Esta exposición organizada e deseñada pola Comisión Irmáns Suárez Picallo en 2008, patrocinada polo Concello de Sada e na que colaboraron a Concellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e Caixa Galicia. Percorreu moitos municipios de Galicia e chega a Oleiros para lembrar unha data histórica, o 14 de abril, data na que se conmemora a proclamación da Segunda República. Nesta exposición biográfica dos dous irmáns pódense observar fotografías familiares, da paisaxe de Sada e das diferentes asembleas e reunións mantidas polos dirixentes galeguistas. Unha mostra que percorre a historia de Galicia do primeiro século XX, desde a vida de Ramón e Xohán Antón Suárez Picallo.
Os irmáns Suárez Picallo
Os irmáns Suárez Picallo, naturais de Sada, foron homenaxeados polo Concello de Sada en 2008, considerándose o ano cultural Irmáns Suárez Picallo. Tanto Ramón, como Antón son consideradas unhas das persoas máis importantes no ámbito político-social máis relevante da primeira metade do século XX.
Ramón Suárez Picallo naceu en Veloi, Sada, en 1894. Traballou desde moi novo e marchou a Arxentina en 1912. En Arxentina colaborou na formación de máis de cincuenta organizacións sindicais e militou no Partido Socialista Internacional. E comezou a escribir en diferentes revistas como Libertad, La Argentina, Correo de Galicia… e participou na refundación da revista Céltiga, onde destaca a súa crítica á ditadura de Primo de Rivera. En 1931 participou na fundación do Partido Galeguista, converténdose nun referente do partido xunto con Castelao, intervindo en máis de 170 mitins, sendo un dos elixidos para levar en 1936 o Estatuto de Autonomía a Madrid. En 1939, Ramón Suárez Picallo refuxiouse en Nova York, na República Dominicana, Chile e finalmente volveu a Arxentina, onde morreu en 1964. Durante todos estes anos non deixou de formarse, de escribir, de impartir conferencias e de loitar por un mundo máis xusto, chegando a facerse cargo da Cátedra de Cultura Galega do Centro Lucense.
En 2008 anunciouse a repatriación dos seus restos para o cemiterio do Fiunchedo en Sada, sendo enterrado alí o 14 de outubro de 2008, cumpríndose así o seu desexo de descansar na súa terra.
Xohán Antón Suárez Picallo naceu en Veloi en 1907, participou desde a súa mocidade nas actividades de Mareiras, unha Agrupación nacionalista dos rapaces mariñeiros de Sada e colaborará co Centro Cultural Obrero de Sada. O Partido Galeguista vai contar en Sada cunha pequena agrupación denominada Grupo Autonomista, na que participará activamente, chegando a ser conselleiro comarcal do partido. E foi correspondente de periódicos como A Nosa Terra e El Pueblo Gallego, onde escribiu diversos artigos de temática política, agraria… E en 1936 encabeza a Fronte Popular. Co golpe de Estado, estivo agochado, pero finalmente, detivérono, torturárono e matárono con tan só 29 anos.