VIDA MARIÑEIRA DE SADA. CONTRIBUCIÓN PARA UN ESTUDO LINGÜÍSTICO (II)

María do Carme Ríos Panisse
Publicado orixinalmente en Verba, nº 1, 1974: 181-232.

II. O BARCO

1. Construción
O carpinteiro da ribeira é o encargado de construír os barcos no astilleiro. O carpinteiro fai primeiramente o armazón que consta dunha peza central chamada quilla que serve de sostén para as barras ou madeiras das cuadernas, táboas curvadas que forman o costelaxe do barco dándolle a redondés. Sobre a quilla de proa a popa vai outra peza colocada por riba da trabazón das barenjas que recibe o nome de sobrequilla. O costelaxe de proa e as veces o de popa, se esta é redonda, chámase pica. O espazo entre cuaderna e cuaderna leva o nome de clara.

As cuadernas están feitas de distintas pezas. A que constitúe a parte máis alta chámase barrajanete, que vai seguida polo jenol, peza que se amadriña de costado coa barenja ou sobrerrevira. Esta é a derradeira peza de cuaderna cara a quilla (vid. fig. 1). Pola parte de proa, entre a quilla e as barenjas vai unha peza chamada revira. As veces vai tamén na popa. Entre o jenol e o barrajanete o longo da embarcación vai un listón de madeiros tendidos para ligar os vaos as cuadernas e o forro exterior que recibe o nome de tapa trancanil ou trencanil.


Sobre do barrajanete vai o caurel ou courel verdadeiro borde exterior nas máis das embarcacións, aínda que nas grandes vai sobre ou courel de proa outra peza chamada tapa rejala. Nas embarcacións moi grandes esta tapa cobre enteiramente o courel converténdose así na beira superior do barco. A parte do casco que vai da tapa trencanil a rejala chámase obra morta. A obra morta da cubierta para arriba ten o nome de amura.

Hai nas cuadernas, pola parte exterior, dous longos madeiros, paralelos a quilla, chamados anjillas. Outras pezas da embarcación son as jaldras, chamadas tamén ventos da embarcación. A armazón do barco recóbrese con táboas, que fan o forro de fora ou de dentro segundo recubran a parte exterior ou interior. Chámase cintón a un listón de madeira que une algúns bances ou pezas do forro, reforzándoas. Cada bance está formado por distintas tracas ou madeiros, que unen dúas cuadernas.

Mirando o barco pola parte superior vemos a estampa, parte cuberta de táboas que se atopa na proa e na popa, e os corredores, madeiros que corren o longo da embarcación a un e outro lado, cubrindo o vao que existe entre a embancadura e o casco. Van a altura da tapa trancanil para impedir que a auga poida entrar facilmente no interior da embarcación e para facilitar o paso dos mariñeiros dun lado a outro. Os corredores rematan nun borde interior chamado filerete. Espazadamente hai uns buratos todo o longo do casco por riba dos corredores que reciben o nome de imbornales polos que decorre para fóra a auga que saltou polo courel.

Tamén colocadas entre a tapa rejala e os corredores van as cornamuzas, unhas pezas pequenas de madeira ou de ferro que van chantadas as barras polos caravillós, especie de cravos de madeira. A finalidade das cornamuzas é servir para amarrar cabos.
De babor a estribor da embarcación están os bancos. O conxunto deles chámase embancadura e vai dividida en bancadas ou paneles, espazo entre banco e banco. Cada panel leva un nome distinto segundo a súa colocación. Así: empanetado é a última bancada na popa, pana é a bancada seguinte na que se gardan o peixe e as redes, medio é a bancada central na que se sentan os remeiros e tilla a porción cuberta da proa onde dormen os mariñeiros ou se garda toda clase de utensilios. Debo sinalar que estas divisións corresponden normalmente a embarcacións de tipo pequeno que son as máis utilizadas nesta ría. Porén, non todas estas divisións se atopan en todas as embarcacións pequenas. Baixo dos bancos dos remeiros vai un tentemozo sinxelo chamado pé damigo.
O fondo do barco ou aujeiro leva na quilla un burato, a cadoira, para baldeirar a auga que alí se deposita, ou para collela cando se quere anegar a embarcación. O aujeiro vai cuberto polo encaixonado, especie de chan feito de pezas de madeira que fan o piso nivelado, ou polo enjaretado, tarima de táboas entrelazadas co mesmo oficio que o encaixonado.

As partes laterais da embarcación chámanse bandas e reciben o nome de asimán ou banda de estribore e banda de couzo ou de babore según vaian a estribor ou a babor respectivamente.

A popa segundo sexa redondeada ou bicuda chámase cú de mono (redonda) ou rabo de jalo ou abanico (en bico). Tamén pode ser cuadrada e de rabo de rula, esta última semellante á de rabo de jalo pero menos bicuda.

Hai ás veces no barco uns soportes nas bandas para termar dos remos cando se vai a motor chamados jallos ou horquillas.

Para manter o barco en seco úsanse uns soportes chamados espeques.

Logo de construída a embarcación precisa ser estupeada ou calafateada, é dicir, débense introducir nas xuntas estoupa ben calcada e cubrila despois con breu. O encargado de facer estes traballos é o jalafate, que usa unhas ferramentas especiais chamadas ferros de calafatear, que axudados co macico, ou mazo de madeira, son as que meten a estopa nas xuntas. Tamén cada pouco, é conveniente dar una carena, ou carenar o barco.

Cando a embarcación é un pouco grandiña leva timón. O timón consta de caña, ou barra para gobernar o barco, e do timón propiamente dito. Na popa vai a limieira, peza de madeira onde vai embisagrado o timón e o codastre e codastre esterior onde vai o helis ou hélice do barco. O timón vai xunguido á limieira pola ajulla, pernio que se engarza nunha argola chamada femia por medio da rabiza, cabo que sirve de guía á ajulla. O eixe do timón leva o nome de barrón.

A prolongación da quilla na proa do barco chámase roda e na parte traseira roda de popa. A parte inferior da roda chámase couce. Tanto o couce como a quilla levan case sempre na parte exterior e máis baixa unha franxa de ferro como protección, chamada zapata.

Sobre os coureles, cara o medio barco, hai unhas pezas de madeira, pequenas en lonxitude pero de bastante grosor, que serven para que o remo non desgaste a borda e que se chaman chumbaceras ou chumaceras. Nelas van incrustados os toletes, tornos de madeira aos que se amarran os remos por medio dunhas pezas de corda en forma de argolas chamadas estrobos.

A maioría das lanchas pequenas van a remo. O remo divídese en ajión, parte por onde se colle, pala, parte chá que se introduce na auga e a caña, luchadoiro ou luchadeiro, peza central entre o ajión e a pala. A parte do luchadeiro onde vai o remo estrobado (preso ao tolete por medio do estrobo) chámase dejolladoiro. Cando un remo é amañado despois de quebrar entre o luchadeiro e a pala dise que está encanado. Cando  non se utiliza timón (en lanchas moi pequenas) tense un remo para enderezar o barco que se chama joberno.

Se o barco leva motor, este vai apoiado nuns asentos de madeira chamadas calzos.

O barco ten unha peza de madeira na parte media da quilla chamada carlinja ou carlinca onde vai preso o palo da vela, introducido na enfojonadura, guía de madeira desde a altura de cuberta á carlinja. Ao palo vai amarrada a entena ou verja, vara colocada perpendicular ao mástil onde vai presa a vela latina, denominación con que se coñece a única vela usada en sada. A súa forma, nembargantes, non coincide
enteiramente coa que se denomina en xeral vela latina, senón coa chamada vela mística. A vela vai unida ao palo pola raca, zuncho ou abrazadeira, especie de eixe que a deixa subir e baixar. O palo pode ir a pique (é dicir vertical con respecto á
cuberta) ou de barlovento, cando vai do ángulo superior ao inferior da parte de proa, e de sotavento cando é de popa.

O ángulo inferior da vela cara a barlovento chámase martillo, e penol ao ángulo de sotavento. O lateral da vela cara a sotavento recibe o nome de batideiro. 

A vela leva unha chea de cordas para amarrala e izala que reciben o nome de aparellos. Entre elas están a empuñadura de barlovento, corda que vai no ángulo superior de proa para amarrar a verja, o abenque corda que vai no ángulo inferior de sotavento para enganchar na popa, a escota corda que leva a vela a continuación do ángulo inferior de popa e serve para regular a entrada do vento na mesma, o estai ou vento da vela, corda delgada que amarra a vela, e o estrobo cabo que mantén a verja no seu lugar propio, isto é, cruzándose co palo máis ou menos no medio deste.

Para izar a vela, botala arriba ou drizala, pásase a ostaja ou ustaja (que é unha corda) polo burato da noz ou nuez (úsase máis correntemente o castelanismo para nomealo), cacho de buxo furado colocado colocado no bico do palo.
Logo púxase polas drizas compostas polos cabos e polos cuadernales ou roldanas.

As drizas pasan polos jardacabos e botós, garruchas de diversas formas que teñen unha roda de madeira chamada
pasteca. Hai que ollar que ao izar a vela as drizas non se torzan e formen cudillos, reviravoltas que non lles deixan pasar polos jardacabos.

A vela leva por ambos lados uns cabos, desde a metade para abaixo, chamados rizos ou risos que serven para achicala cando fai vento de máis, amarrándoos entre si. O conxunto da vela cos seus cabos chámase velamio.

Ás veces a vela cambia de rumbo sen querer; chámase a isto trasluchar. Cando a vela vai enfiada dise que o barco vai en vela e senón dise que vai en popa.

Ao amainar, ou carjá-la vela, hai que recollela. Para iso envólvense ou relínjase. Hai unha maneira especial de relinjá-la vela que se chama poñé-la vela á marroquina, o que consiste en arriala, envolvela na verja e amarrala ó palo, introducindo a punta da verja na enfojonadura.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *