LEMBRANDO A ISAAC. UN ACTO CÍVICO EN BOISACA

Reproducimos o contido de tres das intervencións que tiveron lugar durante o acto cívico de homenaxe a Isaac con motivo do seu cabodano no cemiterio de Boisaca, organizado pola Academia Real Isaac Díaz Pardo.

PERNAS, CORAZÓN E MEMORIA
Martiño Noriega
Isaac, vai para un ano e semella un mundo. Nestes “violentos anos dez”, a memoria do bo e da boa xente acubíllase nas malas novas “aceleradas” que ateigan as páxinas dos xornais, xornais que ti lías e recortabas, con sistemática precisión, no teu despacho do Instituto Galego da Información. A memoria do bo, aínda que quizais debera falar de todo tipo de memoria.

Aquela que nos permite lembrar como e por que chegamos aquí e o que custa conseguir as cousas para logo perdelas tan rápido, aquela que ti nunca esqueciches, aquela na que investiches, aquela que divulgaches, coa túa xenerosidade, cos teus cartos, que sempre empregaches coma se fosen de todos, a diferenza dalgúns que empregan os cartos de todos coma se fosen seus.

O IGI, o único lugar onde quixen ser médico de empresa, permanece fechado cunha alta rendibilidade para os homes do traxe gris, eses señores “aburridos” que hai xa anos anunciaban por onde viñan os tiros, falando das porcentaxes de beneficios, coleccionando perdas, despedindo á xente, esquecendo ás persoas. Persoas como as que traballaron alí (Gloria, Fandiño, Alfonso e outros moitos), persoas que baixaron do barco cando baixou o capitán, porque eles tamén querían ser os últimos ao teu carón.

Isaac, vai para un ano e semella un mundo. Canda ti marchou o Lucho do Peto, tamén outros, eses… mellor non lembralos. Cóntannos que o problema é de déficit público e non lles falta razón, de “déficit do público”, do construído entre todos, do pelexado, do que nace de nós para nós, do corazón. Investir no corazón significa coleccionar derrotas, por iso ti fuches un gran derrotado, un dos maiores derrotados deste país. Porque tiñas un gran corazón. Sístole e diástole para fitar o mundo cos ollos do neno, sístole e diástole que fuxían por pernas das arritmias desta vida moderna.

Isaac, vai para un ano e semella un mundo. Aquel que percorriches ao carón de Seoane, en pasos curtos e rápidos, con aquelas perniñas que ao final tiñas medo de que che fallaran, como a don Paco del Riego. Dicías: “que ía ben de cabeza, pero nos últimos anos non podía camiñar”.

Por iso estamos hoxe aquí, un 5 de xaneiro. Porque a este país fállanlle as pernas, o corazón e a memoria. Porque para iso, un dos tratamentos é o teu legado. Hoxe, un ano despois, que semella un mundo.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *