UN RELEVO DE TOGADO EN SOÑEIRO (SADA-A CORUÑA)

Juan Naveiro López
Publicado orixinalmente en Brigantium, nº 5, 1984-85: 271-276
Durante o traballo de campo desenvolto no verán de 1985, no termo municipal de Sada, foi localizado un relevo, que, polas súas características formais, espertou de inmediato o noso interese.

LOCALIZACIÓN
O relevo áchase encaixado na parte W do muro de peche do cemiterio parroquial de S. Xulián de Soñeiro, situado no lugar de Costa. As coordenadas xeográficas daquel punto son 43º 19’ 65’’ 46’’ de Latitude Norte e 43º 36’ 5’’ de Lonxitude Oeste. É de destacar o respecto que se lle concede na localidade (tal vez por relacionalo con algún «santiño»), cando ao recebar cunha grosa capa de cemento o muro de que forma parte, deixouse ao descuberto. Porén, o seu estado de conservación é deficiente, acusando, o granito no que foi tallado, unha intensa acción erosiva.

DESCRICIÓN
O recubrimento de cemento permite ver unha superficie de tendencia rectangular, de 43 cm. de altura e 20 de anchura, que enmarca perfectamente unha figura antropomorfa. Trátase dun personaxe togado, distinguíndose con toda claridade os pregos da prenda na parte baixa. A cabeza, desproporcionada, ocupa un terzo da altura total, e carece de trazos faciais, probablemente a causa dos profundos descunchados do granito nesta zona. Na man dereita sostén unha espada, de ancho fío e pomo redondo, que apoia no ombro do mesmo lado. O brazo esquerdo, flexionado sobre o abdome, parece recoller os pregos da tea.
Os pes asoman levemente baixo a toga.

Esta figura enmárcase nunha estrutura arquitectónica composta por dúas columnas, con insinuación de basa e capitel, que sosteñen un arco. O espazo arquitectónico está limitado, na súa parte inferior, por unha moldura horizontal en realce. 

ICONOGRAFÍA E PARALELOS
Non cabe dúbida de que estamos ante un novo exemplar de relevo funerario, pertencente ao grupo de «togado baixo fornela» definido polo profesor A. GARCÍA Y BELLIDO (1967) fai xa tempo e como tema propio das estelas funerarias cabe a posibilidade de que o togado sexa unha representación do defunto (BLÁZQUEZ, 1981, p. 191).

Coñécense bastantes pezas deste tipo na área occidental do Imperio Romano: Fronteira Renana, Galia e Hispania. No Noroeste Peninsular son relativamente frecuentes (GARCÍA Y BELLIDO, 1967, p. 110; RODRÍGUEZ LAGE, 1974, p. 13-15; ACUÑA CASTROVIEJO, 1974, p. 23), se ben a atribución dalgunhas pezas a este grupo ofrece serias dúbidas. Seguidamente damos relación de todas as pezas, procedentes de Galicia, consideradas na bibliografía citada, pois a revisión
do grupo non é o obxecto do presente artigo: Araño- Rianxo (I.R.G. III, nº 42), Castro de San Facundo-Cea (I.R.G. IV, nº 128), Vigo (I.R.G. sup. III, nº 16, 19, 20, 21, 22 e 23), e Castro de Sta. Trega-A Garda (MERGELINA, 1944, p. 47); as que se poden engadir tamén a estela de Mazarelas-Oza dos Ríos (Fariña, 1975), entre outras. 

Sen acadar o perfeccionamento clásico dalgunhas pezas da Bética, a estela de Soñeiro presenta unha coidada labra, rara nas pezas galegas, polo xeral influenciadas fortemente polo substrato indíxena que leva a rudeza, a simplicidade de formas e as esquematización. Na maioría dos paralelos citados non se representan xa os pregos da toga, cando non aparecen desprovistos de toda indumentaria. E menos frecuente aínda é o detalle de individualizar os elementos

arquitectónicos que compoñen a fornela, quizais en conexión con outro motivo reiterativo nos relevos funerarios do N.O.: as arqueirías.


Polo que se refire a espada apoiada no ombreiro, descoñecemos a existencia de todo paralelo. Sen que se poda relacionar directamente, citaremos o caso da estela de Deveza-Braganza (Portugal), onde unha figura núa baixo fornela podería estar brandindo unha espada (TRANOY, 1981, p. 352). Tamén aparece idéntica actitude (espada na man dereita, apoiada no ombreiro) e a mesma tipoloxía de espada (folla ancha e pomo redondo) nalgunha escultura exenta do tipo denominado «guerreiro galaico».

En conxunto, entre as pezas morfoloxicamente máis próximas a nosa so destacaremos unha, incompleta, procedente de Sta. Trega, por semellanza no tratamento dos pregos da toga. Isto vainos servir para aventurar unha cronoloxía aproximada.

D. Julia considera as pezas de Sta. Trega como antecedentes directos das de Vigo, que poden datarse con certa seguridade no século III d. C.(JULIA, 1971, p. 31). En base a isto, e atendendo ao contexto do Castro de Sta. Trega (TRANOY, 1981, p. 356) propón unha datación Alto-imperial para as pezas desta procedencia.

A este mesmo período debe pertencer o relevo de Soñeiro (s. I-II), momento no que a arte provincial copia con maior fidelidade os modelos «cultos». É a partires do s. III cando rexorden con máis forza as formas indíxenas, que se fan patentes en gran parte das pezas as que antes nos referimos.

CONCLUSIÓNS
Estamos pois, con total seguridade, ante un fragmento de estela funeraria de época romana.
Non se descarta que outros fragamentos da peza poidan aparecer nun futuro entre os cachotes do muro, baixo o revoco de cemento (sería particularmente interesante localizar a parte do campo epigráfico).

No que respecta a conservación, semella aconsellable o traslado do relevo a un lugar acaído, para frear a xa referida degradación que sofre a pedra.

O interese da peza ven subliñado pola escaseza de achados de época romana na área Oleiros-Sada. Ata o de agora só contabamos cunha ara procedente da próxima parroquia de S. Martiño de Meirás (CASTILLO, 1927), e outros restos de menor entidade do castro do mesmo nome (LUENGO, 1950).

O feito de esta labrado en granito induce a pensar que este relevo non procede da localidade, xa que toda a área é de dominio absoluto de xistos precámbricos e paleozoicos (NONN, 1966).
Tampouco está de máis suxerir unha posible relación co núcleo epigráfico coruñés, relativamente próximo, con algunhas pezas comparte un certo «cultismo» (ou se se prefire escaso indixenismo) e a mesma cronoloxía Alto-imperial.

BIBLIOGRAFÍA
ACUÑA CASTROVIEJO, F., 1974. Notas sobre la morfología y la decoración en las aras y estelas de Galicia en la época roman. Studia Archaeologica, nº 32, pp. 17-31.
BLÁZQUEZ, J. M., 1981. El sincretismo en la Hispania romana entre las religiones griega, romana, fenicia y mistéricas. In La religión romana en Hispania, pp. 177-122.
CALO LOURIDO, F., 1983. Arte, decoración, simbolismo e outros elementos da cultura material castrexa. Ensaio de síntese. In Estudos de cultura castrexa e de Hª Antigua de Galicia, USC, pp. 159-185.
CASTILLO, A. del, 1975. Una nueva ara romana. BRAG, t. XIX, p. 20.
FARIÑA BUSCO, F., 1975. Nueva estela funeraria de Galicia, BSAA, t. XL-XLI, Valladolid, pp. 601-606.
GARCÍA Y BELLIDO, A., 1967. Sobre un tipo de estela funeraria de togado bajo hornacina. A. E. de Aqueología, vol. 40, pp. 110-120.
JULIA D., 1971. Etude epigraphique et iconographique des stéles funeraires de Vigo. Deutsches Arahaölogisches Institut, Abteilung Madrid, Heidelberg.
LUENGO MARTÍNEZ, J. M., 1960. Excavaciones arqueológicas en el Castro y su necrópolis de Meirás (La Coruña). Informes y Memorias, nº 23, Comisaría Gral. de Excavaciones Arqueológicas.
MERGELINA, C., 1944-45. La Citania de Sta. Tecla. Bol. SEAA, vol. XXXVII-XXXIX, pp. 13-52.
NONN, H., 1966. Les regións cotieres de la Galice (Espagne). Etude geomorfologique. Les Belles Lettres, Estrasburgo.
RODRÍGUEZ LAGE, S., 1974. Las estelas funerarias de Galicia en la época romana. Instituto de Estudios Orensanos «Padre Feijoo», Ourense.
TRANOY, A., 1981, La Galice romaine, Public. Du Centre Pierre Paris, 7, París.


Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *