Untitled Post

Editorial da Redacción             14 de outubro de 2012
nº 5 – Sada


Areal chega ao seu quinto número e a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, entidade que sustenta esta publicación, acada xa os seus 5 anos de existencia. Unha andaina
que iniciabamos en 2008 –con traballos previos en 2007– a
consecuencia dunha decisión do goberno municipal de Sada
e da Xunta de Galicia: a de retornar os restos do sadense
Ramón Suárez Picallo ao cemiterio do Fiunchedo. 

Ao longo deste tempo, aquela comisión inicial transformouse nunha asociación con vocación de permanencia e con
miras abertas a todo canto supoña divulgación do coñecemento nos diferentes ámbitos. Comprendeuse que era imprescindible a continua ampliación da base social, e o número
de socios non deixou de medrar: hoxe camiñamos cara os 60.
Cos limitados recursos económicos dos que dispoñemos –sen
axudas institucionais a día de hoxe– e cos recursos humanos
que nos aporta o traballo desinteresado, programáronse actos, realizáronse exposicións, editáronse publicacións e abordouse a implantación da entidade en internet, mediante a
incursión nas redes sociais e a creación hai 3 anos dun blogue
que supera as 1000 entradas –730 correspondentes a textos
de Ramón Suárez Picallo– e as 148.000 visitas. 

Cada día que pasa ofrécenos menos facilidades pero máis
motivos para seguirmos na nosa actividade. Porque, ante a
instalación nas institucións de forzas que, cos mecanismos
máis perversos –violencia incluída– impoñen o pensamento
único, tócalle á sociedade civil promover a conciencia crítica
e a análise dunha realidade moi necesitada de cambios. 

Atopámonos nunha encrucillada na que a sociedade
galega ten que decidir o seu destino. Optar entre o desmantelamento da sanidade pública en beneficio de intereses mercantís ou do seu reforzamento como dereito básico;
entre un modelo de educación para ampliar diferenzas sociais ou un sistema que cree cidadáns libres; entre a destrución premeditada da identidade de Galicia ou a posta en
práctica de medidas que garantan a súa supervivencia. 

A nosa entidade ten claro cal é o futuro que quere. É
por iso que a portada do presente número está ocupada
polo retrato de Ricardo Flores, o escritor sadense a quen
homenaxeamos ao longo deste ano. Afondando no seu recoñecemento, cómpre non esquecer o seu afán perenne pola
revitalización da lingua e da cultura propias de Galicia. 

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *