Iago Pérez Santalla
Nunca entenderei o anceio deste país por ser singular en contra da súa propia natureza plural. Este desexo mesmo o fai ficticio podendo ser real; e tradúcese na venda dunha parte polo todo, que ten como consecuencia unha gran porcentaxe de españois non identificados con esa España “oficial”. Queiran ou non, España é un país multicultural e multilingüístico, isto implica que ten unha natureza plural aínda que se empeñen en negarlla. Mesmo sen ter en conta as comunidades históricas, podemos observar idiosincrasias moi distintas ao longo da nosa xeografía; no que quizais inflúan os climas variados, que nos obrigan a adoptar modos de vida ben diferenciados. É dicir, non somos nin máis nin menos, SOMOS DIFERENTES.
Vivimos pois nun país rico en cultura e paisaxes, de natureza plural que esixe unha atención permanente á súa diversidade. Esta diversidade constitúe un potencial endóxeno aínda sen explotar; cada territorio ten unhas fortalezas naturais, culturais e sociais que o fan único, e é o único o que temos que valorar. Temos que potenciar o distinto, o orixinal, para que cada quen viva dos seus medios endóxenos sen necesidade de pisar aos demais.
É curioso como se retrocedeu nos últimos tempos nas ideas da diversidade. Se botamos a vista atrás, atoparémonos que nos anos da transición e incluso nos anteriores había unha maior conciencia da realidade multicultural de España, e incluso se puxeron en marcha intentos de interculturalismo en formatos certamente innovadores como o do Festival de los Pueblos Ibérico s, onde participaban cantautores que desenvolvían a súa carreira en calquera dos cinco idiomas peninsulares. Coido que hoxe en día a organización deste evento tería moitas máis dificultades xa que se trataría de manipular por todas as ideoloxías da contenda política. En realidade, naquela época tamén constituíu un acto político fronte a un réxime que non recoñecía a diversidade do noso país, dado que se loitaba tamén por dereitos culturais de carácter colectivo.
Dende aquela cambiaron moitas cousas, vivimos noutro modelo de estado e as linguas minoritarias (ou minoradas, segundo se mire…) gozan de recoñecemento legal e institucional. En troques, isto non impide continuos conflitos no ensino e nas institucións. O problema deriva de non recoñecer que España non foi, nin é nin será nunca un país singular; porque sempre foi, é e será un país plural. Entón a clave está en que nos deixen coñecer, unirnos na diferenza sen uniformarnos a costa de segar identidades. O diálogo, a negociación e a empatía que caracterizou a nosa transición (tal e como nola contan) non está presente hoxe en día nin na contenda política nin na vontade do lexislador, a miúdo máis preocupado por plasmar o seu nome nunha lei, que polas consecuencias que esa lei poida ter para as diferentes sensibilidades socioculturais.
No entanto a realidade cultural segue sendo poliédrica e as minorías seguen alancando pola historia arriba máis alá de avatares políticos, sempre perecedoiros. A nosa realidade cultural é poliédrica e atesoura un patrimonio endóxeno que temos que ser quen de explotar e converter nun motor económico. Daquela é absurdo querer ser iguais, e ter un país homoxéneo, cando podemos facer del un mosaico cultural capaz de integrar distintas idiosincrasias
que traerán consigo distintos tipos de turismo, distintos tipos de riqueza que temos o reto de xestionar.
Na homoxeneidade, na globalización, na copia; está a fin, a morte do ilímite creativo da humanidade. Só cando conservamos a nosa propia esencia xurde a creatividade, e nela doamos ao noso entorno o mellor do ser individual e colectivo que levamos dentro. Facer un país plural culturalmente é potenciar distintos tipos de turismo. É velar polas linguas minoritarias (ou minorizadas) considerándoas un tesouro común. É establecer pontes de comunicación nas que os cidadáns se sintan irmáns na diversidade. É axudar a que a cultura minoritaria se internacionalice en todos os ámbitos. E tamén é dar o paso dun multiculturalismo innegable a un interculturalismo que tenda pontes para un diálogo imprescindible na construción colectiva que leve por bandeira a diferenza, o respecto e a tolerancia.
Un país plural esixe apostar pola promoción de actividades de fusión cultural, na que os nosos artistas se coñezan e se Recoñezan mutuamente; traballando en interdependencia para fomentar e incrementar a súa creatividade, xerando sinerxías partindo da diferenza.
É posible facer esta país. É posible outro modelo cultural. É posible non renunciar a nada e sentirnos orgullosos uns dos outros retroalimentándonos nunha identidade que nos una na diferenza. Pero esta identidade xamais será unha realidade se seguimos pensándonos como pobo singular, ou se a facemos sobre a base da renuncia.