AS SARDIÑAS

Quijote
Algunha que outra tarde-noite de lúa -maiormente no limiar do verán- reencontrámonos. Elas xa saben que sempre estou alí: na punta do dique de Sada -coma se fora o seu mascarón de proa-. Cando as vexo buligar cun ferver de prata no mar, sei que me están a saudar.
Miñas pombas…!

Entón, respóndolles co xesto de liberdade que lanzan os meus brazos erguidos.

Hai moitos anos daquel frechazo que me namorou.

Foi unha levadeira tarde de Xaneiro cando todo comezou. Eu estaba xogando co meu papaventos na praia do Orzán. -Encantábame xogar co vento. Largarlle fío á miña bolboreta de tea, para que subise coma un pensamento ata o medio do azul, ou do gris…, pero sempre preto do branco das nubes dos meus soños.- Sen moito aviso, comezaron a xurdir unhas escuras nubes. O vento virou de súpeto e lanzou o meu papaventos contra as rochas. Agora eran as ondas as que querían xogar co meu trebello. Lanzábano polo aire, no medio das nubes de auga que formaban no intre de se rachar, e logo refregábano polas minchas, e lapas, e mexillóns… ata esnaquizalo co seu rebulir de espumas enriba das rochas.

“Eu estaba xogando co meu papaventos”. Orixinal de M. Suárez de Concha

“Espapallóuseme o papaventos!” Maldicía, berrando para min, perplexo e paralizado. Sentía como si unha dor nova presaxiase a pérdida para sempre da miña capacidade de voar polo branco infindo dos soños. Aqueles momentos de liberdade respirando mar, correndo descalzo sobre a area mollada para subir co papaventos ata os espazos virxinais do pensamento…, ¡érancheme media vida! E por enriba, púxose a chover como se nunca chovera. Comíame a rabia! Estábame
mollando mais aínda era cedo. Que facer entón? Acordeime do Acuarium, non estaba lonxe e alí podería pasar o tempo sen mollarme.

Endexamais me gustou o Acuarium. Rebéntame ver a tristura dos peixes ollándonos, sen o máis mínimo interese, desde a súa angosta gaiola de cristal. Coma mortos condenados a ter que vivir dando voltas e voltas nun artificial anaco de mundo submarino. E chámanlle A Casa dos Peixes…! Sería mellor chamarlle: A Cadea dos Peixes Zombis. Non si…?

Eu quero ver as cousas no seu natural. Non me gustan os zoos; non me gustan as gaiolas de ningún tipo. Os peixes, queren a liberdade do mar. O resto de animais, soamente necesitan a súa propia liberdade. Eu son un animal…?

Había moito que non ía por alí. O vixiante (un veciño), deixoume pasar de balde, coma sempre.

Preto da entrada vinme sorprendido por un inmenso tanque de cristal cheo de auga. Dentro, centos e centos de sardiñas nadaban vertixinosamente na mesma dirección. A imaxe era dunha beleza extraordinaria. Non me movín de alí ata que o meu veciño veu a sacarme, pois eran horas de pechar. A partir de entón xa non pensaba noutra cousa que volver ver as miñas sardiñas. Achegábame ata elas sempre que podía e quedábame, pegado ao cristal, horas e horas mirándoas, analizándoas.

“Rebentábame ver a tristura dos peixes”. Orixinal de M. Suárez de Concha

Ó principio estrañoume moito o seu constante fuxir cara a adiante. É que non se decataban que aquilo non era outra cosa que aferrarse a unha espiral esgotadora e interminable? Pois non! Logo de observalas ben, cheguei a comprendelas: buscaban a comporta de saída cara á liberdade. E aínda que sempre chegaban ó mesmo sitio sen atopar nada, volvíano a intentar de nono, unha e outra vez. Unha e outra vez…!

Gustábame a súa determinación, ese xeito de non se render. Así que comecei a telas moi en conta.

Semellábanseme ás sereas míticas, coas dúas aletas ao final dós seus corpos estilizados de carne ben preta aínda que brandamente feminina. A súa pel, suave e doce, cubríase de escamas luminosas, coma se levasen posto un traxe de festa con abelorios de prata tinguida de verdes e azuis. A cabeza, non moi grande, uníase con perfecta harmonía ó resto do seu
corpo. A boca levaba a forma da proa dunha lancha. Era pequena pero xeitosa. Nadaban con ela pechada non sendo cando ían comer do plancto, entón era cando abríana e mostraban os seus beizos perfilados e suxestivos. Abofé que eran ben coquetas, pois eu creo que se enzoufaban as facianas con pos de colorete e poñían adornos nas súas branquias. Non sei de que maneira… pero namoráronme.

Decateime que, cando eu estaba máis atento a os seus movementos, facían cousas estrañas e sen sentido. Querían chamar a miña atención!

Os días seguintes non paraba de observar os seus xestos, ata peguei a orella no cristal por si oía algún son que puidese comprender. Nada sucedía… Foi ó centrarme nos seus ollos cando comecei a ter sensacións de conflitividade. Xa me engaiolaran eses dous océanos profundos de mar escuro, rodeados de praias de fina area de nácara, que alumean a cada lado das súas facianas. Pero agora era distinto. Agora podía mergullarme dentro deles e ver canda elas, soñar canda elas, chorar canda elas, buscar canda elas… e entón, escoitar o seu berro de liberdade. Así que fomos quen de comunicarnos.

Xa podiamos falarnos coa mirada cando lles prometín que faría algo por elas, que as sacaría daquel turbillón claustrofóbico. E claro..!, quedaron relaxadas, enchidas de esperanza en min. Pero que podería facer? Dera a miña palabra e polo tanto era unha obriga cumprila. Mais non se me ocorría nada. Como voltar ó Acuarium cas mans baleiras? Ó final fun cara elas coa vergoña de non ser quen de atopar unha solución. Pero, coma por arte de maxia, cando xa estaba chegando acendéuseme unha luz. Entrei, pero non fun canda elas coma sempre. Pasei primeiro polo cuarto da limpeza para facerme cunha escaleira e alí mesmo espinme. Deixei a roupa nun curruncho e saín correndo espido cara as sardiñas coa escaleira baixo os brazos. Ao chegar xunto a elas mergulleime na peixeira completamente nu,. As sardiñas revolucionáronse, mais enseguida comprenderon o que estaba a facer: ía a chamar a atención para poñer voz as súas queixas.

Era un gozo nadar con elas; sentir o roce da súa fermosura na miña pel. Todas querían aprenderme a nadar mellor. Facíanme demostracións movendo as aletas, flexionando o corpo, facendo xiros… Ata saltaban fora da auga e tornaban facendo piruetas. -A min cústame moito facer o que elas fan!-.

De seguida arremuiñouse a xente a noso redor. Eu afundíame na auga e logo saia berrando: Liberdade! Liberdade para as sardiñas! Así unha e outra vez ata que me sacaron. Ese primeiro día tapouno todo o vixiante e soamente quedou coma unha anécdota. Pero eu seguín ca mesma liturxia ó día seguinte, e o seguinte, e o seguinte… ata que aquilo converteuse nunha romaría. Un xornal local publicou a miña foto coa noticia e a partires diso foi todo una tolaría. Achegáronse xornalistas de todo o pais e mesmo do estranxeiro.

Pero claro, aquilo alporizou ás autoridades, así que axiña viu a policía e levoume detido, apesares dos esforzos por impedilo do vixiante, que choraba nervioso e sentíase culpable. Ai meu probe! Que culpa habería de ter el…?

Ninguén me xulgara, ninguén me condenara, mais o tempo corría namentres eu seguía na cadea. Entón a xente encomezou a xuntarse diante do cárcere esixindo a miña liberdade. Os medios informativos puxéronse a favor da causa e as autoridades non lles quedou outra que deixarme saír. Foi un domingo na hora do xantar e alí estaba unha morea de xente recibíndome coma un heroe. Logo viñeron canda min gritando cheos de ledicia: Liberdade ás Sardiñas!

Os domingos, o Acuarium, pechaba polas tardes. Dábame igual, e fun para alí. Xa coñecía tanto aquilo que sabia como entrar por unha porta secreta.

Espinme como sempre pero esta vez untei o corpo cunhas vaselinas de cores augamariñas que tiñan no almacén e mergulleime. ¡Mesmo semellaba unha sardiña!

Nadaba ben, pero non coma elas. Copiei repetidamente os seus movementos ata que me din conta que estaba no medio delas… nadando vertixinosamente!

Era unha mais. Era un sardiña! E entón encomecei a desfrutar dos meus xiros, dos meus cambios repentinos de velocidade, dos meus serpeantes movementos de corpo, de todo o que aprendera.

Un raio de lúa chegaba tinguindo o recinto de misterio. Resultábame tan agradable estar así…!

Entón, decidín quedar tamén a pasar a noite. Fun copiando o que facían para durmir. Abrín un pouquechiño a boca respondendo aos seus sorrisos, e coa mesma íame quedando docemente durmido. Oh… que paz baixo a auga!

Foi a muller da limpeza quen, berrando, alertou a o meu veciño o vixiante que ao parecer non foi quen de espertarme. Dixeron que tiña un sorriso abraiante e que cas mans sostiña, cara o cristal, un cartel que poñía: Liberdade!

O vixiante tomárame cariño e cando houbo pasado todo o balbordo, liberou as sardiñas. Deixounas no mar aberto. Elas saíron correndo, coma se foran escorrentadas polo demo a refuxiarse na Ría de Betanzos, nos arredores do espigón de Sada.

Logo souben que a xente tivo que defender ó vixiante pois queríano votar fora, e que a min chamábanme o mártir. De seguida fan santo a calquera!

Os mariñeiros de Sada (ao mellor alguén fala coas sardiñas) co tempo fixeron unha colecta pra recadar cartos cos que poñer unha estatua no meu recordo. Trouxéronme a soterrar na punta do dique -¡a carón da liberdade do mar!- e sobre del, colocaron a miña estatua.

Agora son de pedra e de aceiro, pero o meu corazón é de luz de lúa, e late -maiormente no limiar do verán- nos lombos das miñas irmás as sardiñas.

A Coruña, Xaneiro, 2014
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará