Untitled Post

Editorial da Redacción    

Asociación
Cultural Irmáns Suárez Picallo                    14 de abril de 2014 nº 8 –
Sada


Ten o lector nas
súas mans o número 8 da revista
Areal, de contidos
variados pero dedicado, especialmente, a dúas mulleres. Dúas figuras de
singular importancia na Galicia contemporánea, ambas ligadas ao noso municipio:
Carmen Arias e Luísa Villalta. Mimina, artista plástica, empresaria
comprometida co país e artífice, con Isaac Díaz Pardo, da maior obra de
mecenado da nosa historia, deixounos hai uns meses. Luísa, escritora, artista
polifacética, activista cultural e política e docente exemplar, hai xa agora
dez anos que morreu.
Unha e outra
estiveron e están ligadas ao noso municipio. Luísa, pola súa actividade
profesional como mestra no IES Isaac Díaz Pardo durante anos, e pola pegada
indeleble que imprimiu en varias xeracións de alumnos e alumnas. Mimina, como
descendente dunha familia de fonda raigame no tempo e como veciña do Castro
durante case toda a súa vida; pero, sobre todo, como unha das dúas pezas
fundamentais que lle deron vida a Cerámicas do Castro, factoría hoxe agonizante
precisamente a consecuencia dun novo modelo de xestión radicalmente oposto ao
espírito que a orixinara.
É precisamente a
dramática situación económica do país, e tamén de Sada, a que marca a
actualidade. E con especial dureza no que respecta a un dos sectores produtivos
máis importantes do noso concello: o da pesca artesanal, sometido á ditadura
dos mercados e lastrado pola actitude de administracións cómplices con aqueles
intereses que o único que procuran é a extinción do sector. Nos últimos meses,
os mariñeiros do cerco saíron á rúa para reivindicar algo tan simple como o
dereito a poder vivir do seu traballo. Nesa loita terán o modesto apoio desta
Asociación, debedora dos que, como eles, sosteñen a economía da nosa
localidade.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *