O IDIOMA E MAIS A HISTORIA DE GALIZA EN RICARDO FLORES

Antón Santamarina Delgado
A Ricardo Flores preocupábao moito o ser humano nado na Galiza que puña como desculpa de non usar na conversa íntima o idioma propio da Terra que o dera… por non saber falalo ben. A ese desventurado compatriota compúxolle unha cuarteta, ben doadiña de memorizar, que di simplemente así:

Se como sabes galego
souberes falar francés
a placa de profesor
na porta habías de ter.

Tamén afectaban moito nel as conxuras íntimas dos reinos cristiáns involucrados na loita multisecular –denominada Reconquista- esquecidos moitísimas veces de que o labor cardinal, naquel intre específico, era a expulsión do mouro de Hispania. Pola contra, unha ralea de reinos unipersoais cristiáns bota a andar ao norte da liña fronteiriza versátil, de querenza horizontal, delimitadora de dous dogmas contrapostos, orixe de lances bélicos instintivos, especificados en libros de historia, os cales, sumados a factores paralelos, propiamente galegos, van virando amodiño, amodiño, a Gallaecia histórica remota na Galiza que hoxe en día temos.

Por neurótico que nos parecera tentar futurizar no pasado, os dous coincidiamos na opinión rigorosamente negativa que tiñamos sobre da serie de monarquías peninsulares medievais, de superficie irregular, que nos levaba a repasar episodios bélicos definíbeis, para Ricardo, como propios dunha guerra santa contra do mahometano disposto a coranizar todo canto fora xa evanxelizado antes de el chegar… causa pola cal o pobo islámico foi o único cualificado de invasor entre tanto conxunto armado sucesivo que na historia de España, do fenicio ao visigodo, que se asenta na península ibérica, algúns colonizadores, outros asimilados, no canle circunstancial do habitante celtibérico.

A partir deste momento histórico a Península comeza a inzarse de áreas rexidas ao xeito de coutos reais aborixes, de libre dispoñibilidade persoal, pasíbeis de seren expandidos, de bo grado ou pola forza, en contra de calquera outra demarcación, lindeiro, ou non, con cadanseu reino oportuno, cun dux da mesma crenza relixiosa, procedente, a maior parte das veces, dunha mesma cepa familiar; señor absoluto de campos de cultivo e gandaría variada entre a cal o semovente bípede humano –destro no manexo da ferramenta labrega, entendido en sementeiras e cultivos e mais na cría e coidado do gando- era un ben ganancial máis a formar parte da moblaxe do latifundio, susceptíbel de ser cedido, como mera mercadoría minifundista, ao herdeiro ou herdeiros, segundo o número de descendentes directos, do rei oportuno, produto dos casorios válidos de principio… máis logo anulados, se for favorábel tal determinación á comenencia política territorial supeditada á consanguinidade sucesiva, por vodas celebradas no circuíto pechado da realeza, que virará en delituosa cando lle conviñer á autoridade política territorial suprema.

O tempo histórico máis común dos coloquios, quer revisionistas do frustrado pretérito galego, era o abarcado entre o reino de Sancho III (970-1035) de Navarra e mailo de Fernando III (1217-1230) de Castela. O primeiro distinguido pola conquista de reinos cristiáns peninsulares alleos ao del, seguidos da fragmentación testamentaria dos mesmos entre os seus “herdeiros”; tarefa a formar parte dun modo de actuar de moito rei a proliferar na cúpula das monarquías cristiás que, nese senso, nada tiñan que lles refutar aos reinos de taifas árabes. O segundo, con reserva mental, pola unión definitiva dos reinos de Castela e mais León. Sancho III, de Navarra, coetáneo de Bermudo III (1028-1037), de León, e mais de García Sánchez (1021-1026), de Castela… “desexosos
os casteláns de estreitaren lazos de amizade, pedíronlle a Bermudo a irmá del para esposa de García, mais cando o Conde chega a León, é asasinado”. Sancho III, atribuíndose maiores dereitos ca ningún outro rei coetáneo, aproveita a ocasión e faise con Castela. Xorde a seguido unha guerra por cuestións de límites e ocupa León, deixando a Bermudo arrecantado en Galiza. Á hora da morte, Sancho distribúe entre os fillos os seus reinos do modo seguinte: a García, Navarra; a Ramiro [I (1035-1063)], Aragón; a Fernando, Castela; a Gonzalo o señorío de Sobrarbe e Ribagorza. Fernando I (1035-1065), de Castela, axunta (1037) o reino herdado por el co de Sancha, de León, nunha soa coroa conxugal. García, de Navarra, tenta desposuír do reino de Castela a Fernando.

Enfróntanse en Atapuerca onde García é ferido de morte (1054). Nese mesmo campo de batalla é proclamado rei de Navarra o seu fillo Sancho quen, dous anos despois, morre ao ser precipitado dende a roca de Peñalén polos seus irmáns Ramón e mais Ermisinda. Este Sancho “de Peñalén” deixa dous fillos menores, razón pola cal o reino que fica orfo é repartido entre si polos seus curmáns Afonso VI, de Castela, (A Rioxa e Vascongadas) e Sancho Ramírez, de Aragón, (o reino de Navarra) co río Ebro de fronteira.

O pulo tomado coa vitoria de Atapuerca decide ao rei Fernando a facer un periplo bélico que, logo de deixar atrás, como tributarios, Badaxoz (1057), Zaragoza (1058), Toledo (1060) e Coimbra (1064), chega a Valencia para volver de contado, enfermo, a León onde falece en 1065. A partilla testamentaria de Fernando I déixalle a cada fillo unha parcela do patrimonio total por el acopiado: con carácter de reinos, Castela a Sancho, León a Afonso, Galiza e mais Portugal a García; en índole de señoríos, Zamora a Urraca e Toro a Elvira.

Morta a raíña nai, Sancho II (1065-1072), non conforme co que lle tocara, faise dono pola forza da herdanza dos seus irmáns. Só Zamora o enfronta antepóndolle unha compensación pola entrega da praza; tratando os aspectos da rendizón en favor del, é Sancho asasinado (1072). En conivencia con Urraca, a sucesión é exercida por Afonso como VI de Castela (1072-1109).

A sucesión rexa segue no eido cristián unha disciplina normal até Afonso IX (1188-1230), de León, quen casa con Tareixa de Portugal, da que ten un fillo, Fernando, que morre moi novo, e dúas fillas, Sancha e Doce. Este matrimonio foi anulado por consanguinidade entre os esposos.

O novo matrimonio concertado con Berenguela –do cal ten un fillo, tamén Fernando, que ha ser IIIº de Castela- sofre a mesma cualificación e condena do que o primeiro. Mal levado co pai, vese desprazado da coroa de León que Afonso IX lles adxudica a Sancha e Doce. Fernando, xa IIIº de Castela, reclama para si a coroa de León e mesmo ameaza con invadir ese reino se non se cumpría tal esixencia. As ex -esposas de Afonso IX, ante o temor de que Fernando III, O Santo, iniciara unha guerra por un anaco de terra. As dúas “viúvas” de Afonso IX, buscan unha solución ao tema e atópana na Concordia de Benavente (11-decembro-1230) que indemniza a Sancha e mais a Doce, cunha ducia de señoríos vitalicios polos que percibirán unha renda anual de 15.000 marabedís, que serían reducidos a 10.000 de profesaren en relixión ou abolidos en caso de matrimonio.

O resume da posibilidade dunha Galiza con personalidade propia, de carácter paralelo con Castela ou Portugal, foi, en palabras de Ricardo, vendida por un saco de moedas de actualidade vencida.

A contenda bélica co mouro continuou. Tamén os encontronazos entre reis, ás veces contra algunhas raíñas pelexando entre todos. Faltan aínda uns catrocentos anos para Isabel e Fernando. Marrocos, “fundado” en 1068, seguiu
a agardar, pacientemente, polo mouro desterrado da Península.

(Os datos históricos están contrastados co
Prontuario de Historia de España, de Félix
Sánchez y Casado. Edición XIV, Librería
de Hernando; Arenal 11, Madrid 1894.)
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará