VIAXE NO TEMPO DA NORMALIZACIÓN CULTURAL E LINGÜÍSTICA

Manuel Lugrís Rodríguez
“Sen reclamos, sen propagandas, sen a axuda das
entidades e publicacións
obrigadas a darlle calor ó
espallamento deste traballo
literario, polo seu valor, polo
seu propio peso, ábrese camiño por Galicia e creba a
indiferenza que moitos cren
que existe na Nosa Terra
pola lectura do galego. 

Non nos chama a atención a falta de axuda dos
obrigados, nin laiámonos
tampouco do seu silencio.
Cando fixemos mentes de
levar a cabo a publicación,
tivemos por descontado este
silencio e esta falta de axuda.
E un mal moi vello en Galicia o de non ter en conta e o
de non apoiar ideas de outros, sexan estas ou
non, benfeitoras para ela”.

Sen vontade de sermos profetas ou necromantes, este texto ben podería ser aplicado,
con toda veracidade, a unha escrita actual. Pero
non. Estámonos a referir ao prólogo dun libro
de Manuel Lugrís Freire, “Versos de Loita”
publicado no ano 1.919 pola tipografía “El Noroeste” de A Coruña. A redacción destas liñas
atribúese, tal e como asinan eles, aos
“Editores”, pero case ousaría a pensar de que o
mesmo autor da obra ten algo que ver na súa
elaboración. É o xeito de manifestar a defensa
propia da súa precaria situación minoritaria,
daqueles pioneiros do galeguismo, nomeadamente desde a óptica lingüística que, con análogas coordenadas que agora, eran vítimas a cotío das poutadas de fereza que se abatían sobre
a nosa cultura coma gadoupas de lobos esteparios, no sacrosanto nome da unicidade mental e
física dos súbditos do poder central. Todo coma simboloxía en conxunto dun pleonasmo de
orde histórica difícil de
comprender. 

Pero noventa e tres
anos máis tarde, a condición, realidade e conxuntura do noso acervo cultural,
adiantado no estado do
idioma, é practicamente
igual ou, si se me permite
dicilo, aínda peor que no
1919. O mantemento prioritario do castelán como
expresión absoluta, desbotando o medre irremediable
do espazo lingüístico galaico-portugués, a nivel mundial, con preto de douscentos cincuenta millóns de
falantes, ignorar o corpo
cultural que porta a presenza do galego en proxección
histórica con todo o que isto comporta dentro
da configuración europeísta, a riqueza do patrimonio histórico-artístico e a manipulación
dos medios propios de comunicación entregados a promover culturas alleas, esquecendo a
propia e, mesmo, facilitando a difusión de folklorismos foráneos con tintes de invasión cultural. Porque este matiz e mais importante do
que poderíase pensar nun primeiro intre. A
vagarosa conformación, insistente, reiterada
de música, bailes ou simplemente, divertimento planificado e perfectamente guiado, é unha
abdución de forma programada para as mentes
abertas e indefensas da xente do común que
non para de fixar a atención en espazos televisivos, radiofónicos, revistas de perruquería e
sobre todo, na conceptualización dun ambiente cautivante que amosa unha elemental inocencia, cando a realidade é que consiste nun
medio vehicular de colonización cultural. Paso
previo para a perfecta integración intelectual e
a posterior desaparición do concepto Galicia, 
que xa será, entón, un soporte teórico inútil e
inservible. O que non deixa de ser un proceso
político, vestido de candor e inxenuidade. 

Porque a situación actual da nosa cultura,
como entendían perfectamente os nosos devanceiros das primeiras décadas do século XX,
é difícil. E non podemos menos que publicalo.
O proceso de deterioro e destrución dos nosos
sinais de identidade, en particular o idioma,
estase a ver día a día nos mais simples chanzos
da vida normal e cotián. A ausencia notoria de
referencias culturais entre a xuventude, a loita
aberta en contra do tecido erudito e artístico
comprometido coa cultura e a lingua, tentando
de debilitar a súa potencialidade e capacidade;
o afastamento dos medios públicos galegos da
axuda e sostén das manifestacións culturais, o
ataque de certas organizacións militantes contra da propia existencia de Galicia… E así poderíamos seguir nun ronsel de piocas
que non servirían mais que para pór
de manifesto o que denantes expoñiamos: a situación precaria da cultura
galega por mor, fundamentalmente,
do oficialismo, ese oficialismo que, dada a súa obriga política, está no deber
inescusable de defender o pais e todo o
que significa, en referencia dun dereito á existencia como pobo e non como
apéndice cultural ou simplemente especulativo de outro foráneo. 

En nove décadas non avanzamos
ren. Estamos como naquela tipografía
do pequeno baixo da rúa Real de A
Coruña no 1.919, rodeados da incomprensión cando non da xenreira dos
“finos” que hoxe se chaman funcionais
ou pragmáticos, pero que en síntese
son da mesma condición: ignorantes e
pusilánimes, e tamén avergonzados
da súa propia condición coma paifocos
urbanos que non teñen mais obxectivo que unha nómina pública a fin de
mes. Que pasará dentro doutros noventa e tres anos? No 2.105 habería
de facer outro balance que, moito me
temo non diferirá moito deste que hoxe publicitamos. 

E para rematar, e como asopradela
de aire fresco permitídeme incluír a
composición “Cántiga dos Amigos da
Fala”, unha das composición poéticas
que figuran no devandito libro de Lugrís Freire antes aludido. 

Na fala galega vive 
a alma da Nosa Terra; 
A redención de Galicia 
nos seus acentos latexa 

Pobo que o seu verbo esquece 
é traidor á natureza; 
Como irmáns todos falemos 
a nobre fala galega 

Amigos da fala somos 
e o amor a Galicia sexa, 
xa que de todos é nai 
quen nos xunte e nos protexa. 

En fin, aí queda iso. Quen queira entender
que entenda.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *