NOMES PROPIOS. JOSÉ MONZO E O SINDICALISMO ANARQUISTA NA SADA DA II REPÚBLICA (II)

Manuel Pérez Lorenzo
A expansión do anarcosindicalismo ao rural
José Monzo, xunto a outros cadros cenetistas de Sada, desenvolveu tamén unha intensa labor proselitista ao longo das parroquias do municipio co obxecto de expandir ao campo o modelo de organización sindical da CNT.

A celebración de mitins e reunións para animar aos veciños a se constituíren en sindicatos sería unha constante e daría os seus froitos.
Se o 13 de decembro o Sindicato de Sada celebraba un mitin a eses efectos en Meiras, apenas un mes despois a Asociación Agraria daquela parroquia era reconvertida en organización sindical integrada na CNT.

Noutras áreas do municipio, habían atopar resistencias de inicio. Para o día 22 de xaneiro de 1933 programárase un mitin no que intervirían, entre outros, o propio Monzo, Regueira e Guitián, de Sada. O acto iniciaríase con algún incidente:

Un poco pintoresco resultó este mitin al apreciar que unas cuantas mujeres, impulsadas por el «cerdote», que no sacerdote de aquel lugar, vinieron a interrumpir, ya que de labios de ese que se llama «ministro del señor» habían escuchado que los propagandistas iban contra la propiedad y contra la familia.

Y he aquí que las buenas mujeres, que llevan prendido en el alma los milenios de la esclavitud, terminaron por convencerse de que los propagandistas de la Confederación
atacaban la propiedad de los ricos, la hartura de los ricos, las canalladas de los ricos, fundándose, precisamente, en las máximas de ese dios que las mismas mujeres querían defender. Y las que fueron en plan de guerra salieron llenas de ansias de contribuir a la paz, a esa paz que predican los anarquistas para acabar con todos los malvados del mundo, aunque estos malvados se disfracen de discípulos del dios inventado por los hombres para tener a otros hombres esclavizados.

En efecto, o Sindicato de Oficios Varios y Campesinos de Carnoedo rexistrarase oficialmente tres meses despois. A celebración dun mitin de “afirmación sindical” nunha parroquia será, en definitiva, antesala da próxima constitución dun sindicato. Do mesmo xeito que en Meirás e Carnoedo, o Sindicato de Oficios Varios y Campesinos de Mondego nacía tan só dúas semanas despois dun mitin no que, entre outros, interviña Monzo para facer ver “al auditorio la necesidad de asociarse para luchar contra el caciquismo que existe”. Constituiríanse tamén organizacións sindicais afectas a CNT en Soñeiro (La Defensa del Agricultor, xa en decembro de 1931, un tanto desligado de Sada) e Osedo (Unión Campesina de Osedo y sus Contornos, apenas unha semana antes da sublevación militar de 1936.

Co obxecto de vertebrar a actuación de todas estas entidades, a CNT crearía federacións comarcais. A Federación Comarcal de Sindicatos Únicos de Betanzos nacía a consecuencia dun mitin celebrado en Sada en novembro de 1931, e agrupaba, de entrada, aos sindicatos de Sada, Betanzos e Guísamo. Co tempo iríanse incorporando os de nova aparición. No 1936 as entidades de Sada desligaranse da comarcal de Betanzos para formar unha federación propia.


Monzo, representante en comicios 
Como presidente do Sindicato, Monzo exercerá a representación do mesmo en diferentes reunións e asembleas de nivel galego e estatal. A Santiago desprazarase o 12 de febreiro de 1933 para participar no Pleno de Sindicatos da Confederación Regional Galaica da CNT, representando a 500 traballadores. Nesta xuntanza escenificarase a división entre os sindicalistas máis moderados -como José Villaverde- e os máis radicalizados, ligados a Federación Anarquista Ibérica. Monzo achábase entre estes últimos.

Fomará parte do equipo relator da ponencia sobre a xornada de traballo. Este equipo dictaminará en contra de manter a reivindicación da xornada laboral de seis horas por considerala unha fórmula intermedia e por entender que había que avanzar directamente cara a revolución:

Son tiempos los que vivimos que determinan una acción rápida y decisiva contra el régimen capitalista, yendo a la destrucción del mismo.
[…] se atacará fuertemente el paro forzoso, lo que determinará que la burguesía y Estado tengan necesidad de […]hacer lo posible por emplear el mayor número de parados, y hasta rebajar la jornada a fin de evitar la revolución; […] habremos conseguido, sin desviar el objetivo revolucionario, atenuar en parte la crisis de trabajo.

Concretando: creemos que no debemos pensar en cuestiones de orden inmediato y prepararnos para hacer la Revolución Social.

O debate posterior motivará un acordo favorable a reivindicación xeral da xornada de seis horas.

Tres anos despois, en maio de 1936. Monzo viaxará a Zaragoza para participar no Congreso Extraordinario da CNT. Nesta ocasión farao en representación de 335 traballadores do Sindicato de Sada e outros 82 do de Mondego.

A FAI en Sada
Como víamos, José Monzo pertencerá a facción máis radicalizada da CNT. Formará parte da Federación Anarquista Ibérica, unha agrupación con funcións no campo da acción directa, da propaganda ideolóxica e da difusión cultural que pretendía velar pola integridade dos principios ácratas que guiaban a CNT. Sada será, con Betanzos, a primeira localidade fóra da Coruña que conte cunha agrupación da FAI, o grupo anarquista Luz, que existe xa a comezos do verán de 1931, con anterioridade ao propio Sindicato.

Na súa presentación en prensa declaraban que a finalidade dese “grupo de jóvenes entusiastas y amantes convencidos de las ideas libertarias” era a de “propagar y sembrar estas doctrinas de amor y libertad entre los trabajadores todos y en particular a nuestros campesinos de este rincón galaico”, á vez que se solidarizaban “con todos aquellos actos que nuestros camaradas hagan en contra todas las tiranías y especialmente contra la rusa e italiana”:

¡Salud, valientes camaradas que sabéis y supisteis enfrentar vuestros pechos a las balas fratricidas, aquí quedamos los que sabremos reivindicar, no vuestras vidas, pero sí vuestras ideas, que de todos nosotros son!

A dirección de contacto do grupo evidenciaba quen estaba a fronte do mesmo: “quienes quieran ponerse al habla con nosotros pueden hacerlo a José Monzo, calle de la Iglesia, número 21, Sada”.
Xa a finais do 1935, tras un par de anos de inactividade de Luz -probablemente motivada pola represión que seguiu aos conflitos de decembro de 1933 e outubro de 1934-, Monzo organizaba o grupo anarquista Nueva Vida. A nova agrupación faísta lanzaba “un saludo a los presos y perseguidos del mundo” e solicitaba “que camaradas, instituciones y editoriales, les envíen toda clase de propaganda: periódicos, libros y folletos”10.

A Fronte Popular: o retomar da actividade e o renacer das alianzas
A partires do verán do 1935, ante a presumible convocatoria de comicios electorais a nivel estatal e logo dun bienio coa dereita exercendo poder, o republicanismo, a esquerda obreira e o sindicalismo anarquista comprenden a necesidade de actuaren forma coordinada.

É neste contexto, coas organizacións sindicais aínda desactivadas, cando se articula a Alianza de Esquerdas de Sada, que ten por finalidade loitar “contra a reaición, fascio, guerra e pol-a conquista de unha amnistía para os presos políticos e sociaes”. Reunirá a membros do Partido Galeguista, Izquierda Republicana e Unión Republicana, así como a cadros sindicais de Sada ou Mondego, que non figuran, evidentemente, no seu Comité Electoral.

Este clima de concordia entre a esquerda verase tamén reflectido na creación do Ateneo de Cultura Política y Social, unha organización cultural con intensa actividade ao longo do seu ano de existencia.

A Alianza de Esquerdas derivará, en consecuencia co resto do Estado, na Fronte Popular, que obterá o triúnfo nas eleccións de febreiro de 1936. A vitoria será recibida en Sada cunha “imponente manifestación de entusiasmo republicano,
en la cual iban más de 2000 personas”.

Fronte á casa do Concello farán uso da palabra Xohán Antón Suárez Picallo e Justo Rodríguez (PG), José Pubul (UR), o alcalde Antonio Fernández Pita (republicano independente) e o propio Monzo, representando a clase obreira.

Atrás quedaban as disputas e as friccións entre as diversas faccións progresistas e de esquerda.
Renacían as vellas alianzas do 1931. Os anarquistas verían legalizado o Sindicato, volvéndose a organizar de novo, o mesmo que noutras parroquias.

Nesta conxuntura, e ante a grave crise económica pola que atravesaba o país, as entidades integrantes da Fronte Popular, as asociacións culturais e as organizacións obreiras constituirán en asemblea unha “Junta de defensa” contra o paro, que mantería unha actuación constante nas semanas seguintes. Monzo formaría parte da mesma en representación do Sindicato, tomando protagonismo e intervindo en sucesivos actos.

Seguiríanse a celebrar asembleas públicas, encamiñadas á posta en común de suxerencias. A principal finalidade era axilizar a posta en marcha de diversas obras públicas proxectadas, ofrecendo traballo aos desempregados. A finais de maio visualizarase unha fenda entre o Goberno local a os integrantes da “Junta”, que criticarán “el proceder del alcalde y concejales en este asunto” e proporán a “destitución fulminante de la Corporación municipal por estar descaradamente en contra de los intereses locales hace varios meses, y más concretamente desde que se inició este movimiento que encarna los sentimientos del triunfo del Frente Popular”.

O final: fuxida e morte
Novas empresas, reconciliacións e disputas veríanse interrompidas xa definitivamente pola sublevación militar de xullo. Monzo, o mesmo día 18, participa como orador nun mitin da CNT na praza de touros da Coruña, no que se dá noticia do golpe. No seu discurso, expón a súa determinación de loitar contra a reacción, pero non para defender a un goberno de esquerdas ou de dereitas, senón as liberdades da clase obreira. Ao seu regreso a Sada, alerta a poboación e organiza un convoi con varios camións que se dirixen a Coruña na procura de armas para participaren na súa defensa, volvendo a Sada coas mans valeiras.

Nos días seguintes, Monzo será un dos organizadores da resistencia. O día 23 pola mañá chegarán nun camión tres falanxistas e un soldado que, tras teren apuntando coas armas aos presentes, serán atados e conducidos ao local do Pósito Marítimo. Porén, dúas horas máis tarde Sada será tomada por unha columna ao mando o capitán Roger. Cada quen procurará refuxio onde poida. Monzo agocharase en varios emprazamentos da vila, fuxindo posteriormente a Miño e ficando durante algún tempo nos illotes Carbón e Carboeira. A comezos de xullo do 1938, cando se atopaba agochado nunha serreira abandonada da estrada de Sada a Fontán, enfermo e sen máis alternativa, decidirá darlle fin a súa vida. O seu cadáver será atopado o 17 de xullo por varios nenos e identificado con bastante posterioridade. A acta de defunción, na que nun primeiro momento aparece inscrito como “Hombre no identificado”, incluía unha pormenorizada descrición do cadáver:

un hombre de mediana talla, bien constituido, de pelo negro, y aproximadamente de treinta años de edad, en avanzado estado de descomposición y pérdida de partes blandas, que le hacen inidentificable.

[…] el cadáver vestía chaqueta oscura con rayas blancas, pantalón negro, calzaba alpargatas de invierno, negras con goma; y que le fueron encontrados una pistola marca Star, calibre corto 9 nº 138777, un cargador con 2 cápsulas, y otra más en la recámara de aquella, 9 cápsulas más en los bolsillos envueltas en un papel plana Escolar de palotes, medio peine negro, una hoja de papel de fumar, una caja de cerillas y una moneda de cinco céntimos.

Epílogo: a memoria reparada
José Monzo, dinamizador sindical, protagonista en mitins e asembleas, tería sido borrado da memoria colectiva de non ser por aqueles que, durante décadas, quixeron lembralo nun obrigado silenzo.

No ano 1985, transcorrido case medio século da súa morte, o concelleiro de PSG-EG Manuel Sánchez Pérez -Crisanto- presentaba ao pleno unha moción solicitando que se lle dedicase a rúa na que naceu, substituíndo o nome do General Mola, a quen estaba dedicada:

consideramos que JOSÉ MONZO debe de ter o seu nome nunha rúa da Tenencia, barrio no que el vivía. As súas cualidades de intelixencia, laboriosidade, solidariedade e xenerosidade hacia os demais, leváronno a dedicar a súa vida a actividades productivas económica e socialmente, a organización dun sindicato obreiro que remediase as ínfimas condicións materiais e culturais dos traballadores de Sada e das súas familias. Foi unha constante da súa vida, a súa loita organizativa e solidaria apelando os sentimentos máis nobles que a xente ten para tratar de conseguir unha vida máis digna no económico, no moral e no cultural, deles e dos seus fillos, culminando os seus esforzos nesta loita coa xenerosa entrega da súa vida. Queremos honrar neste home a moitos homes da súa xeneración que loitaron cando el, coa mesma xenerosidade e moitos co mesmo sacrificio; queremos tamén que sirva para iluminar o noso presente coas súas ideas de harmonía e concordia; e queremos tamén que no futuro, os nosos nenos coñezan a súa traxectoria, porque os valores que representa este home son os valores que dignifican un pobo e unha clase social.

A moción daquela non prosperaría, mais anos despois, en 2003, o goberno local acordaría, no marco da supresión da simboloxía franquista do nomenclátor, substituír o nome de Mola polo de Monzo.


Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará