ABOLICIÓN

Rubén Pérez Sueiras



A
oposición á realización de corridas de touros no mundo non é unha novidade, non
é o movemento social moderno que pretenden facer pensar os grupos de presión en
conivencia cos partidos políticos que aínda continúan a apoiar esta actividade
sanguinolenta.

Hai
exemplos históricos e pouco coñecidos, tamén, do apoio popular á abolición dos
festexos taurinos. Dende 1834 téñense desenvuelto protestas contra as touradas
en vilas como A Coruña. Máis famoso é o “mitin antitaurino” 
que
desenvolveu, entre outras entidades, a “Sociedade Abolicionista” en Barcelona
no 1926, contando coa participación dun galego como Tiberio Ávila, tamén
deputado nas Cortes. Anos máis tarde, sumando a Ávila teríamos manifestacións
doutros políticos galegos como Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Ramón Suárez
Picallo.
É
significativo que tanto Castelao como Suárez Picallo foran dos deputados máis
votados das correspondentes circunscricións electorais naquel aplastante
triunfo da Fronte Popular nas Eleccións do 36, a pesares de que pouco 
despois
os da “Fiesta Nacional” aplastaran a democracia…
Aquel
artigo de Ramón, lembrando á familia do touro que matou a “Manolete”, permite
recoñecer non só a retranca galega senón tamén que as posturas abolicionistas
non son cousa de mozos nin de modas. Teñen un fondo posicionamento no
imaxinario colectivo. Temos fondos referentes culturais, sociais e políticos
nas figuras de moitos intelectuais da nosa terra. A plataforma Galicia, Mellor
Sen Touradas apareceu en 2008, como continuación do pensamento contrario aos
festexos taurinos que sempre tivo a cidadanía.
Resulta
estraña ver a evolución da tauromaquia no noso territorio. Queda claro que na
actualidade a Sociedade civil non acepta esta actividade, e que a súa pervivencia
queda vencellada á pervivencia do diñeiro público como inxección constante para
paliar as perdas económicas dos escasos promotores taurinos. Aquel “Pan y
Toros” que lembraba Ramón Suárez Picallo na súa misiva sobre a desdicha de
Manolete a cornos de Islero aínda continúa de actualidade.

Rabiosa
actualidade á vista da oposición activa que se organizou nos últimos anos. A
versión moderna do “Panem et Circenses” rexurde con forza grazas ao conxunto de
subsidios do Estado, máis de 600.000.000€ cada ano para financiar tauromaquia,
cos 130.000.000€ que perciben os taurinos da Política Agraria Común da Unión
Europea e os centos de milleiros de euros cos que agasallan algúns concellos e
deputacións galegas a promotores desta cruenta actividade.
Nos
últimos anos os movementos a prol da abolición dos festexos taurinos avanzaron
cuantitativa e cualitativamente, e de xeito moi positivo. Unha Iniciativa
Lexislativa Popular, fórmula descoñecida para os grandes medios e
a
meirande parte da cidadanía convértese na ferramenta empregada por unha
comisión promotora para impulsar o veto ás touradas en Cataluña. Máis de
180.000 sinaturas, numerosas portadas nos medios de comunicación internacionais
e unha auténtica lección de democracia directa fan que o Parlament vote pola
abolición, modificando a excepción normativa que posibilitaba as corridas de
touros. A mesma excepción que ostenta a Lei de Protección aos Animais de
Galicia, e a mesma incongruencia. Qué son os touros, pedras?
Na
nosa terra temos a mesma capacidade para artellar este tipo de iniciativas mais
o tempo político non acompaña. A pesares da falta de sintonía entre a
cidadanía, que declara nunha enquisa do Ministerio de Cultura non asistir no 
99,2%
da poboación, e o eido parlamentar, máis dunha vintena de deputadas e deputados
do Parlamento galego asinan no último ano un compromiso para traballar da man
da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas. A fotografía é clara. Artellar o
movemento cidadán, a Sociedade civil, coas formacións políticas para fomentar
que o discurso abolicionista chegue ás institucións. Froito destas sinerxías se
rexistraron numerosas iniciativas.
Cómo
é posible que concellos como o da Coruña sexan capaces de subsidiar un
espectáculo de mera tortura animal? Pode existir alguna explicación sociohistórica,
moi relacionada cos poderes fácticos e mediáticos que dominan, 
dun
ou doutro xeito, a necesidade de incluír touradas na programación de festas do
municipio. Resulta significativa a relación das “sociedades de pedigrí” da
cidade e as touradas. Abonos máis baratos, convites, recepcións cos promotores,
fotografías… todo funciona como elemento de apoio social dos de arriba. E os de
abaixo reclamando a abolición. Tamén existe loita de clases.


Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *