Escolas de Sada y sus Contornos. Fondo fotográfio Memoria de Sada (CeMIT Sada)
Os sadenses que emigraron a Nova York no século pasado, constituíron o 19 de maio de 1913 a sociedade Sada y sus Contornos con obxectivo de potenciar a educación na súa vila natal. A idea da construción do edificio xurdiu ese mesmo ano, pero abriu as súas portas 14 anos despois. Un dos promotores foi Antonio Fernández Pita, que chegou a ser alcalde de Sada entre 1932 e 1936, data na que foi fusilado.
Esta sociedade quería construír unha escola cun sistema educativo laico e un plan de ensinanza moderno. Durante anos, estes emigrantes, mediante as cotas dos seus socios e algunhas festas en Nova York –para recadar fondos– foron reunindo o diñeiro preciso para poñer en marcha o proxecto, manifestando que a escola non podía ser xamais vendida nin transferida.
A sociedade, da que foi primeiro presidente Ramón Mosteiro Calza, abriu unha delegación en Sada para realizar os trámites da construción e administración dos bens. Fixéronse anuncios para animar a facerse socios a aqueles sadenses que non emigraran e fixaron a cota en 50 céntimos ao mes. En 1920 realizouse o proxecto para construír o colexio. Polo seu elevado custe, o proxecto modificouse con edificio máis pequeno. O 1 de outubro de 1922 colocouse a primeira pedra e o 4 de setembro de 1927, inaugurábase oficialmente a Escola.
O día da inauguración foi un día de festa para Sada, dianas e alboradas, manifestación da cidadanía polas rúas, descubrimento dunha placa que dá o nome de Sada y sus Contornos a unha das rúas de Sada, que pasa por diante da escola. Houbo tamén discursos dos escritores Manuel Lugrís Freire e Antón Villar Ponte. Anos despois Lugrís foi nomeado presidente de honra da sociedade. Houbo tamén un banquete en La Terraza e un baile na Praza de San Roque.
O colexio comezou a funcionar no curso 1927-1928 e os primeiros exames foron o 8 de xullo de 1928. Nesa época, a escola tiña ao redor de 300 alumnos. Foi unha escola modélica no seu tempo, cunha estupenda biblioteca e moi bos profesores. Moitos dos libros desa biblioteca foron queimados.
Co alzamento de 1936 chegou a incautación do edificio, centos de nenos quedaron sen escola. Funcionou como cuartel militar e tamén albergou á Garda Civil cando Franco se aloxaba no Pazo de Meirás. No ano 1946 o alcalde Miguel Pérez Sanjurjo evitou que fose vendido en poxa pública e o ministerio de Facenda cedeuno (sen ser propietario) ao concello para dedicalo a escola nacional “non laica”. Aquí terminaron os soños daqueles emigrantes sadenses que apostaran por un ensino para os seus fillos, ensino que eles non tiveran, pero que co seu esforzo conseguiran. A medidos dos anos 80 disolveuse a sociedade de Nova York. O seu último socio faleceu en 1990.
O nome de Sociedad Sada y sus Contornos herdárono os sadenses emigrados na Arxentina, que doaran á escola un precioso moble biblioteca, que despois de estar abandonado nalgunha parte do concello foi restaurado e hoxe pode verse na Sociedad Recreativa y Cultural de Sada.
memoriadesada.com