O DEBATE SOBERANISTA

Manuel Lugrís Rodríguez
A palabra soberanismo ten varias acepcións, pero hai unha delas que é a que nos vai ocupar nesta reflexión: o soberanismo é, fundamentalmente, unha forma de poder que posúe un certo degrao de independencia dentro dos parámetros en que esta pode entenderse nun determinado contexto. Resumindo, até onde os condicionamentos políticos o permitan, tanto no plano económico como social ou administrativo.

Así, o debate soberanista que se ofrece, case a diario, nos foros mediáticos e nas conversas de “entendidos” en faladoiros, tascas, cafetarías, tertulias ou mesmo na rúa ou simples paroladas particulares, son dunha longal heteroxeneidade ideolóxica, e dun complexo repertorio argumentativo, que vai desde a simple identificación política do proceso até as mais estrañas e, por que non dicilo, peregrinas teses, análises, razoamentos ou discursos dialécticos que abocan, case sempre, en simples aporías sen saída positiva.

Por qué, como é habitual neste tema, xamais se aborda o asunto desde un global conceptuoso do mesmo e o seu estudo ou exame ecléctico liberado de prexuízos ou enunciacións preconcibidas.

O problema territorial de España non é de agora. E un problema definido ó longo da historia recente, alomenos dos últimos douscentos anos e que, progresivamente, foi tomando pulo en agromar, a cada vegada, con renovada forza e con miras mais próximas e inmediatas.

Pero a cegueira dos políticos do poder central, imbuídos pola falsa idea do castelanocentrísmo, non lles deixa ver mais aló dos seus apriorismos inmutábeis que, ano a ano, lévaos ao calexón sen saída pola que conducen indefectiblemente ó estado actual. E, así, nestas circunstancias o debate está deturpado desde un principio. Os seus propios alicerces ideolóxicos son falsos polo que o resultado da controversia é, siloxisticamente, falso.

Un dos piares básicos deste prantexamento é o da pretendida unidade nacional española. Invitaría a eses panexiristas do unionismo a contemplar, soamente contemplar, un mapa da Península Ibérica. Decataríanse de que hai dúas entidades perfectamente diferenciadas e que esa unicidade política que pretenden conservar, non é mais que un desexo incumprido, que soamente foi real nun curto espazo de tempo aló en tempos dos Austrias, coa anexión de Portugal pola monarquía castelá. A desaparición territorial de ultramar e a febleza do estado central, que vense de manifestar progresivamente durante os dous últimos séculos é un elemento dispersivo dunha evidencia clara e precisa e que conleva unha feble cohesión territorial interna.

O debate soberanista non responde mais que ao análise dunha situación definida e non dun obxectivo político predeterminado, o que esixe, para unha presentación auténtica da problemática; a asunción aberta do proceso é abordalo, pragmaticamente, sen horizontes estáticos. O que si que non se vai solucionar o dilema e nunha charla de café ou nun encabalgamento fechado a calquera solución lóxica. 

A torpeza dos gobernantes de Madrid, é notoria e formula, quizais, o mais salientable dos eixos en que se desenvolve o problema. Non é, repito, unha incompetencia de agora, senón
que se remite a moito tempo atrás. Facer unha nónima de desacertos sería inacabable pero, dende a perspectiva galega, atrévome a antepor un amplo abano de posicións sectarias tanto no recoñecemento da realidade do noso pais como da propia estimación moral ou neutra no plano cultural, ou no simplemente político, social e administrativo e, sobor de todo económico.

A diversificación autonómica da transición, coa que o poder madrileño, quería ensumir nun limbo político as realidades vasca, galega e catalá (a Galeuska histórica) foi un fracaso estrepitoso. Dezasete administracións, cos seus órganos de goberno, os seus parlamentarios, as súas gobernacións, etc., levaron ó Estado a unha situación límite, dentro dun enxame de dependencias partitocráticas da que non é quen de saír. As tres autonomías que se presumían nun principio, convertéronse nesas dezasete de multidume multiplicadora dun labirinto de redes e submisións políticas das que está prisioneiro o propio poder central.

A política de persecución tácita contra as culturas periféricas, identificando o español cunha rexión determinada exclusivamente, é unha evidente política de choque ideada dende os despachos mais escuros. O simple exemplo dos entes mediáticos e evidente: Galicia, Euskadi e Cataluña non existen. Esa é a mensaxe tapada que, paseniño, quérese asentar nas mentes desprotexidas dos telespectadores.

E no que atinxe á economía, habemos de recoñecer, de xeito obxectivo, de que con Galicia tivo, o poder interior, un tratamento abusivamente colonial. As nosas fontes estratéxicas de riqueza, foron sistemática delouradas a prol dos intereses doutros territorios do Estado; minería, pesca, gandería, agricultura. Todo en función do proveito alleo: as minas asturianas, pesca cántabra e vasca, agronomía
de secaño. Galicia, que non existe para eles, é decote a grande perxudicada. Un exemplo indignante: as protestas polos investimentos no AVE galego, non tiveron, neses mesmos sermoneadores levantinos, igual tratamento negativo co dislate de idéntico AVE, Sevilla-Madrid no 1.992. Outro exemplo: Galicia é produtor enerxético sobexo en mais de 60%, polo que aporta ás necesidades do Estado unha enorme cantidade de enerxía pero o consumidor e a industria galega paga o mesmo pola tarifa eléctrica que o resto. Non temos competencias nin para defender os principios fundamentais da nosa economía nun plano, como este, decisivo para o desenvolvemento global do noso pais.

Poderiamos seguir até o infinito con razóns de evidencia, pero o escaso marxe que nos queda neste pequeno traballo quero sintetizalo en tres proposicións e un resultado final que
será, un pouco resumo de todo o anterior.

O fracaso do modelo de Estado transicional, deseñado pola dereita conservadora e o socialismo impregnado de tardofranquismo ideolóxico, que buscaba un arquetipo político baseado nun eixo mediterráneo-sureño, definitorio dunha identidade española global alleo á realidade das nacionalidades conformadoras do Estado.

O fracaso dun prototipo económico suspiciado por unha aposta de estado, fundamentalmente, de servizos no que a oferta de turismo e ocio, fosen os sustentadores do inmenso lobby da contorna financeiro-inmobiliaria da rede de corrupción e podredume social e política que empapa a toda a sociedade.

O enquistamento en serodias argumentacións de tipo unitario carentes de sostén ideolóxico actual que abren, cada vez mais, un foxo de incomprensión entre o centro e a periferia.

En resumo: ¿Podemos dicir que esta situación non ten saída razoable? ¿A estrutura territorial está cuestionada de xeito irreversible?

A estas preguntas non hai mais resposta lóxica que a dunha proposta política tamén lóxica: é absolutamente impensable, no mundo actual, a imposición, pola forza, dunha solución imperativa. E, por outra banda, na libre disposición a elixir da cidadanía, en proceso democrático normal, non é difícil colixir de que pode prosperar calquera proposta de secesión.

Así pois, ¿pode haber unha solución pactada? ¿Algún tipo de acordo?

Volvamos a este mesmo texto cando falabamos da simple observación do mapa ibérico. E lembremos o “Sempre en Galiza” de Castelao. Aínda a setenta e tantos anos de distancia, segue a ter verdadeira vixencia o concepto de Confederación Ibérica proposto polo ilustre rianxeiro. E, dicir, unha unión das diversas nacións peninsulares, con ou sen estado, a conservaren a súa soberanía e rexerse por determinadas leis comúns e pactadas. Sinceramente, pode ser a única solución lóxica e civilizada.

Galicia non debe, de ningún xeito, ser de novo esquecida, afastada e, mesmo, ignorada. Vainos todo en elo e mais no estado de recesión demográfica en que estamos sumidos. Pero isto é outra historia da que trataremos outro día.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *