ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE RICARDO FLORES

Tal día como hoxe, 1º de maio, día do traballador, nacía no ano 1903 Ricardo Flores. Con motivo desta data, publicamos o seguinte artigo biográfico de Luis Pérez Rodríguez, que viu luz na revista Areal o pasado 14 de outubro de 2010.

O próximo 24 de xullo cumpriranse 10 anos do falecemento do autor sadense. A A. C. Irmáns Suárez Picallo está a organizar un ciclo de actos que terán lugar en torno a esa data.

RICARDO FLORES, PATRIOTA GALEGO


Luis Pérez Rodríguez


 Ricardo Flores Pérez nace en Sada, no lugar de Sada de Arriba, o 1 de Maio de 1903. Do fondal das súas primeiras experiencias vitais de neno labrego e mariñeiro aboia o recordo do tío Meilán(1), quen o iniciaría no galeguismo coa lectura de A Virxe do Cristal de Curros Enríquez.

A súa afección ó teatro vén de moi novo. Na súa mocidade, dirixiu en Sada, con outros amigos, un Grupo teatral. Levaron á escena Un fillo de bendición -de tema mariñeiro e escenificada no Pavillón Moragra de Sada-, Consellos do Tío Xan(2)- sobre o tema da emigra¬ción, representada no mesmo pavillón- e Querer de comenencia -posta en escena no Salón Suízo da mesma vila. As peciñas tiveron unha grande acollida do público de Sada e animarían a Ricardo Flores a proseguir o camiño do teatro na emigración(3).

O 31 de Agosto de 1929 emigra a Buenos Aires, onde axiña se incorpora aos proxectos culturais da colectividade. Así, iría ocupando cargos de relevancia na Sociedade Nazonalista Pondal, no Centro Provincial Coruñés, na Intersocietaria Galega, no Consello de Galiza, na Irmandade Galega, etc.

Exerce o xornalismo en distintas revistas e periódicos, en especial en A Fouce, voceiro da Sociedade Nazonalista Pondal, onde publica títulos tan elocuentes como «A Patria dos galegos» -25 de Xullo, 1933, nº 62-, «Contra os traidores hai que reuxir con braveza» -15 de Novembro, 1933, nº 65-, «Os símbolos patriáis, perseguidos d’alteraçóns» – Novembro, 1945, nº 84, etc.

Destacamos a súa actuación en dous campos que foron os que máis contribuíron a crear unha conciencia galeguista: os Coros e o Teatro galego.

Lembranzas de Ultreya, Lembranzas da Terra, Saudades, Os Rumorosos… foron outros tantos Coros que, amais da súa actividade musical, mantiñan conxuntos escénicos propios e acudían aos festivais artístico-danzantes que as numerosas entidades organizaban. Ricardo Flores presidiría a Sociedade Coral Os Rumorosos, engadindo á súa función específica de cultivo e espallamento do canto polifónico, unha actividade artístico-cultural que mereceu os eloxios dos seus compatriotas. El mesmo forma parte do seu prestixioso Coro, baixo a batuta do extraordinario mestre e director M. Prieto Marcos.

Relacionada coa súa actividade coral, publica Escolma de Cantigas Galegas -Edición da Caixa de Aforros de Ourense, Buenos Aires, 1984-. O libro conten A-la-lás, Cancións de berce, Foliadas, Pandeiradas e Ruadas. Algunhas das pezas son rescatadas da súa memoria dos tempos de neno. Outras son inéditas e naceron nos lameiros da saudade dos emigrantes. A veces, poetas coñecidos -M. Prieto Marcos, X. Mª Monterroso Devesa, etc- esconden os seus versos orixinais baixo o anonimato. Ricardo somete a lingua a un proceso de decantación, na procura da orixinaria enxebreza. El mesmo é autor de foliadas, cantigas e a-la-lás, que tamén música.

Ricardo Flores é un representante xenuíno do teatro galego da emigración. Seguindo a liña das Irmandades da Fala, namais chegar á Arxentina, entende que o teatro é un factor de capital influencia para o noso renacemento nacional e para a educación cultural do pobo. R. Flores entrégase a esta tarefa coma autor e director.

Pero o seu teatro reflexa á Galicia da súa infancia e mocidade. Máis en concreto, o cotián vivir das xentes da beira de Sada e das Mariñas de Betanzos. Os personaxes son un producto deste ambiente e a súa sicoloxía está presente na acción e nos diálogos. A linguaxe, viva e popular, serve de canle a esta realidade campesiña e mariñeira, que se resolve en situacións graciosas de humor popular. Estas pezas realistas están enlevedadas pola ética e escritas desde a autenticidade.

É consciente de seguir a tradición que vén desde os autores das Irmandades da Fala: Lugrís, L. Carré, A. Vilar Ponte, A. Cotarelo, X. Prado “Lameiro”…: era preciso eliminar do emigrante o seu complexo lingüístico-cultural, que mantiña na inacción o seu sentir patriótico.

O teatro de R. Flores sería moi solicitado polas Entidades galegas da emigración, pois as súas obras transportaban os emigrantes os eidos natais. De aí as súas moitas representacións.

Ademais das tres peciñas xa sinaladas anteriormente -Un fillo de bendición, Consellos do Tío Xan e Querer de comenencia- as obras de R. Flores son as seguintes:

-Mai e Filha(4): peza en dous actos e estreada nun festival do Centro Cultural de Betanzos, no ano 1932.

-Un Ovo de dúas xemas: Edicións do Rueiro, Buenos Aires, 1956. Peciña en dous actos. Foi estreada na noite do nove de Xullo de 1938 polo Conxunto da Sociedade Coral Os Rumorosos(5).

-Enguedello: tamén publicada e estreada a noite do 11 de Outubro de 1939. Este paso de comedia anecdótica foi representada polo mesmo Conxunto escénico anterior(5).

-Para isso som teu amigo: comedia en tres actos, escenificada polo Conxunto Lugrís Freire do Centro Provincial Coruñés, que el mesmo dirixía, o 25 de Abril de 1952.

-Ugío: coa Cidade Vella de A Coruña como telón de fondo, representada tamén polo anterior conxunto teatral o 12 de Xuño de 1953.

-Catro Estampas de Beiramar (O amor da costureira, Un home de mala sorte, Agora xa é tarde e No Areal): Edicións do Rueiro, Buenos Aires, 1961.

-O Afiador: estampa teatral nun acto; Un remedio malfadado: estampa da emigración nun acto, acontece no verán de 1965 nas Mariñas de Betanzos; e A nossa Terra é nossa!: igualmente sobre a emigración e nun acto. Todas elas do 1988 e publicadas en Cadernos da Escola Dramática Galega, nº 96, A Coruña, 1992.

O noso autor foi obxecto dunha homenaxe na Sociedade Recreativa, Cultural e Deportiva de Sada, a súa vila natal, no Outono de 1990. Pronunciou, nesta ocasión, unha conferencia sobre A Lírica Popular Galega na Arxentina. Días antes, na Agrupación Cultural O Facho da Coruña, deu outra sobre O Teatro Galego como medio de afirmación proselitista.

Ricardo Flores falecería en Buenos Aires o 24 de xullo do 2002, cando contaba 99 anos de idade.

_____________________________________________

1. Este vello, amigo dos seus país e dos rapaces do rueiro, íalle pondo nas súas mans libros de Literatura galega, que o foron orientando definitivamente cara ó galeguismo. Cfr. Luis Pérez. Entrevista con Ricardo Flores, na Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires, no Outono de 1988. Arquivo persoal.

2. Xoguete cómico contra do indiano que fai ostentación fachendosa da súa riqueza.

3. Estas peciñas curtas emigraron con R. Flores a Buenos Aires e, segundo a súa propia confesión, queimaríaas. O teatro da emigración requiría outras preocupacións e actitudes.

4. Esta peza, coma tódalas que o noso autor ten escritas e non publicadas, teñen a grafía do galego reintegrado, postura que mantén afervoadamente xa desde os comezos da súa andaina de escritor e que hoxe comparte cun grupo de galegos de Buenos Aires.

5. Estas pezas teñen unha segunda versión inédita, feita polo propio autor, en galego reintegrado. Respetamos a grafía, como é natural. O título das que foron publicadas vai coa grafía da súa correspondente edición.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará