TEXTOS DE M. LUGRÍS FREIRE NO SEU 150 ANIVERSARIO

OS MERLOS



O zapateiro Xacobe, home de moito entendimento e con máis retranca que unha narpeira, tiña un merlo que un día collera con panterma no lindo rueiro de Montrove.

Sempre foi costume, que a esta cras de paxaros se lles ensine a asubiar a marsellesa ou a marcha real, de acordo co sentir político do dono. Mais o noso zapateiro, home moderno, coidou que aquela música non tiña nada de enxebre, e ensinoulle ao merlo do noso conto o himno a Galicia. O probe do animaliño non podía pasar do “monótono fungar”, cousa que a Xacobe tíñao de un humor dos diaños, pois quixera que o discípulo cantara a segunda parte onde hai a valente frase “desperta do teu sono, fogar de Breogán”.

—Lástima que non pronuncies máis, merliño; dese xeito farías adoecer a ese andalús pampero, que vive en frente, e que sempre me está dicindo que eso do nacionalismo é unha tolada dos galegos.

Un día, ao limpar a gaiola, fuxiu o bon do merlo, e alá se foi, libre e felís, a vivir nos ridentes xardíns do Relleno.

O andalús ollou que a xaula estaba valeira, acercouse á tenda de Xacobe, e debruzándose na xanela, díxolle:

—Compare Jacobo, acompaño a usté en el sentimiento por la desaparisión de ese pajarillo que valía más que la mesma Cleo de Merodes.

—Moitas gracias, veciño.

—Ya estaba yo acostumbrado a eze zonzonete del himno de Galisia. ¡Qué lástima, qué desgrasia irreparable! ¿Y usté no cree que zu mirlo vuelva a la jaula?

—Home, ten gracia a súa pregunta, abofé.

—Pues en mi país los pájaros son de otra manera. Yo tenía un mirlo en Sevilla que no necesitaba cuidado ninguno. Por la mañana le abría la puerta y le desía: “a buscarte la vida, gachó!”; y hasta la noche no volvía a la jaula; pero siempre volvía, ezo zi.

—Vaites, vaites; sonlle ben burros, con perdón, os paxaros da súa terra.

—¿Por qué?

—Porque quen logra a libertade e volve a escravitude, merece ben a gaiola.

—Todo lo que usté quiera; mas el caso es que su pajarillo no volverá, y yo lo siento.

—Non, home non, non o sinta, porque inda que non tornou a xaula, xa me escribeu dando noticias da súa vida. Os paxaros de aquí sonlle desta maneira, meu rulo.



Mariñana, 01/05/1925


O ESCARMENTO

¿Conocedes a vila de Sada? ¿Non? Pois abofé como o sinto moito. Inda que é pequena, a xentil e bonita non lla empata ningunha outra das vilas mariñeiras de Galicia.

Abonde con decirvos que ten unha campiña feiticeira, ridente, como en ningures teredes visto; e que a vila está no final desta campiña, gardada polo Couto e máis polo alto de Ouces como unha xoia pra que non a firan os feros coriscos da crúa invernía.

Mais, preto de Sada, a man esquerda según se entra pola carretera da Cruña, hai un monte nomeado Lixandre, que sempre deu que pensar a nenos e vellos. Non se ten noticia de que se atrevera ninguén a entrar de noite naquela arboreda.

No medio do monte hai aínda un croio que non poden abrazalo dous homes, e que lle chaman a pedra das agullas. Decían noutros tempos que quen tocara a esta pedra morrería dentro dos nove días xustos, debido a un encantamento que lle deran os mouros. Pola banda do Este está a moi nomeada Quenlle, que os homes sabidos din que foi unha mina de estaño no tempo dos fenicios, pero que agora é o sitio onde se xuntan de noite as estadeas, meigas e lugrumantes pra faceren palramento. Polo menos así coidaban fai anos os viciños da vila, e non sei se pensarán o mesmo agora.

Os trasnos non tiñan feito mal algún que se soupera. O que tiraba o sono dos labradores eran os conxanados raposos que vivían a centos no monte de Lixandre. Non pasaba día sin que deixaran de facer unha das súas; e non valía que se puxeran nos galiñeiros tarabelos nin trancas; os conxanados ladrós dábanse unha maña que para si quixeran algús dos caciques que, pra acabación da nosa pacencia, siguen vivindo sobre dos nosos labregos.

Tantos raposos había, que xa coidaban que a pedra das agullas tiña a mala virtú de crialos.
O señor Chocos, un vello que aínda creía na atracción da sirena e no encantamento da Covadanca, xuraba e perxuraba, que aquel maldito croio tiña a culpa de todo.

—Mala sentella del sielo lo abrase: -dicía o señor Chocos cando lle faltaba unha galiña;- ese croio vai ser a miña condenación.

Mailo caso era que os raposos aumentaban, e tiñan tal atrevimento, que xa chegaban a pasearse pola praza da vila diante das mesmas barbas do tío Andrés de Olaia, camareiro do divino San Roque, e padriño de Sanamede, a quen o carpinteiro que o fixo púxolle nas mans unha ristra de chourizos a medio encher.

Un día, Lourenzo da Chaburra un labrego que ben podemos chamar anfibio porque tamén iba á rapeta, e que lía de corrido os boletís no adro de Santa María, conferenciou coa valente e honrada Pepa a Montañesa

—Señora Pepa -díxolle Lourenzo- os raposos ladrós inzan esta terra e non nos deixan vivire.

—É certo, amigo Lourenzo, é certo. Xa fai tempo que eu me din conta deso; pero estes viciños non se xuntan para nada, toda a forza se lles vai pola boca, e os raposos andan pola vila como polo propio monte, e levan trazas de facérense donos de todo.

—¿E logo? ¿darémoslles unha batida?

—É tempo perdido; os raposos e mailos conexos cando un pensa que xa non queda ningún, volven a aparecer coma os sapos cando cai orballo polo vran.

—¿E que me aconsella que faga pra que os raposos deixen en paz as miñas galiñas?

—Atende, Lourenzo; os raposos son animales de moita sabidencia. Búlranse sempre de tódalas pantermas e trebellos que se lles poñan. Cando coidan que lles peligra o pelexo, fanse os mortos.

—Pero logo ¿que me aconsella?

—O que teño aconsellado noutras ocasiós, sin que houbera viciño que se guiara por min: ¡O escamento!

—¿E de que maneira?

—Pois verás. Vaite ó monte de Lixandre, e pon unha trampa de dentes diante da cova dun raposo. Como eles non conocen ese mecanismo, caerá polo menos un. Cóllelo despois, esfólalo ben esfoladiño, logo pono nun espeto e crávalo dereito no curuto do monte. Os demais raposos entenderán a indireita, e fuxirán a lonxe por medo ó escarmento.

Así se fixo. Unha mañán apareceu un raposo encravado nun espeto. Os demais deberon de entender aquela razón, e mudaron de tobo.

A virtú da pedra das agullas foi negada despois por todos. Tocáballe quen quería, sin térenlle medo, e asta fixeron enriba dela certas necesidades.

¡Xa sabedes de que maneira morren os vellos encantamentos, e como se fan fuxir os raposos que gustan das vosas galiñas!

A Nosa Terra, 04/01/1908
Debuxos de Fernando Cortés
para a edición en libro dos Contos de Asieumedre , A Coruña, 1909



LEMBRANZAS
Contos da miña terra,
Ouh veigas da Mariña,
Penas de Corbeiroa,
Negras, grandes, altivas;
Quenlle das estadeas,
Augas da leda ría…
Ben vos conozo agora,
Lémbrovos ben aínda,
Neses días de tempos venturosos
Que gardados levei na yalma miña!

Baixo do monte Lixandre
Está a veiga nativa
Onde dos Freires miro
O pazo xa en ruínas…
Todo calado, todo
Da norte a imaxe viva,
Levanta no meu peito
Lembranzas moi doridas
Dun pasado de amor e de ternura
De cando eu tiña nai, fé e alegría!

Na fin do val fermoso,
Do paradiso envidia,
Entre ameneiros vexo
De Sada a linda vila.
O patrio lar quirido
Alí meus ollos miran…

Lar por sempre lembrado!
Miña doce casiña!
Qué recordos de tempos venturosos
Levantades na yalma dolorida!

Xa canso polos anos,
Coas ilusiós perdidas,
Cun mundo de tristuras
Que no meu peito aniñan,
Coas esperanzas mortas
Veño a terra nativa…
Para sanar a yalma
Que a teño mal ferida…
Veño buscar lembranzas doutros tempos
Que das fondas soidades me rediman!

Está o fogar valeiro!
Ouh madre quiridiña!
Padre que tanto quixen,
Por quen eu dera a vida…
Diante da nosa casa,
Tempro da fé mais viva,
Quero rezar agora
Unha oración sentida
Co pensamento en vós, vertendo bágoas
Que estas lembranzas dos meus ollos tiran!

Ardencias, A Coruña, 1927

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *