Xesús Alonso Montero
Benquerida Mimina; fillos e familiares de Isaac Díaz Pardo; miñas donas e meus señores:
Un grupo de amigos e admiradores constituímos hai un mes, dun xeito un tanto informal, unha entidade denominada Academia Real (non Real Academia) Isaac Díaz Pardo. Esta academia–este grupo de amigos, dito sen solemnidade- só ten un obxectivo, un obxectivo que é un compromiso: estudar e difundir a vida e a obra de Isaac Díaz Pardo, ou sexa, a biografía, a bibliografía e a iconografía deste extraordinario ser humano, do artista, do cidadán, do emprendedor, do ceramista, do poeta, do editor, do filántropo e do exiliólogo que nos deixou hai un ano.
Eu non sei se Isaac Díaz Pardo “levaba na frente unha estrela / e no bico un cantar”, pero moitos sabemos que, na cerna do seu espírito, ardía un lume vivificador, un lume de compromiso “coas causas xustas” que nunca se apagou.
Comezou a arder ese lume no seu corazón e na súa intelixencia aos quince anos, cando militaba nas Xuventudes Socialistas Unificadas, e ardía aínda hai tres anos, hai dous, hai un, cando a idade e as pautas da ingratitude e da codicia acabaron coa súa vida.
Isaac Díaz Pardo é un ser humano e intelectual que honra a Galicia, que honra á Península Ibérica, que honra a Europa.
Esta, como mínimo, é a súa dimensión. Sen Díaz Pardo non se entenderían acontecementos decisivos na Galicia e na España dos corenta ominosos anos. Hai un feito ilustre: a súa
colaboración intelectual e económica cunha editorial do exilio, Ruedo Ibérico (París), a editorial que contribuíu, xa na década dos sesenta, a crear unha conciencia democrática que
foi, para moitos de nós, unha lección e un quebradeiro de cabeza para os somaténs do discurso oficial franquista, entre eles un ministro chamado Manuel Fraga Iribarne.
Na polifacética obra de Isaac Díaz Pardo aínda quedan dimensións por descubrir e outras por estudar a fondo, entre elas a de poeta. Isaac, señoras e señores, foi un dos poetas galegos desalienantes de estilo máis moderno e eficaz. Hai moitos Díaz Pardo, nunha personalidade rica e chea de enerxía: como poemas, en Galicia, desde a Ilustración a hoxe.
Qué é o que agora importa, que compromiso se esixe de nós?: que este lume –unha das fogueiras máis ilustres de Galicia- non se apague. E para que non se apague, cómpre difundir o seu pensamento, os capítulos civicamente máis fermosos da súa biografía e unha boa parte da súa obra plástica e literaria entre os novos, entre os escolares, entre os que, en breve, protagonizarán o futuro da nosa sociedade. Asemade, as institucións que posúan o xigantesco e valiosísimo fondo documental, bibliográfico e iconográfico, atesourado por Isaac ao longo de sesenta anos (coa Cidade da Cultura á cabeza) teñen a obriga de ofrecer aos investigadores dos cinco continentes o catálogo completo dese inxente fondo, que é un dos tesouros eruditos máis ricos do mundo hispano. Deberían ofrecelo antes do segundo cabodano.
Nós, a Academia Real, trataremos de crear inquedanzas, de promover homenaxes, de arrincar e axudar aos estudantes e de realizar na medida das nosas posibilidades, canta actividade contribúa a honrar, difundir e investigar a vida e a obra de Isaac Díaz Pardo. Nulos son os nosos recursos económicos pero a enerxía espiritual de Isaac danos azos e sentido do compromiso para levar a cabo non poucas tarefas. Axiña as persoas de intelixencia atenta saberán que Isaac Díaz Pardo, o gran Díaz Pardo, é Patrimonio da Humanidade.