Xaime Rodríguez Rodríguez
Mentres o tigre non pode deixar de ser tigre, non pode destigrarse,
o home vive no risco permanente de deshumanizarse.
(José Ortega y Gasset)
Esta sección que tiña, e sigue a ter, a intención de falar dunha morea de asuntos co pretexto do xantar, da alimentación, xa se ten ocupado de todo o contrario, do non xantar, da fame, da subalimentación. Non entraba nos nosos cálculos tal cousa. Pero, de novo, temos que volver a facelo, porque os tempos así o impoñen. É así de duro, no noso mundo hai fame (a fame refírese tanto ao feito social da falta de medios para conseguir alimentos, o que podíamos chamar con máis precisión “estado de necesidade” ou “desnutrición colectiva” que é o que se está a dar no noso país, e a fame como pandemia, máis axeitado para a situación de continentes como África e países coma o Yemen, o uso deste termo debe entenderse como unha concesión a necesidade de facerse entender). A xente ten problemas para levar algo a boca, para encher o bandullo, para darlle cumprido alimento aos seus fillos. Aínda máis, estes problemas non se dan só en terras remotas, ala pola África subsahariana, no continente asiático ou mesmo nas Américas. Estase a dar, cada día con máis intensidade ao noso carón. A xente, na nosa veciñanza pasa gana, come pouco, come mal ou simplemente non xanta cada día. Isto converte en ineludible falar da fame, da subalimentación, da nutrición deficiente.
E polo tanto, do que fai a xente, de como reacciona a sociedade, nestes casos. De como é, de como funciona o sistema no que se produce a fame. De si é unha cuestión de falta de recursos ou de decisións políticas e económicas. De momentos, non tan afastados en España, e no noso país, de fames, racionamentos e xantares de subsistencia. De como todo isto se reflectía na vida cotiá. Na prensa, nos cómics, no cine.
A fame é de feito unha compañeira anterga e persistente da humanidade. Encher o bandullo nunca foi doado ao longo da historia (o que en parte explica que o home sexa capaz de comer case de todo), pero non nos imos remontar a tempos antergos, e moito menos os prehistóricos, senón o noso pasado recente: as fames da posguerra. Tan cercanas a nós que aínda hai quen a viviu en primeira persoa, tan o carón que outras xeracións a teñen como referencia vital, dun xeito tal que podíamos dicir que forma parte esencial da súa “educación sentimental”, pola presenza tanto en ditos “Franco come pan branco”, bandas deseñadas, coma o de Carpanta, aquel personaxe que vivía debaixo dunha ponte, ou sexa que viña ser o que hoxe chamariamos un “homeless”, un “senteito”, preocupado polo xantar, que era practicamente o seu leitmotiv, de tal xeito que se pasaba a vida soñando con xantar un polo, cousa que nunca conseguía (este personaxe de tebeo foi obxecto de censura, o que non deixa de demostrar o ridículo o que se chegou neste eido durante o franquismo, que obrigou a modificar os diálogos de tal xeito que non tiña fame senón que “tiña apetito”, tentando amosar que non era vítima de non ter nada que levarse a boca senón da súa enorme gula) como nas continuas referencias as cartillas de racionamento, vixentes ata maio do 1951, trece anos despois da fin da guerra!, ou o “straperlo”, verba estraña (de feito ten a súa orixe nun escuro asunto relacionado co xogo da ruleta, sendo en realidade o acrónimo dos apelidos dos seus promotores, Strauss, Perle e Lowman), para falar do mercado negro de produtos continxentados, é dicir, dos que eran obxecto de racionamento.
Ou sexa, que a fame non esta tan afastada a nos. Só que semella máis lonxana porque quizais estábamos a pensar que non ía a volver.
Polo tanto non estaría de máis dicir como eran aquelas fames. Neste sentido, e para saber de que estamos a falar, debemos facer mención aos traballos do profesor Grande Covian, publicados case contemporaneamente aos feitos a analizar, sobre os problemas de desnutrición consecuencia da guerra, citados na bibliografía internacional sobre o tema como a primeira descrición de desnutrición colectiva. As súas
conclusións son, “grosso modo”, que a dieta media da poboación non cubría as necesidades enerxéticas e nutricionais, estando na orixe de enfermidades, nomeadamente a pelagra, polo déficit proteico da dieta, xunto con alteracións neurolóxicas e edemas de fame. É dicir, había unha situación de desnutrición colectiva, que non equivale a desnutrición xeral, daquela, igual que hoxe, non comían o necesario os máis pero as minorías próximas ao réxime si que xantaban cumpridamente. As posibilidades de alimentarse adecuadamente eran escasas tendo en conta que estaban racionados os seguintes alimentos: graxas en xeral, aceite, azucre, patacas (liberadas por Orde do Ministerio de Agricultura do 4 de Agosto de 1939) chocolate, café, carnes frescas e conxeladas, pastas para sopa, arroz e legumes, algarrobas, altramuces, garavanzos, gramíneas en xeral (desde o ano 1940), chícharos, fabas, xudías, lentellas, remolacha, fariñas (de arroz, cereal ou legumes), produtos dietéticos, leite condensada, queixos, manteigas. Podemosdicir que case que todo menos castañas e landras, bo e tamén almortas, das que falaremos máis tarde. Con este panorama por diante, non nos debe estrañar que algún cociñeiro, neste caso un chamado Ignacio Domenech, inventara unha tortilla de patacas sen ovo e sen patacas. Os ovos eran substituídos por unha pasta feita despois de frotar un allo nun prato fondo, engadirlle unas gotas de aceite, sal catro culleres sopeiras de fariña, unha de bicarbonato, un anaco de pementa branca e dez culleres de auga, todo axeitadamente batido e sen grumos. Pola súa parte, as non patacas conseguíanse a partires da parte branca da monda de
laranxas.
Receitas máis ou menos imaxinativas a parte, o certo que están documentados casos de patoloxías desenvolvidas pola inxesta excesiva dalgún dos escasos alimentos dispoñibles. É o caso da almorta, en galego tamén chamada pedrelo, nome científico Lathyrus sativus, da familia das leguminosas, utilizada en moitos pobos do noso estado e base, por exemplo, do coñecido e moi socorrido prato chamado gachas manchegas, elaborado con fariña tostada de almortas, touciño, allos, aceite sal e auga. A súa dispoñibilidade contribuíu ao seu uso excesivo, que está documentado produce unha patoloxia denominada latirosisoulatirismo, cunha sintomatoloxía semellante a esclerose múltiple. A constatación da súa orixe, e o feito de converterse case que en pandemia, levou a prohibición e a incautación das almortas e as súas fariñas desde o 15 de xaneiro do 1944. Este alimento, tamén coñecido
como “veleno da fame” mantivo a súa prohibición ata o ano 2010, novamente autorizado o seu cultivo e consumo, cunha etiquetaxe que advirta dos riscos do seu consumo excesivo.
Detrás das fames da posguerra estaba, do mesmo xeito que hoxe en día (tendo en consideración que existe unha gran diferenza na toma de decisión políticas nunha democracia, aínda que sexa tan precaria e incompleta coma a nosa, e nunha ditadura personalista coma o franquismo), unha decisión política: a aposta pola autarquía, nos nosos días pola a austeridade e as retalladas. Esta inclinación pola autosuficiencia (non exenta de terribles paradoxas: o tempo que a xente pasaba fame en aras da autosuficiencia que faría máis grande a nación, exportábanse produtos agrarios a Alemaña en pago ao seu apoio na Guerra Civil), levou ao conxunto da poboación a pasar literalmente fame. Así queda reflexado no informe de Alan Hillgarth da Royal Navy. Que no ano 1939 dicía o seguinte: “el descontento se está extendiendo por todas partes. La falta de comida, su coste cuando está disponible y la mala distribución de los alimentos disponibles están colocando a la gente en un estado próximo a la desesperación. Un cuarto de la población de España esta prácticamente muriéndose de hambre” (a cursiva é nosa).
As testemuñas da embaixada británica eran realmente arrepiantes. Un informante inglés en Huelva, dirixíase a embaixada preguntándolle se crerían o que estaba a ver “pregúntome se me crerán que a xente está a comer nada máis que landras e castañas, e aínda estas son moi escasas e caras”. Outro viaxeiro desde Lisboa falando da fame en España contaba que a fame era tal “que o outro día en Campillo (Huelva) caeu un burro morto e a xente empezou a pelexar para conseguir unha peza”. Neste mesmo sentido un británico chegado a Tanxer desde España contaba que “a epidemia de tifus está sendo exaxerada polas autoridades españolas para ocultar a verdade” que os españois estaban a morrer de fame.
Evidentemente, as máis afectadas eran as clases populares, a desnutrición era tan forte que deixaba a homes e mulleres sen folgos para facer as máis cotiás das labores. A testemuña doutro correspondente da embaixada inglesa desde Huelva non deixa lugar a dúbidas, “pagámoslle a unha muller para limpar o galiñeiro todos os días, pero a probe ánima as penas pode camiñar, non xa traballar, pola falta de xantar. Algúns homes a penas poden sosterse en pé…e deben ir traballar ou non terán cartos… aquí non hai caridade nin asistencia social”. Sabendo que as calorías mínimas necesarias situábanse a carón das 2000 diarias, a embaixada británica tivo acceso a un informe confidencial do Consejo Superior de las Cámaras de Comercio, no que se dicía que o déficit de calorías ía do 20 por cento en febreiro ata máis do 15 por cento en agosto do ano 1947, datos impresionantes tendo en conta que os peores anos xa quedaran atrás.
Das vivencias da fame temos cumprida información como asemade das estratexias para afrontala. Testemuñas orais da xente que viviu esa época confróntannos coa realidade da España imperial. Así por exemplo, un dos informantes falando do que xantaban di“Ovos poucos poucos. A partires dos anos 50, pero antes, cando había, alargábanse. Miña nai facía tortillas de fariña e as tortillas dun ovo, para os tres irmáns, un anaco para cada un”. “Por el imperio hacia Dios” pero esfameados. Outro exemplo de como se afrontaban as carencias é o seguinte, “Meus país tiñan unha tenda de alimentos e sempre deixaban o fiado. Había unas listas moi longas, pero as mulleres tentaban pagar cando podían. Cando non podían pagar, cambiaban de beirarúa para que no se lles reclamara. Había incluso quen vendía a cartilla de racionamento e podía xantar un día, pero despois a pasar fame toda a semana”. Estamos ante o que os especialistas chaman “estado de desnutrición colectiva”, e esta situación deuse entre nós, no
noso Estado, fai tempo, pero non o suficiente como para no ter memoria vivida dela. Nestes tempos que parecen resucitar vellos pantasmas de fames pretéritas é necesario plantearse se son inevitables ou, coma entón, son produto de decisións políticas e económicas que nos afectan os máis. E unha vez respondida esta pregunta cabe preguntarse se estamos a facer o necesario para que a Historia non se repita.
FONTES
As testemuñas e informes da embaixada británica atópanse no artigo “‘Morir de Hambre’. Autarquía, escasez y enfermedad en la España del primer franquismo”. DEL ARCO BLANCO, Miguel. Pasado y Memoria. Revista de Historia contemporánea, nº 5, 2006, pp. 241-258.
As testemuñas orais de vivencias e estratexias en “La memoria de la escasez alimentaria en la Barcelona de la posguerra (1939-1953)”. ESPEITX BERNAT, Elena y CACERES NEVOT, Juanjo. STUDIUM. Revista de Humanidades, nº 16, 2010, pp. 163-187.