O TRABALLO EN SILENCIO

Ricardo Seixo
A Isaac Díaz Pardo, in memoriam
No arrecendo dos anos primeiros
pólvora e tristura.
Pola estrada da vida
non hai beirarrúas,
e os mortos nas cunetas
falan da paisaxe que pinta o fascismo.
Lápiz e pincel
crean a ilusión camiño de América.
Cómpre seguir a medrar
coa Galiza do alén,
coa Galiza aniquilada e perseguida,
coa Galiza da esperanza,
coa Galiza auténtica.


Novos horizontes
abriron as fiestras ao teu retorno
e a nosa cultura
foi a amante túa para toda a vida.
Bulen no recordo
milleiros de eventos, tertulias,
momentos co teu ser libertario,
exemplo de vida,
que andou a escoitarnos,
vivirnos e falarnos
cun riso nos beizos
e coa man tendida.
Loce rexa a bandeira no mastro
do Castro que habitas.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *