O QUE XANTAMOS (REFLEXIÓNS SOBRE ALIMENTOS, CULTURA, SOCIEDADE E POLÍTICA)

Xaime Rodríguez Rodríguez
 Mentres as mulleres e os pequenos labregos alimentan o mundo a
través da biodiversidade, dísenos teimudamente que sen enxeñería
xenética e sen globalización da agricultura o mundo morreríase de
fame. A lei global elevou aos altares o mito patriarcal da creación
para crear novos dereitos da propiedade sobre as formas da vida; do
mesmo xeito como o colonialismo usou o mito do descubrimento como
base para facerse das terras dos outros como colonias…Porén as
regras da globalización non foron dadas por Deus. Poden ser cambiadas. Deben cambiarse. Debemos levar esta guerra ata o final 
(Vandana Shiva)

Desta volta imos falar da fame, o que, en
principio, asemella contraditorio co título da
sección, pero que non o é en absoluto co espírito da mesma. E temos que facelo, por unha
cuestión de, podemos dicir, “imperativo categórico”: a fame e a subnutrición están entre
nos, non só nos países pobres (“en vías de desenvolvemento”, se nos atemos á terminoloxía
sempre elusiva da linguaxe politicamente correcta) senón tamén entre a poboación dos países ricos, a pesares da imaxe opulenta que pretenden proxectar no mundo “globalizado”, nos
sectores máis desfavorecidos destas poboacións. E iso ocorre aínda que o dereito á alimentación foi recoñecido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1945, entendéndose hoxe en día como o dereito que ten
todo ser humano ao acceso regular a unha alimentación dabondo, acaída na faciana nutritiva
e culturalmente aceptable. Trátase do dereito
de cadaquén a alimentarse dignamente, en vez
de ser alimentado. 

Xa que logo, teremos que falar do sistema
alimentario mundial e das crises alimentarias
globais, en plural, dado que nos últimos tempos véñense sucedendo “sen solución de continuidade” (quizais por iso dise que a actual crise ten tres características principais, que a diferencian das outras e definen a súa natureza:
global, multifactorial e duradeira). Neste sentido, unha das primeiras cuestións a destacar é
que se está a producir nun mundo globalizado
(aínda que é preferible, tendo en conta a vacuidade do termo globalización, falar de “sistema
mundo”1), no que, de acordo cas premisas teóricas do neoliberalismo rampante, o mercado
ía ser a solución de todos os problemas, incluíndo a fame, cando a realidade é que a conferencia sobre a seguridade alimentaria de Roma
do 2009 declaraba que o mundo estaba más
famento que nunca. 

O certo é que podemos falar do completo
fracaso do sistema alimentario transnacional.
Porque, de que outra forma se pode cualificar
o feito de que sexa incapaz de cumprir o seu
principal cometido: facilitar alimento a poboación mundial? As cifras están aí para demostrar o seu fracaso: máis de mil millóns de persoas pasarán fame no mundo (mentres que
paradoxalmente 500 millóns sufrirán de obesidade) das que as tres cuartas partes son
campesiños (os que producen os alimentos).
Ao tempo, as corporacións agroalimentarias
(as que toman as decisións sobre o destino
dos alimentos) verán multiplicadas as súas
ganancias. Estamos, xa que logo, ante unha
auténtica tolemia da que son vítimas millóns
de persoas no planeta. E as perspectivas non
poden ser peores ante o quecemento global,
que fai tempo deixou xa de ser unha conxectura para converterse nunha realidade comprobable, como teñen demostrado as eviden cias científicas: as subas das temperaturas superficiais da terra, xunto coa diminución das
precipitacións, estanse a producir a un ritmo
que indica unha tendencia no clima mundial
e, a diferenza dos anteriores cambios climáticos, de orixe natural, os cambios, da man da
actividade humana, polo aumento da emisión
de gases de efecto invernadoiro, estanse a
producir axiña. 

A alimentación é unha necesidade básica,
humanamente universal como dereito recoñecido. Pero na economía capitalista de mercado,
esta necesidade, como outras, adopta a forma
de mercancía, expresada en prezo. A lóxica da
necesidade sucumbe ante a lóxica do mercado.
Consecuentemente, non se produce para satisfacer as necesidades senón para obter beneficios. Comprender este
contexto é fundamental
se queremos entender
a xénese do fracaso do
sistema e as crises alimentarias nas que se
desenvolve, que pola
súa frecuencia son consubstanciais ao sistema
mesmo, tendo que ser
interpretadas en termos
de estrutura máis que
de conxuntura. 

O modelo industrial de produción, distribución e consumo de
alimentos tivo un desenvolvemento practicamente paralelo ao proceso de industrialización
que veu da man da primeira Revolución Industrial. Tras a II Guerra Mundial produciuse unha aceleración deste proceso en case que
todos os países industrializados (nos EE.UU
unha década antes). A escala planetaria, a implantación prodúcese a partires da chamada
Revolución Verde. 

Deste xeito, tan positivamente connotado, cando se relaciona o verde co ecolóxico e
o sostible, pero con cativa conexión co que en
realidade significou, é coñecido o proceso de
expansión e desenvolvemento de sementes e
técnicas agrarias de alta produtividade que se
levou a cabo en varios países do chamado
Terceiro Mundo nos anos 60 e comezos dos
70 baixo o auspicio da F AO (siglas en inglés
da Organización para a Alimentación e Agricultura, dependente da ONU). Basicamente,
tratouse do desenvolvemento de “sementes de
alto rendemento” (HYV, siglas en inglés) de,
por riba de outras, os tres cereais clave na
alimentación humana, trigo, millo e arroz, a
traveso dos traballos levados a cabo polo
CIMMYT (Centro Internacional de Mejoramiento del Maiz y Trigo), que deron coma
resultado plantas de talo curto, máis resistentes ao vento e ao “encame” (tendencia das
plantas a deitarse baixo o peso do grao), de
medre rápido que permite ata tres colleitas
anuais pero que, con todo, necesitan grandes
cantidades de fertilizantes e pesticidas e a implantación de sistemas de rego, primando
deste xeito a agricultura en gran escada. Baixo estas condicións a produtividade medrou
unha media dun 2% anual, entre o ano 1961 e
o ano 1980, o 3% no caso de Filipinas, aínda
que hai que dicir que a
incidencia foi moi desigual, moi importante en
América Latina e Sueste
asiático e practicamente
nula en África. 

Estes innegables éxitos iniciais, nos que debemos incluír o aforro da
extensión de terras cultivables, comezaron a ser
cuestionados co paso do
tempo, e a ampliación de perspectivas que acostuma a representar. As críticas en concreto son
de tres tipos: 

a. As referidas ás calidades e rendementos das
novas variedades (de sementes): as espectaculares medras danse só en condicións óptimas e a costa dun gran aumento dos insumos (fertilizantes, pesticidas, regos…), noutras condicións as variedades tradicionais
ofrecen mellores rendementos. As novas
variedades son máis vulnerables, non teñen
apenas resistencia natural, alimentariamente son de peor calidade e presentan problemas de almacenamento (en concreto, a proliferación de aflatoxinas). O mesmo é aplicable co gando, as razas de alto rendemento
están a desprazar ás razas locais, mellor
adaptadas, e a reducir a variedade xenética.
Noutras palabras, o empeño de producir
máis alimentos estase a facer ao risco dunha escaseza futura.

b. As relacionadas cos danos medioambientais: redución da biodiversidade (calcúlase
que nos EE.UU desapareceu o 90% das
variedades históricas de froitas e verduras.
Das sete mil variedades de mazás cultivadas no XIX, fican menos de cen), diminución da resistencia ás pragas, contaminación provocada polo gran aumento do uso
de fertilizantes e praguicidas químicos, aumento da compactación (ou selado) do solo
derivada da mecanización (polo que as raigañas non penetran no chan e a auga non
drena cara as capas inferiores), salinización
do chan e perda de acuíferos polo uso intensivo do auga; segundo as previsións no
ano 2025 poden ser case que 3000 millóns
de persoas as que non terán auga para usos
esenciais. 

c. As realizadas desde o punto de vista social:
as explotacións deste tipo de agricultura
requiren dunhas condicións (insumos externos, formación, grandes extensións) fora
das posibilidades dos campesiños pobres,
que nalgúns casos levounos ao endebedamento e á perda das terras de seu, e, xa que
logo, ao aumento da súa vulnerabilidade.
Os críticos máis radicais manteñen que,
dalgún xeito, a Revolución Verde foi unha
escusa da industria agroalimentaria para
facer medrar o seu negocio a costa dos pequenos labregos. 

Para seren totalmente obxectivos, é necesario subliñar que xunto cos críticos existen
unha serie de autores que defenden a vixencia e os resultados da Revolución Verde, por
riba de todo Norman Borlaug (un dos seus
condutores: como fitopatólogo participou na
loita contra a praga da roia negra2, conseguindo mediante cruces unha variedade de
trigo híbrido resistente á prag a e de alta produtividade), e que ademais amósanse en xeral
partidarios (recomendo a lectura do artigo
“La inacabada Revolución Verde. El futuro
rol de la Ciencia y la Tecnolog ía en la Alimentación del mundo en desarrollo” do propio Norman Bourlog na web de AgBioWorld) dos avances tecnolóxicos, incluíndo
os cultivos transxénicos, como forma de loitar contra a fame, ignorando que a Revolución Verde, máis aló dos seus innegables méritos, ao non enfrontar as verdadeiras razóns
da fame, un problema político e non exclusivamente técnico nin de desequilibro entre
oferta e demanda (de feito, un experto coma
Roger Thurow, vinculado profesionalmente
o The Wall Street Journal, di que, “Producimos os alimentos dabondo para alimentar
acaidamente a cada ser humano neste planeta; o feito de que preto de mil millóns de persoas pasen fame implica unha dura condena
do sistema mundial de distribución de alimentos”3), foi non só incapaz de erradicala
senón que moitas veces os seus resultados
foron contraditorios con esa finalidade. 

As bases do discurso dos partidarios incondicionais da Revolución Verde (hainos tamén que, partindo de que supuxo un cambio
de paradigma nas prácticas agrícolas baseadas
en novos e positivos enfoques xenéticos, recoñecen os seus efectos indesexables) parecen
ser cuestionadas por diversos aspectos da realidade, en primeiro lugar, polo feito de que,
despois de todo, un cuarto da humanidade segue a padecer fame, en segundo, porque o estancamento da produtividade é unha realidade
desde os anos oitenta3, nun intre no que a demanda de alimentos, cárnicos nomeadamente,
pola poboación dos países chamados emerxentes presiona a suba os prezos dos cereais básicos, e finalmente, pola incidencia das transformacións da agricultura altamente tecnificada e
da alimentación industrializada e comercialmente globalizada no quecemento global e no
cambio climático. 

Inda así, hai que dicir que os problemas
plantexados pola Revolución Verde, da que se
acostuma a dicir que está no remate do seu ciclo, veñen a supoñer só parte das causas do fracaso do sistema alimentario e da orixe das crises alimentarias, das que a fame xunto ca vulnerabilidade alimentaria son seus principias
efectos. Ó compás da súa implantación e extensión ían facerse presentes outros factores que
se converterían en concausas tanto do fracaso
coma da crise4. 

A globalización levada aos seus limites, e
inserida nas actuais estruturas económicas
que privilexian a desigualdade, é incompatible
(algúns autores van máis aló e manteñen que
hai sectores económicos ou ramas
“irredutibles” á globalización pola forte presenza de “especificidades nacionais”, entre elas
a alimentación, xa que existe entre a poboación unha tendencia a consumir artigos específicos, nacionais e locais, ligados á cultura e 
identidade que lle son propias) cunha produción agroalimentaria eficiente (eficiente non
no sentido que se lle da na economía académica, baseada, na análise custo-beneficios, senón
na súa capacidade para xerar seguridade alimentaria) e sen crises alimentarias. Non recoñecer este feito levou, e sigue a levar ó sistema alimentario a unha ruela sen saída. No actual contexto económico primar os aspectos
técnicos e comerciais, é dicir, plantexar unha
homoxeneización da produción e a distribución/comercialización dos alimentos convértese nunha ameaza real nos eidos social, cultural, económico -desde a perspectiva das economías locais e os mercados tradicionais- e
ecolóxico. Os exemplos das decisións políticas, e hai que insistir no seu carácter político,
e das súas consecuencias, xunto
cos xa citados efectos da
chamada Revolución Verde, están aí para quen os
queira ver: 

1º Os efectos do axuste
estrutural. Os chamados
Programas de Axuste Estrutural (PAE’s) de 1980-
1995, que non eran outra cousa que préstamos condicionados
apoiados polo Banco Mundial e o FMI,
mediante os que os países debedores do
Terceiro Mundo pagarían as súas débedas
cos bancos do norte. Para acollerse a eles
asinaron acordos co F MI para suprimir
barreiras arancelarias aos produtos importados, privatizar compañías e servizos
estatais (sóanlles, verdade?), o que supuxo
o afundimento dos produtos nacionais
fronte á avalancha dos produtos subsidiados dos EE.UU e Europa. Como resultado, os labregos do sur, incapaces de competir, tiveron que deixar o campo e converterse en man de obra das grandes explotacións agrícolas, perdéndose de paso a
soberanía alimentaria de todos e cada un
dos países. 

2º Os resultados do “libre” comercio. A proliferación dos Tratados de Libre Comercio
(TLC), que significou a fin de calquera aspiración á soberanía alimentaria que puideran
acariñar os países do Terceiro Mundo. As
regras da OMC (Organización Mundial do
Comercio) privilexian os grans, sementes e
compañías químicas do norte no seu intento
de dominar os mercados do sur. Como consecuencia, a destrución das economías de
subsistencia en Latinoamérica fixo inevitable a emigración masiva a EE.UU. 

3º O estalido dos agrocombustibles (tamén
chamados biocombustibles, pero tendo en
conta a orixe agrícola da maior parte deles
o termo agrocombustibles parécenos máis
preciso). As decisións políticas, na compaña de fortes subvencións5, de promoción
do consumo de agrocombustibles polos
EE.UU levou ao “estalido dos agrocombustibles”, é dicir, a substitución obrigatoria dos combustibles fósiles, o petróleo,
polos agrocombustibles, coas consecuencias previsibles: aumento do prezo dos alimentos. Ademais, desta competencia, alimentos fronte
combustibles, no norte, o
aumento das sementeiras
para producir agrocombustibles nos países do
sur trouxo coma consecuencia o desprazamento
dos pequenos produtores
agrícolas. Se temos en conta
que estes representan de á metade
a aos dous terzos da poboación nestes
países e seguen a producir a metade da comida, non é difícil facerse cargo do seu impacto negativo na seguridade alimentaria
deste conxunto de nacións. 

Esta é a realidade, á que habería de engadir un fenómeno preocupante que se está a
producir. Falamos do acaparamento de terras,
ou landgrabbing, termo inglés polo que é
mais coñecido, que están a realizar países
(China, Arabia Saudita, Emiratos Árabes, Corea do Sur e Suecia nomeadamente) coa finalidade de garantir a seguridade alimentaria, e
entidades financeiras, cuxo obxectivo é a especulación económica, en África, Rusia ou
América do sur entre outros, porén cos efectos perniciosos na seguridade e soberanía alimentaria da poboación destes territorios. Terras todas elas con altos niveis freáticos, é dicir con auga, nas que ultimamente invisten as
firmas financeiras de alto risco. 

Diante destas evidencias, só aqueles que,
como Pangloss, no Cándido de Voltaire, creen
que “todo vai ben, no mellor dos mundos posibles” poden ignoralas, ou pretender que se 
está a amosar unha perspectiva extremadamente pesimista. Os medios de comunicación
veñen a informar día tras día dos problemas.
Do máximo histórico do prezo do trigo, das
axitacións pola falta de alimento en Alxeria,
da listeria nos queixos, a presenza de dioxinas en polos e cochos en Bélxica, das vacas
tolas e as verduras e legumes contaminadas
pola E. Coli, e das fames negras no chamado
“corno de Africa”, as informacións ao respecto non deixan lugar ás dubidas. Os que pretenden defender unha visión optimista, están
en realidade xustificando o estado das cousas.
Como Pang loss. 

PALABRAS CLAVE 
Soberanía alimentaria 

A soberanía alimentaria enténdese como a facultade que teñen os Estados para establecer as súas propias políticas agrarias e alimentarias de acordo cos obxectivos de seguridade alimentaria e desenvolvemento sustentable. Isto implica a protección dos mercados domésticos fronte aos produtos
excedentarios que se venden máis baratos no mercado internacional e da venda por custo de produción ou “dumping”. 

Seguridade alimentaria 

Segundo o Diccionario de Acción Humanitaria
y Cooperación al Desarrollo, da primeira definición
da Seguridade Alimentaria Nacional ou SAN, entendida como a dispoñibilidade de subministros
alimentarios dabondo para satisfacer as necesidades do consumo per cápita do conxunto dun país,
pasouse, ao compas do progreso teórico na explicación da fame (que pasou de explicarse por causas natu rais a causas socioeconómicas) e do paso
do enfoque macro, a escada nacional, ao referido á
familia e aínda aos individuos, entre outros motivos, á Segu ridade Alimentaria Familiar ou SAF,
delimitada por catro conceptos básicos: “o acceso
de todas as persoas, en todo tempo, a cantidades
dabondo de alimentos para unha vida activa e
saudable. Os seus elementos esenciais son a dispoñibilidade de alimentos e a posibilidade de adquirilos… Hai dúas c lases de inseguridade alimentaria, 
crónica e transitoria”.
______________________________________
1. O concepto de “sistema mundo” é moito máis preciso, descri tivo e, por riba de todo, crítico, dos mecanismos de integración económica, que en moitas ocasións inclúen o recuso á violenci a, que o capi talismo/
imperi alismo ven utilizando desde sempre no seu afán
de perpetuar e ampliar a súa dominación, do que se
fixo servir, entre outros, o sociólogo e histori ador
social Enmanuel Wallerstein.
2. En reali dade trátase dun fungo que ataca o talo do
tri go. As plantas afectadas presentan unha especie
de pústulas que bloquean o fluxo de carbohi dratos
da folla deica os grans, reducindo o rendemento e
nos casos máis graves matando a planta. O talo fica
negro (o que expli ca o nome do fungo e da praga) e
as pústulas ao estoupar, ceiban un gran numero de
esporas que poden viaxar a través do ai re a grande
distanci a. D esde o ano 1999, no que descubriron en
Uganda os pri mei ros sí ntomas da súa existenci a,
unha nova mutaci ón deste fungo, o chamado U g99,
está a atacar as plantas do trigo, sen que de momento se coñeza un funxi cida eficaz, e ni ngunha
vari edade de tri go resistente á praga, a diferenza
do que pasaba coa praga combatida con éxi to por
Borlaug. No ano 2001 estendeuse a Kenya, no 2003
a Etiopía e no 2007, co tornado Gonu, as súas esporas chegaron ao I emen.
3. Esta é tamén a opi nión do relator da ONU para o
Dereito a Ali mentación, Olivier de Schutter. Nunha entrevista concedi da ao xornal El País de data
17/3/2011, e que leva precisamente a entradiña “A
fame é un problema políti co” , di entre outras cousas que “a desregulación dos futuros dos produtos
agrícolas no ano 2000, que comezou coa Lei de
Moderni zaci ón de Futuros de Materi as Pri mas nos
Estados Uni dos, levou á entrada gradual dos inversores i nsti tucionai s (hegde funds, fondos de
pensións) nos mercados de materi as pri mas. (… ) a
especulación que xurdiu está aumentando a volati –
lidade e i mprevisi bilidade. (…) É un problema para
os produtores (…) e para os paí ses pobres que son
compradores netos de ali mentos e cuxa factura
pode medrar de súpeto pola burbulla formada no
mercado de derivados”.
4. A taxa de incremento da produtividade freouse, de tal
xeito que no período 1980-1990 foi só do 0’5% anual.
Se temos en conta que deica o ano 2020 a demanda
global de trigo, millo e arroz incrementarase un 1´3%
anual e que os rendementos actuais non se poderán
manter -están xa no limite do seu máxi mo teorizo, máis
aló do cal simplemente as plantas deixan de vivir-, a
necesidade de atopar solucións tórnase perentori a se
non queremos atoparnos ante algo moi semellante a
un “colapso malthusi ano”.
5. No ano 2007 as subvencións aos agrocombustibles
nos EE.UU foron de case 7.300 millóns de dólares e
desde entón non deixaron de medrar. Para este ano de
2012, 28.000 de millóns dos litros do combustible consumido nos EE.UU deben ser forzosamente de bioetanol, substituto da gasolina de orixe fósil, ou de biodiésel. O contido enerxético de cada litro de bioetanol (de
millo) por cada litro de gasolina é dun 67%, o de biodiésel é dun 85% por cada litro de diésel. O rendemento enerxético do bioetanol -diferenci a entre a enerxía
necesaria para producir cada litro de etanol (entrada) e
a enerxía contida en cada litro (saída) de combustiblede cana de azucre, producido en Brasil maiotariamente, é maior que o de millo que está a carón do un. 
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *