter aberto foi a orixe de moitos debates no seo do movemento libertario.

No caso do Estado español, o tempo do auxe do movemento
naturista e libertario europeo, os primeiros pronunciamentos teóricos prol da saúde, rexeite das drogas, dieta vexetariana e un retorno a vida máis natural, saudable e sostible ía darse na Revista Blanca (1898-1904), fundada por Joan Montseny (Federico Urales) e Teresa Mañé (Soledad Gustavo), pais da anarcosindicalista Federica Montseny, que sería ministra no goberno da Fronte Popular.
Máis adiante, o pensador libertario naturista venezolano Carlos Brandt publicou a súa obra El Vegetarianismo que acadou unha grande difusión por riba de todo cando o autor, expulsado de Venezuela, pasou a residir en España. Neste libro apostábase pola dieta exclusivamente vexetariana, xa non só por motivos de saúde, senón tamén por un principio de respecto pola vida dos animais. Esta postura animalista, alumeada polos principios de xustiza, bondade, solidariedade e tolerancia, que eran considerados propios do vexetarianismo formaron o corpus teórico de parte do movemento libertario.

As posturas adoptadas por unha parte do movemento naturista, que rematou coa aceptación dos partidarios de xantar leite e máis ovos no seu seo, ía decantar o anarquismo cara a posicións máis politizadas, defendendo a loita de clases e a reivindicación de unha sociedade libre e sen Estado, na que a filosofía vexetariana librara das malas prácticas dietéticas o conxunto do pobo.

Nos anos vinte do pasado século o naturismo de raigaña ácrata vai coñecer un grande momento. Revistas coma Generación Consciente (1923-1928) e a súa sucesora Estudios (1928-1937) ían facer patente a postura libertaria en cuestións tales coma a hixiene, o nudismo, o control da natalidade, e o neomalthusianismo.

O naturismo/vexetarianismo adquiriu carta de natureza dentro do movemento libertario, non sen debates orixinados pola radicalización moralizante dalgúns grupos, deste xeito chegouse o extremo de asociar a inxesta de carne coa sexualidade desenfreada, postulando posturas represivas prol da sexualidade mesma. A superación destas posturas converteu a práctica naturista/vexetariana nunha escola na que os traballadores atoparon o medio de liberarse das lacras inflixidas polo capitalismo, e por riba de todo o alcoholismo, naqueles tempos una auténtica praga.

O vexetarianismo como filosofía vital desempeñou un papel fundamental ao longo da historia. Na época contemporánea, dende que foi cada vez máis patente o carácter de “construción social” o feito alimentario, a práctica vexetariana rematou por presentarse coma una volta a unha idade primixenia, ideal, da nutrición humana, alimentando nalgúns casos, coma vimos, as paranoias identitarias ata extremos absurdos. Hoxe en día a opción vexetariana semella ficar no terreo das inclinacións individuais, máis preto da “health food” que dunha filosofía vital colectiva.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará