A INDUSTRIA DO BARRO NAS BRAÑAS DE SADA

Maise Vázquez García
Manuel Pérez Lorenzo
Andrés Vázquez e Odosinda Varela, propietarios dunha das primeiras telleiras. Cedida por Memoria de SadaO humidal das Brañas de Sada é un dos espazos de maior interese ambiental do noso municipio, por acoller unha gran biodiversidade. Porén, non é menos importante a súa dimensión etnográfica e histórica, dado que a actual morfoloxía dese singular enclave débese a unha actividade económica concreta: a fabricación de tella e ladrillo.

Foto. Andrés Vázquez e Odosinda Varela, propietarios dunha das primeiras telleiras. Cedida por Memoria de Sada

A ACTIVIDADE INDUSTRIAL NAS BRAÑAS

Semella que a presenza humana no espazo húmido das Brañas vén de lonxe. A finais do século XIX, F. Vaamonde Lores facía mención a “una tradición que refiere que en las Brañas se encontraron enterradas vigas clavadas de punta y ligeramente quemadas”, o que vinculaba á posible existencia dun poboamento lacustre de “época antiquísima”.

O aproveitamento das Brañas con fins industriais semella que ten as súas orixes nas postrimerías do século XIX, cando se documentan as primeiras explotacións das barreiras por parte do telleiro de Dorneda Ignacio Temprano primeiro e de Andrés Vázquez Pato pouco despois. Nas décadas seguintes, e ata ben avanzada a segunda metade do século XX, esta actividade habíase transformar nun sector importante no desenvolvemento económico de Sada. No 1935, o xornalista Xohán Antón Suárez Picallo indicaba:

Hay seis tejeras funcionando en cada una de
las cuales trabajan por término medio en la
temporada estival de 20 a 25 obreros de
ambos sexos, sumando en total unos 150.
Esta industria, en vías de normalización y
bastante rutinaria por el momento, está
llamada a ser, dentro de pocos años, la más
importante de la comarca.

Ao longo destas primeiras décadas, os empresarios deberían facer fronte a diversos obstáculos. Principalmente, a aversión do Concello á apertura de foxas, dado o seu carácter insalubre e polo perigo que podían ocasionar ao tránsito de gando e transeúntes. Os propios contratos de arrendamento
das terras incidían na obriga, por parte do industrial, de deixar a finca no estado de planicie orixinal. Xa no ano 1909, o Concello impuña unha sanción a Ignacio Temprano por non ter feito “desaparecer los hoyos que abrió con motivo de la extracción de tierras para la fabricación de teja”. Unha década despois, con data 25 de marzo de 1918, a Corporación,
sendo alcalde José Mora Soto, acordaba o cese da actividade, se ben esta determinación non debeu ter consecuencias:

Se dio lectura a un informe de la Junta Local
de Sanidad en el cual se indica la conveniencia
de clausurar las fábricas de tejas que explotan
en terrenos inmediatos a esta villa D.
Ignacio Temprano Pan y D. Manuel Temprano
Casal, proponiendo además la clausura
de hoyos que se viene haciendo para extraer
el barro con que se fabrican las tejas y ladrillos,
los cuales constituyen un peligro para la
salubridad pública. El Ayuntamiento teniendo
en cuenta que en muchas ocasiones ya se
les había advertido a dichos tejeros que rellenaran
los hoyos y que lejos de verificarlos
los ahondaron más formando grandes charcas
y no pudiendo tolerarse esta causa de
insalubridad, se acuerda llevar a ejecución lo
propuesto por la Junta de Sanidad.
Imaxe dunha telleira, do vehículo empregado para achicar os pozos e do carro para o transporte do barro. Fotografías cedidas por Memoria de Sada.

En total, no termo municipal chegarían a existir ata máis de quince telleiras, das que a maioría estaban emprazadas nas Brañas, dada a proximidade da materia prima. Outros lugares que acolleron o establecemento de telleiras dentro
do concello son a área de brañas de Seixeda-O Tarabelo, A Lamela, en Carnoedo, e a carón da rampa do Cargadoiro, en Sada.

Nos anos 70, ante a imposibilidade de poder competir no mercado coas macro empresas do sector, estas pequenas telleiras familiares foron pechando paulatinamente. O curso do tempo e a acción da natureza remataría dando lugar ao actual humidal, composto por unha serie de lagoas de diversas proporcións correspondentes ás primitivas barreiras.


O PROCESO DE FABRICACIÓN

Cando se instalaron as primeiras telleiras, o proceso de fabricación era moi rudimentario. O barro extraíase principalmente das zonas húmidas nas que se atopaba o aluvión ou arxila formada pola sedimentación. Nestas primeiras décadas, sacábase o barro facendo pequenos buratos no terreo. Se chovía, o oco enchíase de auga e facíase impracticable, dado que o proceso de achicado era manual e, polo tanto, moi lento. Entón, procedíase a cavar outro oco consecutivo ao anterior. Ao apareceren os motores eléctricos, comezouse a extraer o barro dun terro moito máis amplo, xa que, se chovía e se enchía de auga a barreira, procedíase a desaloxala por medio dunha achicadora. Esta, impulsada por un motor eléctrico, succionaba a auga e vertíaa no río máis próximo, quedando así o terreo en disposición de poder seguir extraéndose o barro.

Nos períodos estivais, almacenábase a arxina nos alpendres para poder fabricar o ladrillo durante o inverno, cando o proceso de extracción era máis complexo. Ao principio, o ladrillo que se fabricaba era un bloque sen buratos, e as tellas facíanse mediante partindo dun anaco de masa de barro rectangular ao que se lle deba forma cun molde de madeira denominado formal.
O proceso foise modernizando e mecanizando, nun proceso que comezou xa nos anos 20, como recolle a prensa:

En la primera quincena del próximo mes de abril,
reanudarán sus trabajos las tres fábricas de teja y
ladrillo de los hermanos Temprano. En la de don
José, será dotada de potentes motores de gasolina,
para hacer ladrillo hueco y macizo.

O barro seguíase a extraer dos campóns igualmente a man, mediante pico, azadón e pa. Transportábase ata o alpendre, onde se emprazaba a máquina de fabricación, nun carro tirado por un cabalo ou outro animal de tiro. Unha vez que estaba depositado o barro preto da máquina, picábase cun azadón e botábase na tolva da amasadora, onde, logo de pasar polos cilindros trituradores, saía a través do molde que estivera colocado na mesma: a rasilla (de tres buratos), o bloque (de seis) ou a tella.

Segundo saía da máquina, colocábase en carretas e era conducido ás muelas de secado: ringleiras de ladrillo cocido duns 20 metros de longo nas que se colocaba o ladrillo húmido ata unha altura de metro e medio para proceder ao seu secado. Estas muelas estaban ao aire libre, polo que, cando chovía, era preciso cubrilas con tella. Alí ficaba o ladrillo ata que secaba o suficiente para pasar ao forno de cocción. Pola súa parte, as tellas que saían da máquina eran colocados nuns soportes de madeira apilables. En cada soporte ían dúas tellas. Estes soportes coas tellas colocábanse nas carretas e tamén eran levados ao lugar de secado.

Proceso de secado dos ladrillos e tellas. Fotografías cedidas por Memoria de Sada.



Os fornos de cocción eran de planta circular, divididos, en sentido horizontal, en dúas partes separadas por unha especie de emparrillado de ladrillo, e cunha cheminea na súa parte superior.

Na parte baixa tiña dúas portas metálicas, opostas unha á outra, que era por onde se introducía o serrín e a biruta, empregados como combustible. Na parte situada enriba desta, e separada dela polo emparrillado, había unha porta máis grande para introducir o ladrillo ou a tella.


Unha vez cheo o forno, tapiábase a porta con ladrillo e masa de barro que, unha vez cocido, volvíase a destapiar para extraer o seu contido. Por un lateral do forno unha escaleiriña metálica daba acceso á base da cheminea, onde había unha trampiña tapada cunha placa de metal que se empregaba para poder seguir o proceso de cocción e deixar que se apagara o forno cando xa o ladrillo ou a tella estaban cocidos.


Este modelo de fornos de botella (por analoxía da súa forma cilíndrica rematada en cheminea) sería substituído, no marco do proceso de modernización, polo modelo de fornos de túnel, dispostos en sentido horizontal e con maior capacidade.


Ao rematar o proceso, descargábase o forno, ben directamente nun camión para o seu transporte ao lugar de destino ou ben almacenándoo no alpendre para a súa posterior venda.




O RESULTADO: UN RICO PATRIMONIO INDUSTRIAL


Esta actividade industrial, concentrada en torno ás Brañas, ademais de modificar o espazo no que se asentou, xerou abundantes construcións, das que existen restos en toda a área. Na Malia que varias das telleiras, nomeadamente as emprazadas en zonas hoxe urbanizadas, desapareceron por completo, algunhas si que conservan bastante ben a súa estrutura, co deterioro lóxico do paso dos anos.


As telleiras das Brañas enmárcanse dentro do que a lexislación e diferentes organismos entenden como patrimonio industrial, cun alto valor cultural, nomeadamente pola pervivencia dunha paisaxe -de enorme valor ambiental- que foi orixinada pola propia industria da tella e do ladrillo. Non se entenden as Brañas sen as telleiras, e tampouco se pode concibir esta actividade económica concentrada senón fora polo xacemento de materia prima en torno ao que se desenvolveu. Cómpre, xa que logo, desenvolver accións co fin de que a sociedade poida ter un coñecemento directo dunha industria crucial para a Sada do século XX como foi a da tella e o ladrillo.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *