O BETANCEIRO LUIS CORTIÑAS EVOCA A LUGRÍS

Luis A. Cortiñas naceu en Betanzos en 1900.
Realizou estudos de Dereito e exerceu como avogado na Coruña durante a II República.
Na época das Irmandades da Fala formou parte da de Betanzos, colaborou en “Rexurdimento” e “A Nosa Terra” e durante a República estivo vencellado á O.R.G.A., primeiramente, e logo a Izquierda Republicana, o partido de Manuel Azaña que tiña no coruñés Casares Quiroga un dos seus dirixentes.
En 1936 foi encarcerado na Coruña, xulgado en Consello de guerra, acusado de rebelión militar e condenado a cadea perpetua, sendo trasladado ao penal de Pamplona.
En 1941 saíu en liberdade, dirixíndose á Arxentina, onde tiña irmáns e parentes, conseguindo convalidar a carreira de Dereito. Instálase en Concepción del Uruguay, cidade onde traballará como avogado e onde vai residir ata a súa morte, acaecida en 1986.
Na Arxentina colabora con organizacións antifranquistas e tamén co Centro Betanzos de Buenos Aires.
En 1958 publicou o libro Traición Consagrada. La gran derrota del pueblo hispano (en 2010 a A.C. Eira Vella de Betanzos fixo unha reedición en galego), alegato antifranquista e en defensa da República onde conta as peripecias que pasou antes, durante a súa detención e na cadea.

Xesús Torres Regueiro

LEMBRAZAS DE CAFÉ

Tratar de algo derradeiro ao ano 1936 é coma relembrar cousas hestóricas. O mundo n´estos tempos camiña moi lixeiro e os acontecimentos fanse axiña hestóricos. E Galicia de entón acá tivo grandes acontecimentos, tan grandes como a elaboración do seu Estatuto político.

Eu non vou a tratar acó de sucesos políticos, sinón que coma o Direutor d´esta simpática e galega Revista, invitoume a facerlle un artigo, poño estas liñas coma o mais doado que de momento podo facer: Relembrarei tempos da miña vida coma da vida da nosa Terra que chorando, cantando ou riíndo levaremos con nosco sempre.

Eisistía na Cruña –e coido que
eisistirá– um café que lle chamaban “A Terraza” plantado no relleno que é o lugar donde os cruñeses foron vencendo ao mar a forza de terra e pedra que voltaron sobor d´il pra facer no seu lugar os Xardís e a Avenida que circunda o Porto. Digo que tal café está prantado no Relleno porque nun comenzo era unha especie de mirador, todo de madeira, que eisistía no veciño povo de Sada; tamén se chamaba A Terraza e tamén estaba frente ao porto d´aquela Vila peixeira; os donos trasplantárona, como si entón se tratar de casas prefabricadas pra que mirara o mesmo mar, pero desde a Cruña. Mais tarde construíase no mesmo sitio un edificio mais grande todo de material. Poi bem, alí ibamos a tomar café –facendo tertulia despois de xantar– unhas cantas persoas ben amantes de Galicia: Lugrís Freire; Antón Vilar Ponte; Víctor Casas; Mosteiro; Cabanillas (fillo)… e algún outro como Cebreiro que caían pra tal ou calquer cousa. Podo afirmar que os tempos de maor asiduidade a tal tertulia foi pol-o lustro 1926-1931, que era nos tempos em que o Galeguismo non podía arredarse da política mais sin decidirse pol-a Monarquía ou pol-a Repúbrica, pois o Galeguismo era antes que nada e por encima de todo defensor de Galicia, da sua raza e de todo o grande que pode ter aquel anaco de Ceo coma rexión autónoma de España. Enténdase ben, parte da España.

Alí vin chorar algunha vegada por Galicia, a Don Manuel Lugrís coma un neno que chorara pol-a sua nai doente: o gran Don Manuel escribía en verso; pro falaba em prosa e cando se incomodaba berraba mais en prosa. Antón Vilar póidose cansar de ser boticario, pero nunca se cansóu de escribir e falar sempre em defensa de Galicia; vivía pra Galicia. Víctor Casas, suave e fino tiña um espríto crítico parello ao do seu gran amigo e, podiamos decir mestre, Vilar Ponte…

Non vou a seguir relembrando persoas e cousas pra non facer moi longo este artigo.

Mais, ¿qué foi d´aquiles grandes amigos e compañeiros?

Os dous primeiramente nomeados morreron moi a tempo: Antón Vilar finóu estando no cumio do seu camiño; o corpo d´aquil gran periodista velouse na casa municipal da Praza de María Pita e foi levado em asombrosa manifestación cívica ao campo santo: era diputado nacional e o Parlamento votou –coido que foi o primeiro acordo de tal natureza– unha pensión pra a sua familia que quedaba necesitada, a que nunca chegou a cobrar.

Don Manuel Lugrís sufreu nos derradeiros tempos da sua vida o imperio do terror: si quería morrer na sua casa non debía sair d´ela, e dende logo xa non podía falar como falou durante setenta anos, nin cantar nin chorar a Galicia. No Outono do 1936 vino un día arrastrando os pes paseniñamente, perto da praza de Galicia da sua Cruña; el tamén me víu a min e sin pararnos, porque non debía um pararse, díxome: Adeus querido Cortiñas. Coidei que aquel adios era o último da sua vida e así foi, porque xa non soupen mais d´il. Había nacido pra falar forte em pro de Galicia e finou cando xa non poido seguir esa vida.

Mais o que tivo un fin tan grande coma o que a sua vida prometía foi Víctor Casas. Aquel mozo que non chegaba a cuarenta anos morreu como poido morrer Santiago Apostol, pois viviu coma un Santo. O noso Vitiño deu a sua vida por Galicia.

Dende o ano 1935 non volvín a ver a Víctor [pra] desearlle un fin e vida coma a de Antón Vilar, non conozco a ninguén [da familia], ainda que sei que tiña muller e fillos. O que sí sei é que deixou amigos que non-o vamos a esquencer porque pra esquencerse d´il habría que esquencer a Nosa Terra.

Podía escribir moito de persoas e cousas que forman un todo inseparabel de Galicia, mais coido que xa se me vai a cabeza a algo tan metido dentro da Nosa Terra que ben poidera coidarse alleo a os fis literarios d´esta Revista.

A calquer amigo, periodista galego, poidera desearlle un fin e vida coma a de Antón Vilar Ponte. Outros (do meu xeito) relembrarán a Casas coma a un pino –dos rumorosos– ou algo tan enxebre que se van de Galicia pra que Galicia sexa grande i eterna… así temos a obriga, os galegos, de falar das cousas da nosa Terra, na que nacimos e queremos vivir.

Lar, revista del Hospital Gallego, Buenos Aires, 07/1951
(Respeitamos a grafía orixinal, aínda que corriximos algunha errata obvia e a supresión dalgunha palabra).
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *