Nada máis iniciarse a guerra civil (1936) Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo, foi detido e preso no cárcere de Santiago de Compostela xunto con outros personaxes destacados como Ánxel Casal. O mozo Isaac, xunto coa súa nai Antonia e a súa irmá Mercedes, refuxiáronse na Coruña. Isaac na casa que o seu tío paterno Indalecio tiña na praza de Pontevedra. Neste tempo, Isaac Díaz Pardo (16 anos), cando a situación estaba máis calmada e antes de marchar a estudar á Academia de San Fernando en Madrid, traballou de rotulista nunha fábrica de pinturas industriais da Coruña.
Foi nesa época coruñesa (1936-1939) e nesas circunstancias cando coñeceu a Eduardo Faraldo Alfonso, amigo e traballador tamén da fábrica de pinturas. Isaac fíxolle dous retratos: un a lapis e outro a acuarela.
Ambos os dous reproducen a Eduardo no tempo en que este cumpría coas súas obrigas do servizo militar no Hospital Militar da Coruña, rebaixado do servizo de armas.
Xosé Anxo Seoane Cao