XÉNESE E FUTURO DA NOSA NACIÓN

Manuel Lugrís Rodríguez
Unha nación é un corpo vivo, conxunto de xentes, cultura, sentimentos e un indeterminado acervo de multitude de liñas diferenciadas que conforman unha idiosincrasia afundida nas raigañas do pasado e na presenza da paisaxe propia e representativa. O xeito de denominar nación a esa mestura ou compoñente harmónico de elementos físicos e inmateriais, é un dos moitos nomes que podemos aplicar a esta norma organizativa que o home foi quen de desenvolver desde os máis afastados tempos do seu amencer como animal político. O sentido asociativo é un dos meirandes ingredientes da súa condición humana e, como tal, perfectamente representativo de todo o que significa a evolución, o desenrolo e a formación cultural.

Pero unha nación, como todo ser vivo nace, medra, madura e tamén morre, aínda que durante un tempo amósanse as súas pegadas na historia, como referente da súa existencia ou, mesmo, simplemente, do seu influxo de futuro.

E ven todo este introito, como a xeito de antífona civil, porque no noso pais, nesta Galicia de listos, ignorantes, formados ou desinformados, bos e xenerosos ou imbéciles i escuros; aínda estase a cuestionar a súa propia substancia, a súa característica índole nacional que non é máis que a condición cualitativa que nos define e base material da nosa mesma realidade. Porque todo ten un proceso e un momento que é necesario relembrar.

Dicir que Galicia é unha nación desde os tempos máis remotos da historia ibérica é, cando menos, temerario ou ousado en extremo. Galicia era un espazo climático, xeográfico e, asemade, con certos atributos humanos que, paseniño, haberían constituír, acomodar ou axustar, en clave de futuro, as singularidades dun pobo, como cerne do que podemos chamar nación. Pero a xénese como chanzo histórico, esta primeira toma de conciencia, non ten lugar, en puridade, até o século XIX. E, quizais como consecuencia dos
aconteceres obxectivos derivados da invasión napoleónica, amalgamando toda a dispersa mostra de sentires, máis ou menos vagos, de efectos culturais, de influencias externas, e todo elo cauterizado nun panteísmo que pervivía desde os máis antigos tempos e que servía como unificador dun espírito colectivo que si era recoñecido polo común. Pero como todo proceso criador, o nacemento da nación galega habería de pasar por diversas fases: o provincialismo, o rexionalismo e o nacionalismo que leva, indefectiblemente a un último estadio: o soberanismo como horizonte final evolutivo do curso nacional.

O nacemento con ese provincialismo que poderiamos sintetizar, como reducionismo de compendio, na figura de Antolín Faraldo e os seus epígonos, nos primeiros pasos da concienciación galega, a destacar aquela asemblea de Lugo que a piques estivo de avanzar, quizais, extemporaneamente no obxectivo final, pero que non foi máis que unha fase de inicio que deu paso a un rexionalismo posterior, logo dun efémero bafo de aire fresco nas xoves voces de Pondal, Aguirre e todos os participantes no famoso banquete de Conxo que aposta brevemente por un federalismo e, mesmo un remedo de cantonalismo, que estaba chamado o fracaso pola encontrada oposición de todas as forzas reaccionarias que dominaban o panorama do pais, lonxe aínda de calquera tipo de autoestima ou, simplemente, dignidade.

O rexionalismo é unha outra xeira no camiño da construción nacional. Un ideario practicamente privativo de certa dereita sostida e alimentada en sectores específicos da clase media baixa e intelectuais que toman percepción da substantividade do pais e elaboran un discurso inspirado pola experiencia catalá nese mesmo contorno.

Grupo liderado por Brañas formula un espectro doutrinario que aporta novos elementos confirmativos de signo popular reivindicativo no eido agrario fundamentalmente, aínda que tamén nun crecente proletariado urbano que comeza a mobilizarse dentro dos parámetros dos movementos sociais da época e que vai ir nutrindo, selectivamente, a faciana pública do rexionalismo propiamente dito nunha primeira etapa e logo, xa máis intensamente as fileiras de Solidaridade Galega como paso inmediato ó nacemento do nacionalismo a cabalo das Irmandades da Fala e logo do Partido Galeguista coma concreción política organizativa que prevalece ata a aprobación do Estatuto de Autonomía no 1.936. Aprobación que se recibe conforme o cumio do proceso de orixe, xénese e consolidación conceptual da nación como ente superior de alusión social e, mesmo, sentimental. Galicia é, desde xa, a referencia única de traballos e obxectos políticos.

Pero o proceso creativo e estrutural dunha nación é tarefa de humanos. É un labor, do Home, polo Home e para o Home e, polo tanto, inciden no seu desenrolo as características e peculiaridades das persoas que participan, como eixos básicos do traballo en común e cómo núcleo principal da súa senda na historia. E un home fundamental neste asunto que nos ocupa é a figura de Manuel Lugrís Freire. O poeta, escritor, autor teatral, orador e político, como militante da Patria desde os seus primeiros anos de vida, xurdiu á concienciación da entrega o pais, na ridente terra das Mariñas de Sada, cidade na que nacera no ano 1.863, cando estaban a piques de entrar no prelo os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, coma premonición do seu longo andar vital, decote en servizo de Galicia e que faille dicir o dia da votación do Estatuto de Autonomía, logo de depositar o seu voto na urna: “Agora xa podo morrer en paz” 

O traballo estaba feito. Aquel treito rematara felizmente. Pero antes houbo toda unha vida de entrega, de incomprensións, de loitas interminables, deses pasos de Penélope, que pouco deixan avanzar pero que son constantes, firmes, persistentes e que antes ou despois, nos levan a conseguir a meta.

Lembremos o seu espertar á realidade do pais, cando escoita soar a gaita polos prados de Soñeiro un día de outono, o seu traballo en Cuba construíndo a nación entre os desterrados da fame e dos sufrimentos, dignificando a lingua e a artellar os seus piares básicos: cultura, baseamentos ideolóxicos, símbolos nacionais e, sobre todo, a conciencia colectiva. De retorno, a creación do teatro galego contemporáneo como expresión plástica da idiosincrasia popular, a entrega ós problemas do agro en expresión máis sincrética de todo o que significa Galicia. E así temos tamén o famoso discurso de Betanzos, no que inicia a oratoria pública en galego, as conferencias didácticas singularizando as cualidades e calidades máis axiomáticas da nosa esencia de pobo e, por fin, a defensa e promoción do idioma como materia incuestionable da propia natureza nacional. Pero a súa máxima contribución está no terreo político, especialmente na fundación das Irmandades da Fala e no soporte ideolóxico do Partido Galeguista, do que chega a ter o carné número un por cesión do mesmo Castelao a quen en principio se lle ofrecera. “Meréceo el máis que calquera de nós” dixo o rianxeiro no intre de facerlle entrega ao “vello” Lugrís do cartón daquela honra de distinción.

Pero debemos aquí salientar o seu traballo na redacción definitiva do Estatuto de Autonomía do ano 1.936,  coincidindo neste labor con outro ilustre sadense, Ramón Suárez Picallo, máis novo en idade pero igualmente de maduro nas ideas e na solidez e enteireza dos argumentos e das ideas.

Coa aprobación plebiscitaria do 28 de xuño, cumpríase unha xeira máis do longo proceso de construción nacional de Galicia. O nome de Lugrís Freire estaba, aquel día, no frontispicio da Patria como ben chega a dicir un dos voceiros do P.G. logo de se coñecer os resultados definitivos.
Pero agora, e pasados setenta e seis anos, logo da materialización física da autonomía como forma de goberno rexional, cómprenos entender un pouco o futuro como exercicio de proxección histórica. A nación está construída xa e o sentir común de que estamos chegados a un fin de ciclo é unha evidencia que ninguén pode obviar. Nos agardan tempos de grandes trocos, non só no eido social, senón tamén na propia xeografía política continental. O fracaso da actual Unión Europea, como simple acervo materialista dos estados que a compoñen, é cada día máis patente. A alcumada crise económica non é máis que unha convulsa recomposición do mapa económico mundial no que desaparece o eurocentrismo para dar paso as economías emerxentes, singularmente os BRICS ou os que no futuro pasen a integrar este Grupo, e que se basean nun principio de economía tan principal e simple que as veces parece que o descoñecemos.

Aquel que sentencia de que os recursos económicos son escasos. E que si hai máis asistentes, haberá que repartir os mesmos entre todos, logo toca a menos.
Predicir o futuro non é materia deste traballo, pero non estaría mal de que na honra do “vello” Lugrís de Sada, fixeramos unha práctica de futuro e auspiciamos o último traxecto da nosa composición nacional, no exercicio libre dunha estampa soberana irmandados con todos os pobos ceibes do mundo, que era, realmente, a visión afastada que tiveron no seu día os Faraldo, Brañas, Murguía, Castelao… etc. Fagamos noso o seu soño para o presente e para o porvir.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *