O TÚNEL DE FONTÁN

Vanesa Santiago Vázquez
En Fontán houbo un túnel
e quen sabe onde irá.
Houbo en Fontán un túnel:
Non precisamos máis.

Daquel túnel perdido din algúns
que partía das Torres de Meirás
e o corazón do egrexio Mosteirón:
nobres e frades buscarían fuxida
na liberdade que aínda brinda o azul
do noso mar.

Sentiríanse os viláns alporizados
perante privilexios que os someten
e causan rebelión:
non habían ser inimigos daqueles
ladróns da súa suor?

Certo día disporían os humildes
ir petar ás portas de nobres
e frades reclamando o seu;
mais estes xa estarían lonxe
(astutos e covardes) ocultos ao ceo;
a percorrer un túnel esquecido
no ventre dunha terra mariñá
levándoos alén do xuízo e da vinganza
coma un río caendo ceibe ao mar.

Aterrarían en segredo,
no Morazón dun pobo antigo e orgulloso,
talvez cun bote agardándoos
a abalar no océano, na boca da Cova da Anza,
ao pé das rochas do vixía Castelo,
e perderíanse entre a néboa da ría
á que regresan cada madrugada
os poucos que aínda pescan en Fontán.

Que doado imaxinar historias
de túneles segredos e lendarios,
imaxinar que quizá foi así
nun pasado que non lembramos,
de nobres e frades, tanto tempo atrás…

Un túnel que nas lendas é promesa.

Pois hai quen di tamén
que alí agochamos na guerra
fratricida e sanguenta
aos nosos anafranks…

Quen coñece a distancia entre lenda e verdade?
O túnel hoxe non é horizonte de fuxida
nin sería promesa de liberdade.
Sería, en cambio, unha cicatriz longa e fea
como a de John Long Silver
tras moito batallar,
fendida no corazón do pobo,
baixo o Castelo,
se algo del queda,
a supurar…

En Fontán houbo un túnel
e quen sabe onde irá.
Houbo en Fontán un túnel,
perdido nas brumas das lendas:
Abonda o seu misterio.
Non precisamos máis.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará