LEMBRANDO A ISAAC

Nas pasadas semanas tiveron lugar diferentes actos de homenaxe a Isaac Díaz Pardo.


Na Residencia de Estudiantes de Madrid, o 19 de decembro interviñeron falando sobre a súa figura Manuel Aznar Soler, Antonio Bonet Correa, José García-Velasco, Alfonso Paz-Andrade, Nicolás Sánchez-Albornoz e Ramón Villares, ao tempo que se proxectou un video coa obra de Isaac O crimen de Londres. A criada que estrangulou á súa ama pola música.

Por outra parte, na Universidade Complutense tivo lugar o seguinte acto:
O CEG de Madrid réndelle homenaxe ao intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo
Díaz Pardo desenvolveu durante a súa vida un inxente labor cultural e humano a prol de Galicia.
O Centro de Estudos Galegos (CEG) da Universidade Complutense de Madrid (UCM) –dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística– vén de organizarlle, o pasado 26 de novembro, unha merecida e emotiva homenaxe ao intelectual galeguista, pintor, ceramista, deseñador e editor Isaac Díaz Pardo, falecido en Galicia en xaneiro deste ano.
O acto, que tivo lugar no Ateneo de Madrid, foi promovido polo Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense –dirixido por Carmen Mejía Ruiz– e pola Cátedra de Estudios Galegos do Ateneo –dirixido por Miguel Losada–, e coordinado por Ricardo Pichel Gotérrez, profesor-lector de galego da UCM.
Nel tomaron parte tres persoas moi achegadas á vida e á obra de Isaac, tres grandes mulleres que ofreceron os seus testemuños persoais, sentidos e tamén estremecedores da súa relación co mestre homenaxeado: María Victoria Villaverde (viúva de Ramón de Valenzuela), Inés Canosa (a alma do Sargadelos de Madrid xunto con Isaac Díaz Pardo) e mais Constanza Tobío (filla de Lois Tobío). Estas intervencións foron precedidas dunhas fermosas palabras de lembranza e de agradecemento cara ao inxente labor cultural e humano do homenaxeado por parte de Carmen Mejía Ruiz, Miguel Losada e Carmen Novoa.
Rematados os tres testemuños persoais, un pequeno grupo de profesores e alumnos de galego en Madrid puxéronlle voz a Isaac coa lectura dalgúns dos seus textos poéticos e de ensaio: Carme Lamela Villaravid (profesora de galego no Espazo das Linguas Ibéricas), Saleta González Carnero (historiadora da arte, amiga da familia Díaz Pardo e familiar dos Valenzuela), Javier Rivero Grandoso (investigador canario da UCM e antigo alumno de galego), Alba Quintáns González (actual alumna de galego da UCM) e María Sokolova (exalumna rusa de galego tamén da UCM). Os dous textos poéticos da autoría de Isaac lidos neste recital (os dous publicados na revista Aturuxo nos anos cincuenta) foron ‘Cacheno’ e ‘A unha rapaza de Fontán que me pousa de modelo’.
A continuación, o emblemático profesor e académico da lingua galega Xesús Alonso Montero pronunciou unha moi proveitosa palestra relativa á vida oficial e á obra subversiva, antes e despois da morte de Franco, de Isaac Díaz Pardo. Rematada esta sentida lembranza ao legado cultural e sentimental de Isaac, o acto foi clausurado coa intervención dalgúns dos poetas madrigalegos más destacados, algúns deles integrados no recoñecido Grupo Bilbao: Fermín Bouza, Manuel Pereira, Luz Pichel e Rafa Yáñez.
Como colofón, o público puido gozar coa voz e a melodía dun dos músicos galegos máis coñecidos, Amancio Prada, quen agasallou aos asistentes con dúas pezas poéticas musicadas de Celso Emilio Ferreiro e Federico García Lorca, esta última aínda inédita.
UN ACTO EN BOISACA, o 5 de xaneiro
Como anuncia o díptico que encabeza esta entrada, o día 5, coincidindo co seu primeiro cabodano, celebrarase outro acto na memoria de Isaac no cemiterio de Boisaca.
ACTOS EN SADA
Os días 10 e 11 de xaneiro, por outra parte, homenaxearemos a Isaac en Sada, con dous actos dos que daremos información proximamente.

Algunhas fotos do acto do pasado xoves, no que homenaxeamos a Isaac Díaz Pardo. Nelas podemos ver a Paco PitaXosé A. Seoane, a mesa conformada por Marisa NaveiroXosé Luís AxeitosFelipe Senén e Xosé Ramón Fandiño e parte do público.
Fotografías correspondentes ao acto do venres 11. Regina Basadre e Xosé Abad, Isabel Risco, Paco Pita, o grupo Queiroa e entre o público o alcalde Ernesto Anido e membros do equipo de goberno.


Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *