ISAAC SI: O HOME DA MEMORIA AMOROSA

Carmen Blanco
É para min un pracer homenaxear a Isaac Díaz Pardo con persoas que o queren. Quero ser leal ao Isaac que o foi comigo. E declárome abertamente discípula de Isaac Díaz Pardo, discípula díscola, como el é, discípulo díscolo, e loitadora libertaria escéptica e pacífica, igual que el é “conservador / libertario, inconformista e descrido”. Non digo o dito e feito antes de que el viñese aquí. Gárdoo na memoria. E aínda escoito a súa voz. E vou facer soar de novo unhas voces súas, co desexo seu “d´un mundo e d´un tempo millores”, dedicadas á muller e os fillos, para a paz libre e xusta e para a memoria da liberdade:

VOZ PRIMEIRA:
Vai unha femia a túa beira que escoita o que non falas.

No debuxo de “O rapas que emigrara”,
Unha presa de dibuxos feitos por Isaac
Díaz Pardo de xente do seu rueiro, 1956.

VOZ SEGUNDA:
Mais eu inda che gardo o máis perenne que
unha muller pode gardar do amante, que é o
amor que che regalei, levián de min, que outras
vendéroncho

Na voz de Silva, Isaac Díaz Pardo,
Midas, 1951.

VOZ TERCEIRA:
Pese a que eu vivín sempre cun sentimento de
culpabilidade na sospeita de que meu pai morreu
pra me salvar a min, ou pagou por min
débedas que eu podía ter, coido que é notorio
que eu fixen todo o posible por superar o trauma
e enterrar todo resentimento, ollando pra
diante, poñendo por riba de todo unha esperanza
pra o futuro pra axudar a vivir a todos
(…) E sufrín calado esquencementos involuntarios
os uns e do oportunismo de vellos e novos
os máis.

En “Unhas notas de Díaz Pardo xustificando
algunhas das ilustracións do
texto e elas mesmas como ilustración”,
en Os que non morreron. 1981.

Ve e escoita ben o Cego Zago. Isaac Díaz Pardo escoita cos ollos. Di SI e di NON. Coas dúas estrelas BRANCA e NEGRA da LIBERACIÓN. SI a Galiza e ao resto do mundo da liberdade. Non á opresión. Por isto digo eu SI a ISAAC: ISAAC SI. O ESPLENDOR DOS ÉXITOS REAIS ISAAC DÍAZ PARDO, DOS ÉXITOS DAS REAIS FÁBRICAS DE CERÁMICA ISAAC DÍAZ PARDO, DAS REAIS FÁBRICAS DE TAPICES ISAAC DÍAZ PARDO…

Vou ler un poema que comezou a ser pensado cando me fixen irmá de Isaac Díaz Pardo na memoria da liberdade e que comezou a ser escrito para actos e accións varias cando Isaac andaba de pé, antes de que lle cortasen as mans e antes de comezar a morrer polas pernas, como el dicía. É un poema á súa BOA MEMORIA. Á súa MEMORIA BOA. A dedicatoria fai referencia ao monumento que deseñou para a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo de Lugo. Cando nolo enviou, a Claudio e a min, díxonos que Lugo era romano e que pensara noutra muralla. O poema canta esa súa boa memoria contando unha ficción miña da súa vida:

O home da memoria amorosa
A Isaac Díaz Pardo, que deseñou outra
muralla para a mellor memoria de Lugo.

Nacera con ollos amorosos para mirar o mundo
e as mulleres da rúa das Hortas. Non esqueceu
nada.
Medrara mellorando a vida coa súa arte radical
da existencia. Non esqueceu nada.
Cando levaba os ollos iluminados cunha ilusión
sen límites viu levantarse os odios asasinos e a
violencia vingativa da guerra. Non esqueceu nada.
Sentiu a morte e a loucura no seu sangue e
tivo que agacharse para sobrevivir. Non esqueceu
nada.
Volveu á vida do amor e á súa arte da existencia.
Non esqueceu nada.
Construíu con amor a grande obra mestra da
memoria amorosa de Galicia para Galicia e para
máis alá de Galicia. Non esqueceu nada.
Reuniu con amor os documentos da memoria
dos agravios para defender todas as causas xustas.
Non esqueceu nada.
Ergueu con amor os monumentos da memoria
das defensoras e dos defensores da liberdade
para que non os esquezamos nunca. Non esqueceu
nada nunca.
Lugo e Boisaca, 4 e 5 xaneiro, 2013.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *