DE GRÂNDOLA ÁS GRÂNDOLADAS

Iago Santalla

José Afonso, autor de Grândola, Vila Morena

Se puidese viaxar notempo e tivera que escoller unha data histórica, non dubidaría en situarme o 25 de abril de 1974 en Lisboa. Faríao sabendo como sei, que a Revolución dos Caraveis que trouxo a democracia ao país veciño tivo múltiples fallos e non poucas carencias no seu desenvolvemento posterior; pero, tamén sei que foi un día de esperanza e reencontros con aqueles presos que en Caxias e Peniche, así como na Ultramar, resistían ás torturas da PIDE. Unha das imaxes máis emotivas da Revolución dos Caraveis, prodúcese cando dous días despois os presos políticos son liberados e os seus carcereiros ocupan as súas celas. Pouco despois, nunha entrevista, Otelo Saraiva dicía que non todos os axentes da PIDE eran iguais e que habería que xulgar a cada quen polo seu delito.

Grândola foi a sinal que mobilizou aos soldados ás 00:20h cara á toma dos primeiros obxectivos. As consignas eran claras pero a ledicia que salta coa liberdade dun pobo oprimido desbórdase e as rúas atéiganse de xente. O tempo deu paso á política e acabou impoñéndose a reforma do Xeneral Spínola e, polo tanto, a democracia burguesa. Dixo José Afonso, xa enfermo, “resistín os golpes da ditadura mais non os da democracia burguesa”.

Con todo, Grândola segue no corazón do pobo e foi o pobo que decidiu rescatala nun dos peores momentos da historia de Portugal. Nos anos 2012 e 2013, Grândola, corenta anos despois de ser gravada e trinta e oito despois do 25 de abril, volve soar como un himno á liberdade que varre Europa. No noso pais chega a soar catro veces en Madrid en manifestacións que demandaban liberdade e o mantemento dos servizos públicos esenciais.

En Galicia (onde foi estreada) soa o 23 de febreiro en Ourense e o 26 de febreiro no Pazo do Hórreo. Grândola recorreu a península demandando unha democracia real na que cada persoa conte e na que o benestar sexa a primeira obriga dos nosos políticos.

Deuse en falar de Grândoladas e nalgún xornal bautizouse Grândola como a canción que persegue ao goberno portugués. Realmente, Grândola volveu para denunciar o que moitos levamos tempo dicindo: a democracia tense que traducir nun estado social que vele polo benestar das persoas. 
Iso é o que defendía Zeca Afonso e o motivo polo que as Grândoladas volveron á primeira liña da actualidade.Hai que ter en conta que tamén é o motivo polo que moitas persoas agardamos un abril que traia o estado social que un día soñou Otelo Saraiva e que quedou esquecido ao poñerse en marcha a reforma do Xeneral Spínola.

As Grândoladas son unha mostra do que verdadeiramente pretende o neoliberalismo: unha democracia de voto en furna para elixir a quén decidirá por nós ao seu antollo. Este é o resumo da democracia burguesa que defraudou a José Afonso; mais as Grândoladas deixáronnos a esperanza e a consciencia de que, como dicía Uxío Novoneyra, “podemos ser outra cousa”.

Certos deso, celebramos corenta anos de Caraveis coa esperanza de que agromen noutra democracia que non deixe a ningún cidadán tirado pola rúa. Unha democracia humanista, que teña como primeiro obxectivo atopar “em cada rosto igualdade”. Por iso, cada Grândolada tórnase unha imaxe de porvir.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *