O MUSEO CARLOS MASIDE

Xosé Ramón Fandiño
O Museo de Arte Galega Contemporánea Carlos Maside, ubicado no complexo cultural do Castro de Samoedo de Sada, foi concibido en Bos Aires por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo como unha iniciativa do Laboratorio de Formas de Galicia, ente teórico e viveiro de ideas creado por ambos os dous en 1963 coa finalidade de recuperar a memoria histórica de Galicia.

Pouco despois da posta en marcha da planta circular de Sargadelos, o Laboratorio de Formas plasmaba outro dos seus proxectos: o 18 de maio de 1970 inaugurouse, primeiro nunhas dependencias cedidas pola Fábrica de Cerámicas do Castro, que despois se trasladou ao edificio de módulos hexagonais de Albalat, o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, que recollía a obra e a documentación do movemento renovador da arte galega que polos sucesos da guerra civil estaba perdida ou dispersa (Castelao, Lloréns, Asorey, Eiroa, Corredoira, Maside, Francisco Miguel, Ánxel Xohán, Colmeiro, Souto, Torres, Huici, Cristino e Maruja Mallo, Xulia Minguillón, Laxeiro, Fernández Mazas, Luís Seoane…).

A creación do Museo de Arte Galega Contemporánea “Carlos Maside” era unha vella arela de Luís Seoane coa que se honraba a figura dun dos grandes artistas que xogou un importante papel na trans formación da arte galega a partir de Castelao. Da importancia que para Seoane tiña este Museo queda constancia nunha carta que este lle escribe a Díaz Pardo desde Bos Aires en 1976: “Tú sabes que el Museo es algo que a mí me importa mucho más que todo el resto de proyectos que hicimos juntos. Con él no quise proyectar un Museo al uso corriente, sino un centro de cultura gallega y en esto estuvimos de acuerdo. Entregué todo lo que pude para él y conseguí mucho de mis amigos de siempre (…)”. Así que, segundo esta idea, máis alá do coleccionismo e das obras pictóricas expostas, o Museo Carlos Maside converteuse nun centro de iniciativas artísticas e culturais que achegaba moita xente a Sada para asistir ás sesións de cine de vangarda, de teatro, conferencias, encontros e seminarios, exposicións retrospectivas de artistas galegos e estranxeiros e trouxo por primeira vez a Galicia mostras da obra de Picasso, Miró, Alberto, Solana, Clavé, Ginovart, etc.

Actualmente, o Museo ocupa uns 1.500 m2, incluíndo o seu auditorio, dos 16.000 do Laboratorio de Industria e Comunicación (LICSA) e recolle unhas 2.100 obras pictóricas, ademais de arquivo e biblioteca. Inicialmente, os fondos pictóricos do Museo Carlos Maside nutríronse de doazóns das que as máis importantes foron as dos membros fundadores do Laboratorio de Formas, e doutras moitas cedidas en calidade de depósito para a súa exhibición.

A lealdade de Maside cara a Antonio Baltar, Rafael Dieste e Luís Seoane era tanta, que xunto a Xohán Ledo, Borobó, Xosé Carlos Maside e Laureano Santiso Girón, foron designados por el no seu testamento como os seus albaceas, encargados de vixiar o destino da súa obra. Antonio Baltar, que era o presidente, e os demais membros da comisión de testamenteiros querían incorporar a maior parte da súa obra ao proxecto do Laboratorio de Formas e ocupáronse de conseguir que retornase a Galicia moita da obra diseminada por Bos Aires, así como doazóns ou depósitos outorgados por diversas personalidades e, sobre todo, os seus herdeiros, a familia Maside Medina, que depositaron os óleos Muiñeira, Peixes, un Autorretrato e máis de 400 debuxos, acuarelas e gouaches. Outra das xoias do Museo, unha das aportacións de Díaz Pardo, é o álbum de debuxos no que Camilo Díaz retratou aos compañeiros cos que compartiu prisión na Falcona de Santiago antes de ser inmolado. Xunto ao álbum figuran unhas notas biográficas dos retratados feitas por Xosé Teixeiro.

Desde que no verán de 2006 o resto dos socios das Fábricas de Cerámica do Castro e de Sargadelos apartaron a Díaz Pardo da presidencia das empresas, os novos administradores desmantelaron as factorías culturais creadas por Isaac e Seoane: Ediciós do Castro, Seminario de Sargadelos, Seminario de Estudos Galegos, Instituto Galego de Información, etc. Só permanece aberto o Museo Carlos Maside, pero nun estado de abandono e de desidia lamentables, sen que os responsables de dirixir a política cultural de Galicia comprendesen a Isaac cando os alertaba de que era necesario salvar da barbarie o Museo Carlos Maside, pasando a formar parte do núcleo dos Museos do Goberno Galego, co compromiso de respectar a ideoloxía do laboratorio de Formas e defender a riqueza que ten o seu significado.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *