O QUE LIMOS

As fontes no concello de Betanzos
García González, Antón
Torres Regueiro, Xesús
Asociación Cultural Eira Vella · Betanzos
ISBN: 978-84-615-6395-1
Pp 266


Galicia é un pais de auga. A auga, elemento básico na vida das xentes que nos precederon, é o ben máis prezado. Cada pobo, ó longo da súa historia dotou de personalidade propia os seus mananciais, fontes, lagoas e ríos e así xurdiron na aurora dos tempos, os ríos sagrados as fontes santas cos seus cultos e rituais propios, as deidades feiticeiras, meigas, mouras, trasnos, e lavandeiras cos seus mitos e lendas. Para os gregos, a auga era a orixe de tódalas cousas e as fontes eran unha bendición dos deuses .

As nosas fontes, que os nosos devanceiros, descubriron, prepararon, mimaron, coidaron, utilizaron e nos deixaron para o noso uso e disfrute cos seus lavadoiros, teñen a súa historia (xa que foron auténticos “centros sociais”) e conservan aínda unha razón de ser, unhas funcións que todos debemos coñecer, porque o pobo que non ten en conta o seu pasado avanzará sen referencias cara o futuro.

As fontes e “ríos de lavar” tiveron unha grande importancia na vida das xentes do noso contorno. De igual xeito que tratamos de coidar e respectar castros, igrexas, camposantos, cruceiros, hórreos, muíños, fornos, pontes, pazos e casas rurais, vestimentas, danzas, músicas, ditos e refráns, útiles de labranza e utensilios dos que nos precederon, estamos convencidos que temos que facer un esforzo e incluír no amplo catálogo de cousas a conservar, as nosas fontes auténticos “foros populares” e mananciais xa que tamén forman parte do noso rico patrimonio etnográfico.

Pois ben, todo isto é máis é o que pretenden os mestres Xesús Torres Regueiro e Antón García González co seu libro As fontes no concello de Betanzos, onde a través de máis de duascentas sesenta páxinas presentan un documentadísimo traballo etnográfico á vez que histórico (iniciado xa hai más de vinte anos) e minuciosamente detallando con abondosas fotografías e planos de 42 fontes ubicadas no casco urbano, nos arredores da cidade e no resto das parroquias betanceiras.

Pero non só as fontes actuais o centro do estudo se non que tamén se paran a mostrar e informar de 14 fontes desaparecidas (seis das cales estaban ubicadas no parque “El Pasatiempo”).

Outro capitulo do libro dedícase a resaltar a importancia das fontes na cultura galega (ritos, crenzas, seres míticos, virtudes curativas, toponimia, cantigas, lendas,..)

Non podía faltar unha relación de tipos de fontes, elementos que as compoñen, construcións complementarias e vocabulario e ditos relacionados coa auga.

Un apartado importante, refírese ao pasado, presente e futuro das fontes pois, é evidente que, desde a aparición das traídas nas cidades, as fontes pasaron a ter unha función ornamental aínda que no mundo rural as fontes mantiveron a súa función utilitaria por máis tempo (os maiores de cincuenta anos lembramos o uso da sella e o cazo e o ir a por
auga á fonte cando eramos nenos). A recuperación das fontes ante a perda de sensibilidade por parte da poboación e dos gobernantes por preservar este significativo patrimonio popular, o deterioro a que están sometidas, os problemas que orixina a contaminación, ocasionaron o seu total abandono.
Inclúese no libro un interesante apéndice no que se recolle a curiosa correspondencia do concello de Betanzos nos anos 1866 e 1867 coa fábrica de fundición francesa que construiría a estatua de Diana para a fonte da Praza do Campo así como o seu regulamento de uso. E remata cunha completa bibliografía sobre o tema.

O exemplar e abondoso traballo de campo sobre as fontes de Betanzos realizado por Xesús Torres e Antón García, a súa pescuda e busca nos arquivos, o seu entusiasmo recollendo e difundindo o desexo e empeño de moitos veciños por conservar e manter en uso as fontes e lavadoiros ante os poderes públicos, a concienciación e respecto que amosan polo legado dos nosos antergos e a súa teimuda insistencia na recuperación, conservación e mellora deste singular patrimonio están a conseguir os seus froitos, pois moitas das fontes que se citan foron debidamente restauradas para uso e disfrute dos usuarios polo que o traballo reflectido neste libro é fiel testemuña de que se pode conseguir un cambio de mentalidade e deter ou minimizar ese proceso de deterioro e destrución das fontes que e abrollan e manan nas prazas das nosas cidades, pobos, parroquias, aldeas e en calquera recanto ou curruncho e das que –case seguro- descoñecemos a súa historia.

Dende hai xa corenta anos os grupos ecoloxistas como a SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural, en 1973) están a sementar a idea de que a auga é un recurso limitado e básico para a existencia da vida, un ben escaso que hai que conservar a pesar de nos considerar en Galicia afortunados posuidores de tan prezado ben.
“A auga non é un ben comercial como os demais, senón un patrimonio que hai que protexer, defender e tratar como tal” (Directiva marco 2000/60/CE sobre a auga do Parlamento Europeo do 23 de outubro de 2000 con posteriores modificacións referentes a unha xestión sostible da auga na Unión Europea).

Cando os nosos gobernantes comezaron a decatarse da importancia do medio ambiente (creación do Ministerio e da Consellería homónimas en 1996 e 1997, respectivamente) a SGHN levaba xa case un cuarto de século estudando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego. Certamente -e é lamentable- que para moitos políticos, non só a nivel municipal senón os que teñen as máis altas competencias e obrigas en Santiago e Madrid, o medio ambiente non sexa máis que unha escusa para facerse
unha foto cada 5 de xuño.

Sabemos e coñecemos estudos similares sobre fontes noutros concellos do entorno, como Oleiros e Culleredo e animamos ao IES “O Mosteirón” de Sada a afondar no que xa teñen iniciado sobre os “hórreos, cruceiros fontes e lavadoiros de Sada”, e de seguro que no libro que estamos a comentar atoparán folgos e vieiros para elo. Traballos deste tipo, nos que se poden iniciar nenos e mozos na esculca e divulgación da cultura propia son o camiño seguro para evitar a destrución dos nosos valores patrimoniais.

Francisco A. Pita Fernández

Vixiados. Represión, investigación e vixilancia
na Galiza da Guerra Civil (1936-1939)
Grandío Seoane, Emilio (ed.)
Edicións Laiovento · Santiago de Compostela
ISBN: 978-84-8487-210-8
Pp 271

e

A represión franquista na comarca da Coruña.
Vidas na memoria
Proxecto Nomes e Voces
Edicións Laiovento · Santiago de Compostela
ISBN: 978-84-8487-218-4
Pp 273

As posibilidades de construír un sistema democrático a partires dunha ditadura, sen alterar as estruturas políticas, xurídicas e institucionais preexistentes son, desde unha perspectiva racional, practicamente nulas. E por estraño que pareza, este exercicio de funanbulismo político foi levado a cabo, contra toda lóxica, no Estado Español durante o período chamado Transición. Non esta claro, máis ben o contrario, se os resultados do proceso pódense considerar os alicerces dun sistema democrático.

Inda máis, trinta tantos anos despois deste período, as súas realizacións(¿?), xunto co sistema que alumeou, son seriamente cuestionados. A Transición española, que foi celebrada polas clases dirixentes do noso Estado (e polas “ruling class” do que se da en chamar o “noso entorno”), foi tamén obxecto de estudo por parte das ciencias sociais, por enriba de todo, e resulta revelador, do mundo angloxasón. 

mesma foi presentada como modelo para os gobernos doutros países que se atopaban en conxunturas semellantes. E isto, a pesares de que como dixo, xa en 1995, Holm-Detlev Köhler, “¿Qué debería deprender un goberno destes países dunha transición que non rachou coa legalidade do antigo réxime, que non estableceu ningún cambio do sistema económico, que aceptou en gran parte o aparello estatal e militar existente, que só acelerou o proceso de integración a Comunidade Europea, que nin tan sequera tivo que elixir un novo xefe de Estado?”.

Un proceso deste tipo tivo que facerse, que asentarse, -ademais de sobre un complexo entramado de transicións, cesións, renuncias, negociacións (e chalaneos) encol do que existe unha abundante produción bibliográfica que non deixa de medrar en cantidade e calidade-, na amnesia forzada sobre o significado, carácter e consecuencias dun réxime coma o franquista, de tan longa e fonda duración.

Tivo que facerse sobre o esquecemento non só das vítimas, que nunca foron tomadas en consideración, máis aló da retórica culposa de determinada esquerra, senón tamén do carácter, os métodos e os aparellos de coacción dun réxime que fixo da represión a base da súa consolidación.

Pero, coma os homes-libro de Ray Bradbury-Truffaut, a existencia de testigos e vítimas daquel réxime, do seu testemuño e da súa memoria, fixo imposible o esquecemento
dos feitos e as realidades dun sistema político que se baseou
na eliminación física, e a marxinación e a represión policíaca e xurídica dos que procuraban a liberdade e un réxime democrático.

A memoria histórica, non doutra cousa estamos a falar, tiña que ser completada polo traballo dos historiadores. No caso do noso país hai cada vez un numero maior de traballos que teñen coma obxectivo a memoria histórica dese período nefasto da nosa historia. Hoxe imos a ocuparnos de dous libros senlleiros sobre ese período. Dunha banda, imos a falar da obra A represión franquista na comarca da Coruña. Vidas na memoria, un libro que forma parte do proxecto Nomes e voces , e que ten coma obxectivo documentar a memoria, darlle nome e presenza as vítimas da represión franquista no entorno da Coruña. O traballo levado a cabo, xunta con moitos outros historiadores, nomeadadamente por Dionisio Pereira, Eliseo Fernández e Emilio Grandío, pretende dar documentada testemuña dos movementos sociais e o seu empuxe na bisbarra coruñesa. E ademais o levan a cabo erguendo o nome e a memoria das vítimas da represión, todos eles integrantes ben dos movementos nacionalistas, ou do movemento obreiro, coa presenza destacada dos anarcosindicalistas, e dalgúns membros dos movementos agraristas e socialistas.

O territorio local da represión, no entorno do Faro de Hércules, onde están enclavados os que podiamos chamar “lugares da memoria”, da memoria máis negra da represión, ia a ser o emprazamento posterior do monumento memorial no que figuran os nomes dos represaliados, o froito máis inmediato e visíbel do traballo realizado polos autores do libro que nos ocupa. Nel, neste libro, teñen cabida uns pequenos esbozos biográficos de todas as vítimas documentas da represión. Completa a obra un apéndice fotográfico, que venlle a poñer faciana a algunha das vítimas dun réxime cruel e despiadado, que fixo da violencia, planificada e sistematizada, a súa razón de ser, que “inverteu en violencia”, para asegurarse a súa consolidación e permanencia.

Precisamente dos aspectos sistémicos da represión ocúpase a
outra obra da que imos falar. Vixiados. Represión, investigación e vixilancia na Galiza da Guerra Civil (1936-1939), é unha obra que pon o foco nos mecanismos de control social, que integraban o sistema represivo ideado e sostido polo franquismo desde o momento mesmo do golpe. 

No noso país, a pesares de caer desde o principio nos territorios controlados polos golpistas, despregáronse os elementos constitutivos do sistema represivo, os mecanismos de coerción e control social que ían a caracterizar o réxime no longo período de pedra da súa duración.

Coordinado por Emilio Grandío, que se encargou da edición, o libro recolle unha serie de traballos que nos ofrecen a análise panorámica dos devanditos mecanismos coercitivos que axudaron o triunfo do golpe primeiro, e a consolidación do réxime máis tarde. A través deles, os autores, Javier Rodíguez González, Manuel Pérez Lorenzo, Rosalía Regueiro Mendez, María del Pilar Mera Costas, Xurxo Pantaleón, xunto o xa citado Emilio Grandío, fan falar á documentación para dar cumprida conta da realidade dun réxime que desplegou todos os mecanismos propios dun réxime totalitario, dunha ditadura, para asegurarse o control total dunha “sociedade baixo sospeita”, por dicilo coas verbas do propio Emilio Grandío. A delación como norma, a información como ferramenta, a represión como norte, constitúen o cerne dun réxime que non se plantexou, alomenos e claramente nas primeiras épocas, necesidade algunha de construír consenso.

O situar a todos os cidadáns (aínda que no contexto o termo
co significante de portador de dereitos nunha comunidade de
iguais non parece moi axeitado) coma potenciais inimigos (traidores), era un punto de partida que explica que a represión acadara en ocasións carácter de autentica paranoia, da que é exemplo a referencia constante a “conxura xudeomasónica”, unha teima do réxime, xunto co antimarxismo/ comunismo/ bolchevismo. De todos os xeitos, a faciana represiva do réxime queda ás veces caricaturizada, por exemplo algunha documentación descobre nos perpetradores unha adición máis que notable polas bebidas espiritosas, refrexada, dun xeito dalgunha forma irónico, nas facturas xustificativas dos gastos cotiáns dos integrantes
dun servizo de información.

Anécdotas aparte, este libro, en cada un dos seus artigos, ven a resaltar a faciana represiva do réxime, mostrándoo como realmente foi. A aposta pola represión, a coerción e o despregue dos mecanismos máis acabados do control social, formaban o esqueleto do réxime. En Galicia, isto queda claro grazas o traballo dos investigadores. O modelo foi posto en marcha desde o principio, no momento do golpe militar fracasado. O carácter de “banco de probas” do noso país ía confirmarse coa reprodución do modelo no resto do Estado, tras o triunfo definitivo da asonada reaccionaria. A lectura deste libro ofreceranos a oportunidade de saber como foron as cousas na nosa terra, como funcionaba o aparato represivo, como a delación, por exemplo, ía a facerse forte nun corpo social no que ningún dos seus membros deixaba de estar baixo sospeita.

Xaime Rodríguez Rodríguez


A Xanela

Revisa cultural
das Mariñas
Asociación Cultural
Eira Vella · Betanzos

A pasada primavera presentouse, con actuación musical de Miguel Alonso na Sala Azul do edificio Arquivo, o nº 33 de A Xanela. Revista Cultural das Mariñas, que edita a A. C. Eira Vella de Betanzos.

Neste número trátanse, como é costume, temáticas diversas e de interese xeral: mitoloxía, música, creación, estudos locais… Conta con colaboracións de Diana Varela Puñal, Miguel Mato, Manuel Fiaño Sánchez, Elena Veiga Rilo, Gabriela Rodríguez, Víctor Tizón, Cristiano Cortes, Eduardo Olímpio, João de Castro Nunes, Xosé Mª Veiga Ferreira, Juan Sobrino Ceballos, Xesús Torres Regueiro, Antón Fernández Malde, Antón Capelán, Manuel B. Dans, Moncho do Orzán, Xosé Lois Sobrino e Baraxeiro. Inclúe ademais textos de Valentín Paz-Andrade e Luís Seoane; fotografías de Veiga, Blanco, Antón Malde e do arquivo de Eira Vella; e deseños de Vítor Tizón, Olaia, Sabela Arias e Luis Otero.

A Xanela, polo seu rigor e difusión, foi un referente fundamental da A. C. Irmáns Suárez Picallo para a creación de Areal. Os nosos parabéns a Eira Vella por manter durante tantos anos o seu proxecto editorial.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *