Con motivo do Ano Cultural Lugrís Freire, a A. C. Irmáns Suárez Picallo acaba de editar dúas publicacións que recollen textos do escritor sadense. Trátase, por unha parte, da novela curta O penedo do crime, que viu luz en novembro do ano pasado, e a colectánea A idea na palabra. Textos e documentos recuperados, que será presentada o próximo 28 de abril. En ambos os dous casos contou coa colaboración e patrocinio do Concello de Sada e a Deputación da Coruña respectivamente.
O penedo do crime
Manuel Lugrís Freire. Estudo introdutorio de Xabier Campos Villar
A. C. Irmáns Suárez Picallo, Concello de Sada, Sada 2013
A A. C. Irmáns Suárez Picallo recupera, neste caso, unha novela escrita polo autor na Habana en 1884 e publicada na prensa da época por entregas, que ten a particularidade de constituír a primeira obra do seu xénero redactada integramente en galego. A historia, un drama romántico, está ambientada na Sada de finais do século XVIII. Resultará curioso ao lector poder localizar con precisión espazos hoxe aínda recoñecibles que conservan a toponimia daquel entón, os acontecementos relatados na breve pero intensa novela.
Esta edición complétase cun amplo e documentado estudo introdutorio de Xabier Campos Villar, o principal coñecedor da narrativa de Lugrís. Unha análise que aporta valor engadido a esta publicación, posibilitando unha lectura máis contextualizada. Sada convértese a través destas páxinas, nun lugar destacado no transcurso da historia da literatura galega. Por obra e graza de Manuel Lugrís Freire.
A idea na palabra.
Textos e documentos recuperados
Manuel Lugrís Freire. Selección, introdución e notas de Manuel Pérez Lorenzo
A. C. Irmáns Suárez Picallo,
Deputación da Coruña, Sada, 2014
Coa pretensión de recoller toda unha serie de materiais inéditos ou de difícil acceso ligados á biografía e ao quefacer literario de Lugrís, edítase esta colectánea que vén prologada polo presidente da Real Academia Galega. Non é un feito casual, dado que precisamente este ano cúmprense 80 desde que o escritor sadense tomara posesión como presidente desta institución.
A idea na palabra estrutúrase en torno a cinco apartados, que recollen textos líricos e narrativos apenas coñecidos nos dous primeiros casos; un amplo capítulo de textos e documentos inéditos, facilitados na meirande parte por Manuel Lugrís Rodríguez, Concepción Iglesias Lugrís e a RAG; un cuarto apartado con correspondencia tampouco editada ata agora; e unha última parte na que se compendian artigos sobre Lugrís escritos polos seus contemporáneos. Conta tamén o libro con abundante material gráfico inédito.
Tanto para os interesados na obra e vida de Lugrís como para un público xeral, estas dúas publicacións son moi recomendables en canto aportan luz sobre a súa figura ao mesmo tempo que resultan amenas e interesantes.
Laura I. Pita Campos