A fin de semana pasada tivo lugar a presentación dun novo número de Areal e a xa tradicional ofrenda floral ante o monumento as vítimas da represión franquista.
O venres 12, na Casa da Cultura, presentamos o nº 6 de Areal. Ata alí achegáronse boa parte dos autores que participan no mesmo, así como familiares do pintor Urbano González, sobre o cal se inclúe un artigo biográfico, e de Manuel Lugrís Freire. Logo do saúdo inicial de Paco Pita e da presentación dos contidos de Areal que fixo Manuel Pérez Lorenzo, Rexina Basadre presentou ao director Xosé Abad, que nos falou do seu documental O segredo da Frouxeira, proxectado acto seguido.
O domingo 14, como cada ano, celebramos a conmemoración da proclamación da II República cunha ofrenda floral ante o monumento as vítimas da represión franquista en Sada. Introduciu o acto Jesús Castro, que tivo palabras de lembranza para Carmen Castro, a viúba dun dos asasinados, José Neira, falecida hai uns meses e presente en anos anteriores. Logo, coincidindo co 150 aniversario do nacemento de Manuel Lugrís Freire e lembrando que foi el quen trouxo a Sada a nova da proclamación da República, realizouse unha lectura de textos de Lugrís, e membros da Asociación interviñeron tamén para expresar as súas reflexións. Concluíu o acto coa ofrenda floral e o canto do Himno Galego.