MEMORIA DE ACTIVIDADES

Marisa Naveiro López
O 14 de outubro pasado cumpríase o 5ª aniversario da traída dos restos de Ramón Suárez Picallo desde a Chacarita en Buenos Aires ao cemiterio do Fiunchedo, en Sada. Por tal motivo varios membros da asociación, así como representantes de Eira Vella, reuníronse aquí para ler textos e rematar coa ofrenda floral e o himno galego.

Ofrenda floral a Suárez Picallo


Así mesmo o 18 presentabamos na capela de San Roque o nº 7 de Areal, un número marcado polo 150 aniversario do nacemento de Lugrís Freire. Interviñeron no acto Paco Pita, Manuel Pérez Lorenzo e Marisa Naveiro, e contamos coa actuación musical de Moncho do Orzán, que realizou un percorrido didáctico pola evolución da música galega nos séculos XIX e XX.

O Penedo do crime é o título da obra de Lugrís que presentamos o día 29 de novembro na capela, ten unha gran importancia pois era a primeira vez que se publicaba como libro independente. Veu o autor do estudio introdutorio, Xabier Campos Villar.

Neste último semestre participamos en varios actos que tiveron lugar no noso Concello, como o aniversario do IES Isaac Díaz Pardo ou o Serán 2013 en Fontán, organizado pola Plataforma en Defensa da Ría de Sada, onde actuaron Mini e Mero e Paris Joel na música; Xosé Leira, Ramiro Vidal e Vanesa Santiago na poesía; Isabel Risco e Fernando Morán no teatro. Tamén estivemos presentes na charla que sobre arqueoloxía (“Escavacións no 2008 no Castelo de Fontán”) deu Antón Fernández Malde.

En decembro preséntase na Terraza o volume Modernismo na Coruña e a súa area metropolitana, de José Ramón Soraluce, ao que asistimos unha importante representación da Asociación.

Dentro das actividades de clausura do ano Lugrís Freire, organizamos en febreiro na capela de San Roque unha Xornada sobre Lugrís, na que interviñeron Xosé Manuel Fernández Costas (“Lugrís un home comprometido co seu tempo e coa súa terra”) e Manuel Pérez Lorenzo (“Lugrís e Sada unha relación vital”).

O día 14, na Casa da Cultura “Pintor Lloréns” tivo lugar o acto central do peche do Ano Lugrís, coa participación dos centros escolares, o Concello e a nosa Asociación. Interveñen representantes das institucións: Director de Política Lingüística, Concelleira de Cultura, Alcalde de Sada, Manuel Lugrís Rodríguez e Concepción Iglesias Lugrís (netos do homenaxeado), Xosé Seoane (autor do documental), Francisco Pillado (editor e experto no teatro de Lugrís) e Xesús Alonso Montero (Presidente da RAG). Presentouse o documental Manuel Lugrís Freire. Pioneiro do proxecto nacional galego, realizado por Gallaecia Filmes, do IES Isaac Díaz Pardo de Sada, en coprodución coa A. C. Irmáns Suárez Picallo e Genetic Films.

Membros da Asociación asistiron o pasado día 28 de febreiro, na Libraría Brañas, con Antonio Rodríguez Cabanas (Ourovello, Paderne, 1934) á presentación do seu libro A cultura tradicional galega desaparecida.

Membros e simpatizantes da Asociación desprazámonos a Gres (Vila de Cruces) para nomear Socio Honorario a Xosé Neira Vilas, visitar a súa Fundación e compartir mesa e mantel na localidade, ao tempo que lle testemuñamos unha vez máis o agradecemento pola amizade, xentil colaboración e singular consideración que manifesta coa nosa Asociación.


E por último sinalar que integrantes da Asociación viaxaron a Nova York, sendo recibidos en Casa Galicia pola presidenta da Sección de Cultura e facendo entrega dun lote con diversas
publicacións. Así mesmo tamén se desprazou unha representación a La Habana facendo o mesmo no Centro Galego e na casa do Historiador de la Ciudad de La Habana.


Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *