Manuel Lugrís Rodríguez
Cando se está a celebrar o cento cincuenta aniversario do nacemento de Manuel Lugrís Freire, cómpre facer unha profunda reflexión do que significou dentro do amplo segmento galeguista, cultural e político do período tardorrexionalista de finais do século XIX e principios do XX, como figura chave na transición que leva a formular os principios harmonizadores do nacionalismo posterior e que tras a paréntese da ditadura franquista, vai ocupar un lugar determinante na política galega actual. Vincúlase á mellor tradición, leiga e republicana que ten como norte indiscutible, a dignificación e normalización da lingua, unida á defensa de Galicia e da xente que a habita, as tradicións, os costumes e, mesmo, un etnicismo, aberto e solidario, como cerne da existencia do pais como tal.
Pero fagamos unha breve e sintética biografía global para comprender o contorno e, mesmo, a propia personalidade en que se desenvolveu o seu labor dicindo que Manuel Lugrís Freire, foi un home singular. Nado na segunda parte do século XIX, tivo unha peculiar asistencia á convulsa historia desta centuria e foi testemuña de procesos revolucionarios, caídas de réximes, trocos de dinastías, etc. e todo elo desde a perspectiva dos seus principios ideolóxicos do galeguismo no sentimento dunha Galicia dona dos seus destinos e administradora da súa riqueza como xeito de redimir a un pobo co que, a cotío, estaba a compartir a miseria e a opresión dos caciques, dos trabucos impostos e de todos os poderes alleos que significaban a lamentable situación económica e social en que se desenvolvía a vida, fundamentalmente dos paisanos e dos mariñeiros, que el tan ben coñecía na súa vila natal de Sada.
Porque aquí naceu o día 11 de febreiro do 1863, aínda que na meirande parte das biografías figura como data a do día 12 que foi, efectivamente, a do seu bautismo. Fixo os seus estudos primarios na escola do coñecido mestre liberal Don Crisanto do que manifestou a influencia durante toda a súa vida.
Consegue o seu primeiro emprego como escribán no Concello de Oleiros ao que se despraza diariamente a pé, desde o seu novo enderezo na parroquia de Soñeiro. Aquí é onde ten o seu bautismo das letras, na quedanza e silencio da ridente campiña mariñá, nas súas propias palabras, pouco tempo denantes de tomar posesión do seu posto de traballo, cando dá por rematada a súa primeira obra Nociones Generales de Mitología, escrita en castelán, xa que aínda non se producira o seu camiño de Damasco galeguista, unha tarde de outono nun quinteiro preto do porto de Santa Cruz, como nos relata el nun sinxelo texto que denomina “Os primeiros versos”.
Emigra a Cuba os vinte anos de idade, reclamado polo seu irmán Plácido, e na illa caribeña traba contacto coa poderosa colonia galega e nomeadamente, co poeta Curros Enríquez do que gozará da súa amizade no futuro, ata a súa morte. Ten unha intensa vida cultural e profesional. Aquí publica o seu primeiro libro de poemas Soidades, cun prólogo do propio Curros, escribe unha obra teatral, a comedia de costumes A costureira da Aldea que non chega a representarse, una novela curta O Penedo do Crime así como un apropósito lírico-dramático, De Galicia a Lavapiés e dirixe A Gaita Gallega, publicación enteiramente en galego, e a revista Galicia Moderna participando tamén en numerosos proxectos asociativos. Aínda así ten tempo tamén para casar cunha señorita de familia ben asentada da provincia de Pinar del Río e da que terá posteriormente unha filla, en tempos nos que practicamente comeza a segunda insurxencia que levará dous anos máis tarde a independencia
da República cubana.
De volta xa, reside na Coruña de xeito definitivo. Sofre unha profunda depresión coa morte, tres anos mais tarde, da súa dona e logra recuperarse coa axuda do mundo da cultura, do
intelectual Urbano González, e da vida social na que se integra decisivamente. Casa de novo cunha profesora de música da Escola Normal, irmá do seu devandito amigo Urbano, coruñesa coa que terá outros cinco fillos e forma unha familia estable que perdurará até o seu pasamento, corenta anos mais tarde. Traballa en diversas empresas e, finalmente, é un dos fundadores da Compañía “Aguas de La Coruña” que está a implantarse na cidade, e na que inviste os poucos aforros que aínda lle restaban e labora arreo para conseguir o recoñecemento público da Empresa, indo polas casas, porta por porta, a conseguir os primeiros abonados e convencer aos veciños da conveniencia de contar con auga corrente nas súas vivendas, coma símbolo de modernidade e progreso. Paralelamente participa do ambiente galeguista que está a desenvolverse na que era considerada a capital histórica de Galicia, e toma parte no famoso faladoiro de A Cova Céltica, funda con Galo Salinas a Escuela Regional de Declamación que estrea diversas obras súas coas que inicia o teatro galego en prosa: A Ponte, Minia, Mareiras e máis tarde Estadeiña, O Pazo, etc. Por outra banda tamén é un dos fundadores da Liga Gallega, do sindicato agrario Solidaridad Gallega, da Academia da Lingua, mais tarde das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, do que ten o carné número un por decisión persoal de Castelao e é un dos que elaboran o proxecto de Estatuto e por último, con Alexandre Bóveda, o redactor definitivo do texto que se somete a referendo en xuño de 1.936.
Quedaría coxa a visión de Lugrís se non dixeramos que ademais de dramaturgo, foi un inmenso orador que, a dicir dos coetáneos, arrombaba coa súa potente voz á concorrencia
que entraba literalmente no sentido e sentimento do parlamento para finalizar cunha especie de clímax arrebatado que era o que buscaba co seu discurso, sendo famosa a súa intervención do 6 de outubro de 1.907 na praza de Betanzos onde pronuncia o que se considera primeiro discurso público e político en galego e que marca xa unha liña que non haberá de abandonar en toda a súa vida. Mitins en moitas localidades rurais, en Ferrol, na Coruña, etc.
Asemade, e na súa faceta puramente literaria habemos de salientar os libros de poemas, amais do xa citado Soidades, Noitebras dentro da depresión pola morte da súa primeira muller, Versos de Loita, As Mariñas de Sada e Ardencias que segundo todos os críticos é a mellor das súas obras e a última obra teatral Escravitude. As colaboracións en revistas, periódicos e publicacións de todo tipo, deixan espallados centos de contos breves dos que algúns foron recollidos no libro de Contos de Asieumedre, un dos diversos alcumes que utilizou durante a súa vida e na escolma publicada logo da súa morte co nome de A Carón do Lar. Por último habemos de salientar a súa Gramática do Idioma Galego e o Vocabulario das Irmandades da Fala no que colabora decisivamente durante varios anos até o seu remate.
En 1934 e nomeado presidente da Academia Galega pero un ano máis tarde debe dimitir por motivos de saúde. Neste intre hai que salientar o acto da inauguración do monumento na Coruña a Curros Enríquez, obra de Asorey, coa asistencia do Presidente da República e todas as autoridades locais. Mais xa retirado reclúese na súa casa da rúa de San Andrés de A Coruña e non sae, practicamente máis, que o día do referendo do Estatuto de Autonomía, levado case no colo polos membros das mocidades galeguistas que van buscalo ó seu domicilio para depositar o voto coa frase de “Agora xa podo morrer tranquilo”. Premonitorias palabras que teñen un preámbulo de tempo escuro na guerra que estala días máis tarde e na que participarán dous dos seus fillos en bandos distintos por mor do seu emprazamento xeográfico.
Esquecido e afouto morre o día 15 de febreiro de 1940. Don Ramón Otero Pedrayo deixounos no seu Libro dos Amigos a estampa clara e precisa daqueles derradeiros tempos da estadía vital de Lugrís Freire, cando fai relato da visita “o mestre de gran corazón”.
Pero toda a súa obra, con ser ampla e grande, non era máis que unha ferramenta da que se servía para acadar obxectivos máis altos: a dignificación da cultura galega e, sobre todo, a concienciación da cidadanía en fuxir do autoodio que entón, como agora, era a pedra negra en que petaba decote a febleza do noso pais.
Porque mellor que todo o que puidéramos dicir agora, a tantos anos de perspectiva, son as súas palabras as que haberán de orientarnos e pór as cousas no seu xusto termo. A continuación transcribo un escrito de Lugrís, do ano 1.925 no que a visión da cultura galega é, desgraciadamente, de perfecta actualidade nesta Galicia do século XXI que mesmo non semella avanzar moito mais aló das eivas e déficits que pon de relevo amargamente. Di así:
Os elementos fundamentais que mellor sinalan
o “ethnos” de Galicia son a música e a
poesía popular, a arquitectura e os coñecementos
esotéricos que, a través dos séculos,
conservamos e serven para dirixir os actos
positivos da vida.
Ao escoitar os motivos da nosa música popular,
cheos de neumas que revelan un espírito
profundo e deleitosamente artístico, ao sentir
o sentimental e filosófico, o humorismo refinado
e xenuinamente galo da nosa poesía popular,
cando relembramos a grande influencia
dos nosos trobadores medievais, levadura do
renacemento da cultura literaria peninsular,
cando contemplamos a beleza das nosas edificacións
dos séculos XI ao XV, que revelan os
coñecementos mais completos dos nosos arquitectos,
cando, en fin, vemos como a nosa
raza enche de luz os albores da cultura occidental,
preguntémonos: A poboación actual, os
habitantes dos campos nos días de agora, poden
producir, anovar, ampliar aqueles elementos
característicos dunha refinada civilización?
E, tristemente, contestamos que non. Un androxinismo
maleficiado, torturador, atafegante,
aneboou a mente da nosa raza. E o camiño
que segue a cultura popular condúcenos irremisiblemente
a amusgañar todas as fontes da
nosa civilización vernácula.
Idioma, música, arquitectura, todos os valores
básicos dunha raza, gardan a natural relación
cos dos outros países que tiveron unha
orixe común en remotas centurias. Mais a
mesoloxía, persistente durante moitos séculos,
foi especializando, modificando, criando
aqueles valores que constitúen unha personalidade
diferencial e específica.
Todos estes valores xuntos son os factores do
progreso universal, que non será completo
mentres deixe de concorrer ao seu desenvolvemento
un só factor por moi modesto que sexa.
A facultade criadora da raza apouvígase. Os
moldes cos galegos habemos aceptado, non
cadran co noso modo de ser. Refutamos de
todo o noso, aquilo que era fillo da natureza
que nos arrodea e do que nacía espontaneamente
do noso propio espírito, que estaba
pola súa banda influenciado polos axentes
naturais, polo medio ambiente. E, por lóxica,
perdemos o contacto coa nosa cultura.
O camiño que estamos a seguir é o equivocado.
Urxe, logo, a rectificación. Isto quedará
na encomenda para as xeracións intelectuais
que se están a preparar para promove-lo noso
rexurdimento nun vindeiro e lucidío porvir.
A Coruña, setembro do 1925
Palabras que mesmo semellan seren escritas hoxendía.