Untitled Post

Editorial da Redacción

Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo           14 de abril de 2013   nº 6 – Sada
Chega un número máis de Areal no contexto de diversos acontecementos que marcan o presente no que desenvolve a súa actividade a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo.

En primeiro lugar, este número sexto vese felizmente condicionado pola declaración institucional por parte do Concello de Sada do ano en curso como Ano Lugrís Freire, unha idea que partiu da nosa Asociación na asemblea ordinaria de marzo de 2012, dado que en febreiro de 2013 cumpríanse 150 anos do nacemento do polifacético escritor e activista
sadense. Trasladada ao Pleno da Corporación polo BNG, foi aprobada por unanimidade, o que nos leva a enviar desde aquí os nosos parabéns a todos os grupos. A Asociación traballará ao longo de todo o ano para difundir, a través de actos, exposicións e publicacións, a obra e a figura de Lugrís.

Noutro campo, Sada enfronta momentos cruciais para o seu futuro. Está hoxe sobre a mesa, en período de exposición pública, o Plan Xeral de Ordenación Municipal, un documento que marcará a xestión do noso territorio nas próximas décadas. Agardamos que os responsables de elaboralo e aprobalo o conciban como un instrumento determinante na preservación do noso patrimonio cultural e natural, para garantir que non se repitan as tristes actuacións do pasado.

Por outra parte, na Asociación estamos de aniversario. Hai xa 5 anos que iniciamos a nosa andaina, coas I Xornadas Irmáns Suárez Picallo, celebradas en maio de 2008. Con tal motivo, ofrecemos neste número unha reprodución de todas as portadas das publicacións editadas ata o de agora. En todo caso, este periplo noso queda cativo ante os 20 anos de inmenso traballo que veñen de conmemorar en Betanzos os compañeiros da A. C. Eira Vella. Os nosos parabéns!
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *