Un castelo derrubado
sobre un alto penedal;
casiñas brancas e limpas
acarón da beiramar;
un ribazo outo e frorido
coma se fose un altar
onde se a adora a lindura
de Nai-Terra mariñán.
Unha vila feiticeira
que mesmo nos fai lembrar
das lindas vilas bretonas
do armórico litoral…
¡Vila que arrecende a néveda
entre os recendos do mar!…
¡Es ben bonita e cuquiña,
miña vila de Fontán!
Mariñeiros fontaneses,
moi ben vos conoce o mar
porque sodes vencedores
das furias do vendaval;
os que aló en terras de lonxe
foron á gañar o pan,
deixan sona de barudos
honrando sempre o seu lar.
Dentro da vosa envoltura
de garrido mariñán,
péchase unha alma fidalga
inxerida en lealtá.
Honrados, valentes, fortes,
non tedes na terra igual.
O mais alto honor que eu sinto
é en chamarme voso irmán!
Mariñeiros fontaneses,
nobres fillos de Fontán
mulleriñas fontanesas
as de brandiño falar,
traballadoras e limpas
e de graciós’ acenar.
¡Qué ben fixo Dios en darvos
por patria ese doce chan,
pois donde estades vosoutras
o paradiso ali está!
A mesma reina dos Anxes
a do meiguiño mirar,
cando na parroquia entrades
grande ledicia lle dá,
porque sodes, fontanesas,
mais boas que o mesmo pan.
¡Qué lindas e qué graciosas,
mulleriñas de Fontán!