O QUE LIMOS

Xaime Rodríguez Rodríguez
Por el bien del imperio. 
Una historia del mundo desde 1945 
Fontana, Josep
Editorial Pasado & Presente. 
2011
ISBN: 978-84-9392143-4-9
Pp. 1230
Pódese facer un traballo científico de historia a partires das persoais preocupacións e esperanzas? Pódese facer desde a contemporaneidade
e aínda a inmediatez dos feitos e acontecementos
a historiar? 

A segunda destas cuestións respóndese desde a perspectiva dos practicantes da nova disciplina “historia do tempo presente”. Ao conxunto
de ambas as dúas cuestións responde maxistralmente o profesor Fontana neste libro imprescindible. Un libro, resolto desde un enfoque novo,
non desde o aspecto metodolóxico senón desde a
perspectiva coa que se aborda. É desde o punto
de vista que podemos falar “doutra historia”. Dunha historia diferente e contraposta ás formas
dominantes de achegarse aos feitos da historia
contemporánea. 

Josep Fontana, mestre de xeracións de historiadores, profesor que foi de Historia Económica
na Universidade de Barcelona e máis tarde catedrático da mesma disciplina nas de Valencia e Autónoma de Barcelona, é autor dun conxunto de
libros realmente importante na Historiografía do
Estado español. Na súa obra, xunto con libros de
síntese coma La fí de l´Antic Regimen i la industrialització 1787-1868, hai libros de reflexión histórica,
entre eles La historia después del fin de la historia;
Europa ante el espejo ou de divulgación coma La
historia. Todos eles libros de fonda relevancia pero
que, na nosa opinión, están un chanzo por debaixo
deste libro que, sen dubidalo, converterase nunha
obra de referencia, unha das fitas imprescindibles
na historiografía do mundo contemporáneo. 

Produto de quince longos anos de traballo, o
libro nace das esperanzas suscitadas pola Carta
do Atlántico1 ao longo do mundo. Esperanzas
nun mundo mellor e máis xusto, un mundo en
paz. Destas esperanzas foi copartícipe o autor,
apenas un rapazolo de dez anos cando se firmou
no ano 1941. O tempo transcorrido desde entón,
setenta anos, e as frustracións acumuladas polas
promesas non cumpridas e as esperanzas rotas
forman o cerne deste colosal traballo histórico.
A confrontación entre os dous modelos
opostos, entre os proxectos, e, podemos dicir,
as cosmovisións enfrontadas, representadas polos EEUU e a URSS, íase a producir a partir do
remate da II Guerra Mundial, o rompemento
da Gran Alianza e a mutua asunción de que a
confrontación de proxectos só se podía substanciar coa derrota do inimigo. A Guerra Fría, que
convencionalmente tivo o seu fundamento doutrinal no “telegrama longo” de Georges Ken
nan, non deixou de ser un enfrontamento, un
novo “gran xogo”, realizado a traveso de axentes vicarios, pero esta vez a escada planetaria.
Pódese dicir (de feito deste xeito tense dito en
algunha das reseñas do libro) que este é o fío
condutor desta obra, porén non se faría xustiza
ás pretensións e as teses do mestre Fontana.
Precisamente, o subtitulo do libro, Una Historia
del mundo desde 1945, dá unha idea de que Fontana ten a intención de ir máis aló da Guerra
Fría stricto sensu. Para Fontana, e esta é ao menos para nós a tese da súa obra, o proxecto hexemónico do sistema capitalista alonga o estado
das cousas aínda despois da caída do bloque soviético; o dominio imperialista dos EEUU, aínda que en fase de refluxo, medrou na súa tentación unilateralista. Os derradeiros capítulos e
seccións do libro así o confirman. La invención
de la “guerra contra el terror”, El nuevo proyecto
imperial, son os reveladores títulos dalgunhas
seccións dos capítulos finais, como o é o do capitulo que pecha o libro Al final del recorrido: el
triunfo del capitalismo realmente existente. 

No libro fálase do enfrontamento entre os
dous proxectos, entre as dúas ordes políticas,
económicas e sociais, das súas consecuencias e
das súas secuelas. O fin da guerra, a liquidación
do intento de hexemonía totalitaria nazifascista non abriu un período de paz senón polo
contrario un novo período de confrontación con
escenarios en todos os continentes. Fontana,
detense nunha das primeiras consecuencias: a
Guerra Fría como catalizador do control social.
A procura, case que invención, e a liquidación
do inimigo interno ía a converterse nunha obsesión nos dous campos enfrontados. O macartismo e as purgas stalinistas son os dous intres
aurorais do control social na primeira fase da
Guerra Fría. 

Fontana, manexa con mestría unha documentación que se pode cualificar sen exaxerar coma
exhaustiva. Esta información, na que se inclúen
documentos hai pouco desclasificados, permítelle
abordar con fondura cuestións deica hoxe pouco
claras, pouco documentadas, rachando deste xeito
coas interpretacións canónicas e convencionais.
Os enfoques sobre a creación da OTAN (ou da
SEATO), as circunstancias nas que se produciu o
bloqueo e a ponte aérea de Berlín, son algúns dos
exemplos de novas e máis convincentes aproximacións aos feitos históricos. 

O equilibro do terror, consecuencia da carreira
nuclear aberta polas bombas norteamericanas sobre Hirosima e Nagasaki, e a posterior posesión de
armas nucleares pola URSS converteuse no escenario da vida cotiá de enteiras xeracións en todo o
mundo. A carreira armamentística, na que se sumaron novos actores, encheu o mundo dun arsenal
capaz da súa segura destrución. Nesta situación, os
conflitos rexionais, en todos os escenarios posibles
nos cinco continentes, eran interpretados en clave
da confrontación dos proxectos. O terror, cebado
pola magnificación da potencia agresiva e destrutiva da URSS, ía converter a liquidación do inimigo
no obxectivo a conseguir. 

Fontana, presta unha especial atención á
chegada da denominada “equipa B”, o que significou un punto de inflexión na estratexia da
confrontación, que chegou as máximas cotas no
primeiro dos mandatos de Reagan, da man de
recoñecidos “falcóns” coma Jane Kirpatrick, Willian Casey, director da CIA, ou George Schultz,
Secretario de Estado, todos eles membros do
Committee on the Present Danger, e firmes
partidarios da volta aos peores tempos da Guerra Fría e a liquidación da “coexistencia pacífica”. De xeito similar ás políticas económicas de
Reagan, as coñecidas coma “reaganomics”, unha
aplicación práctica da chamada “economía da
oferta”, consistente na expansión do crédito, na
rebaixa dos tipos impositivos, nomeadamente
para as rendas máis altas, xunto cunha redución
do gasto público, excepción feita dos gastos de
defensa que se dispararon, a desregulación, do
sector financeiro por riba de todo, e a limitación
do poder negociador dos sindicatos, ían constituír o punto de partida dun modelo que hoxe,
trinta anos despois, íanos levar á crise global
máis importante do capitalismo. Unha política
económica, a de Reagan (máis Tatcher na G. B.)
que anos antes o presidente Eisenhower, republicano, consideraba inimaxinable. 

A aparición de novos actores no escenario
mundial, o xurdimento de países emerxentes
(aínda que, como di Krugman, é máis acaído
chamarlle “mercados emerxentes”) desde o punto de vista económico ía trastocar as expectativas e as perspectivas, sobre todo tras o desplome dos países do chamado “socialismo real”, ca
URSS á cabeza. Aínda así, determinadas realidades non mudaron. A guerra contra o terrorismo
ía a substituír a loita contra o “imperio do mal”.
A OTAN, concibida coma resposta defensiva
contra a ameaza global comunista, continuou no
seu desempeño de “defensa do mundo libre” (en
realidade, como di Joseph Gerson, do American
Friends Service Comittee, e cita Fontana, trans
formouse “nunha alianza global para reforzar as
ambicións imperiais dos EEUU, e os privilexios
das elites europeas”). A intervención dos EEUU
nos novos conflitos e a súa presenza nos xa preexistentes, sen contar agora cos seus aliados
occidentais ía levar ao “unilateralismo” dos EEUU a alcanzar a súa máxima expresión na invasión do Iraq de Sadam Hussein do 2003. Co pretexto dos atentados do 11 de Setembro, e despois da invasión de Afganistán baixo o paraugas
da ONU, o conflito iraquí planeouse desde bastante antes do 2001, e formaba parte da nova
política exterior dos EEUU, do seu novo proxecto imperial. Un proxecto que en relación co
Medio e Próximo Oriente tiña un alcance político á vez que económico. A persistencia dun conflito, que poderíamos cualificar coma
“preguerrafría/postguerrafría”, que enfronta aos
israelís cos palestinos, ocupaba un lugar central
deste proxecto que procuraba que o Estado de
Israel se convertese no gardián dun enclave tan
conflitivo como o Oriente Próximo e Medio. 

Neste logrado intento de historia total,
Fontana non elude ningún dos episodios relevantes do longo período que cubre. Desde os
procesos de descolonización, os conflitos do
Sueste Asiático, os problemas do bloque soviético, a política norteamericana respecto a América Latina, pasando pola traxedia do gran esquecido continente africano, a construción europea,
deica a crise global na que estamos sumidos, co
seu corolario de loita pola terra e os alimentos.
En todos eles o seu espírito crítico, apoiado pola
inxente cantidade de información e documentación que manexa, invitando a o lector a confrontala, fai unha lectura diferente da historia tal
coma nos foi contada. Nalgunhas ocasións esta
lectura resulta desmitificadora. Deste xeito, as
imaxes que proxecta dalgúns dos presidentes
dos EEUU son arrepiantes (en realidade, tamén
o é a de gran parte dos lideres mundiais comezando por Stalin), con un Kennedy ocultando á
opinión pública a gravidade do seu estado de
saúde, as crenzas milenaristas de Reagan ou os
delirios de grandeza e os desexos de vinganza
de Bush fillo. 

Fáganse un favor. Se realmente queren saber como chegamos deica aquí (e aquí quere dicir o contexto de restrición das liberdades, da
democracia, porén o tempo do crecemento da
fame, o medre do traballo escravo, sexa cal sexa
a definición que del se escolla, a carreira imparable de guerras e xenocidios). Se de verdade queren comprender coma os mercados, é dicir o
“capitalismo realmente existente”, en palabras
do mestre, está a facer cousas que nin tan se
quer fixo o fascismo, lean este libro. Entenderán
que os mecanismos de dominación da “economía
libre de mercado” (aos capitalistas, sabedores da
importancia da linguaxe, non lles gusta que se
fale de capitalismo, nin de empresarios, agora
coñecidos como “emprendedores”) ían máis aló
do estritamente económico. Os seus promotores
entenderon perfectamente que era precisa a loita cultural e política, que os seus intelectuais e
os gobernos debían defender a supremacía dos
mercados, que determinados políticos debían
defender a súa “eficacia” (e aínda a súa “ética”)
por riba do estritamente político. Xa o dixo no
seu tempo un deses políticos que agora se alporizan ante o estado das cousas: “lo importante
no es que un gato sea blanco o negro, lo importante es que cace ratones”, e non estaba a falar
de gatos e ratos, coma tampouco semellaba querer saber que ao final el mesmo ía a sentirse coma un rato; igual que todos nós. 
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará