A EXPOSICIÓN “QUERIDO BALBINO”

Estes días pódese visitar no IES Isaac Díaz Pardo de Sada a exposición que, baixo o título “Querido Balbino”, conmemora os 50 anos de Memorias dun neno labrego, o bestseller de Xosé Neira Vilas.

Precisamente, foi o autor quen inaugurou onte a mostra, acompañado do alcalde de Sada, un representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a directora do centro e o presidente da A. C. Irmáns Suárez Picallo. No acto interviron varios alumnos e alumnas, que deron falaron acerca da biografía de Neira Vilas e deron lectura a un fragmento do libro.

Pola súa parte, a A. C. Irmáns Suárez Picallo aportou a mostra un artigo de Ramón Suárez Picallo que, segundo o propio Neira Vilas, é a primeira crítica que se ten realizado do seu libro, poucas semanas despois da súa saída do prelo. Reproducimos o texto tamén a continuación:


Ramón Suárez Picallo,autor da primeira reseña de Memorias dun neno labrego

Apenas un mes despois da saída do prelo da obra de Neira Vilas, o periódico Lugo (02/1961), editado en Buenos Aires polo Centro Lucense, publicaba a primeira reseña da novela. Asinábaa Ramón Suárez Picallo (Sada, 1894-Buenos Aires, 1964), o político e intelectual que, tras ser Deputado na II República, tivera que se exiliar logo da Guerra Civil. O vello galeguista mantiña daquela unha estreita relación coas xeracións máis novas da colectividade galega, entre as que xogaban un papel determinante Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda.

MEMORIAS DUN NENO LABREGO
Orixinal de Xosé Neira Vilas
Por Ramón Suárez Picallo

Estamos diante dun texto galego, inxel e absolutamente auténtico. Pepe Neira Vilas que xa se tiña revelando denantes coma un bon poeta, arrequenta agora con este libro a súa condición de gran prosista do noso idioma vernáculo.
Neira Vilas, que tendo como ten agora 32 anos, casado con Anisia Miranda, tamén poeta i escritora cubana de estirpe galega, sitúase na condición dun neno aldeán da comarca ribeireña do Petrucial Río Ulla, pra narrar as inquedanzas, as aventuras, as preocupacións e as angurias dun neno labrego que se chama Balbino.
Balbino é “un neno probe que está a mirarnos con ollos tristes, mentras nos vai contando os seus anceios e desventuras. Nasceu labrego nun país de leiras cativas e amos fachendosos. Ten un padriño sabio e un irmán na América. Conosce os trafegos da terra porque se criou entre angazos e forcadas. Sabe de restrebas, sementeiras e segas… A vida é un novelo. O mundo está acugulado de inxusticias das que son vítimas os iñorantes e os probes. As palabras sirven pra decir a verdade ou pra fuxir dela. E Balbino cavila todo esto. Máis alá do Xudío, ou de Eladia, ou de Pachín, está o xuramento feito no adro. Soña de día e de noite, pero herdou a fonda e vella sabidencia aldeán, e as ilusións non lle impiden ollar a realidade que o envolve. Non cree no destino. Di que as cousas acontecen asegún nós queiramos.
Mais un día o Landeiro ponlle diante as “Memorias do Capitán Smith”; e outro, a pique de morrer afogado, atopa a Lelo, o seu amigo, que máis tarde emigra e lle escribe dende o Brasil, Balbino non é un rapaz coma todos. Doille que non o comprendan. Síntese atafegado na aldeia. Quere elevarse, fuxir dos seres que soio pensan na maseira. E teima ser “alguén”. Non morrer de todo “cando morra”.
Entenderase, diante deste enunciado que o libro de Neira é un verdadeiro mensaxe; un mensaxe conmovedor para cantos fomos na nosa infancia, nenos labregos ou mariñeiros de Galicia, que rezábamos pra que Deus nos permitira fuxir da nosa propia terra. Da súa pobreza física, da súa soedade espritual e todo elo por causa dun antergo e catricentenario asoballamento. Balbino o narrador, e noso irmán, noso compañeiro, noso vello amigo, coa cachola chea de ilusión e anceios de fuxida. O gran drama de Galicia, do que os nenos pensan todos en arredarse.
O ámeto espritual de Balbino, é moi limitado; ten un límite aldeán nas ribeiras do Ulla máis por estensión é un ámeto que subxuga a tódolos nenos de Galicia, con anceio e cobiza de hourizontes ultramariños.
Hai no libro de Neira Vilas, ademais de todo esto un empeño de estética e de arte, moi rara entre os autores que escriben pra nenos e que non queren ser nenos. Escribir pra nenos é sentirse neno a vegada, require un outo sentimento artístico de ternura e de amor. E facer esto nun lenguaxe auténtico, inxel, e insobornabelmente galego, é certamente, unha gran obra de arte, que logrou na sua narración, de aparencia intrascendente, pero de fondura sicolóxica e nacional galega, o noso prosista Xosé Neira Vilas.
Os nenos de Galicia teñen un pensamento propio, un lingoaxe de seu, un xeito de espresarse facendo comparanzas, incruso coas letras do alfabeto; eisí a “ele” é o legón da labranza; a “o” é a roda do carro; e a “b” é o anzó dos mariñeiros. A “Ll” é o feixe de herba e a “n” é o símbolo de decir: non. Calor, neste sinificado das letras e a das verbas é a función -tiña que ser, mellor dito, a función- dos pedagogos. Os pedagogos non saben desto nin unha soia verba. En troques sabe moito, e vese na súa obra, Xosé Neira Vilas, situado na condición dun neno labrego de Galicia.
Saudamos nas “MEMORIAS DUN NENO LABREGO” de Xosé Neira Vilas, unha obra maestra, límpida prosa galega, de sicoloxía infantil, e de sentido mensaxe prós nenos de Galicia de onte, de hoxe e de mañán. E tamén para os grandes que, cicais por non saber entender os nenos do seu propio fogar e da su propia patria i estirpe críen fillos que, o longo, lles serán infideles; nemigos.
Saudamos tamén neste documento a aparisción de un grande e puro prosista do noso idioma galego, en xerarquía de suprema obra de arte popular.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *