ISAAC

Xosé Neira Vilas
Anisia Miranda, Xosé Neira Vilas e Isaac Díaz Pardo en Sada, durante as I Xornadas Irmáns Suárez Picallo (maio de 2008) nas que os tres participaron. Fotografía de Marisa Naveiro



Dicíame Otero Pedrayo en Buenos Aires que cando un chega a certa idade o que máis doe son os amigos que se van indo, e repetía o verso de Cabanillas, “polo vieiro que nunca se desanda”. El tiña setenta e tres anos e eu era un mozo. Hoxe comprendo mellor o alcance da frase.


Acabamos de perder a Isaac Díaz Pardo, “compañero del alma”, como dixera Miguel Hernández do seu entrañable Ramón Sijé. Pedíronme que dixera unas palabras no cemiterio de Boisaca e cumprín a encomenda con emoción irreprimible, mais non podía negarme.

Coñecémonos en 1955. Tivemos encontros en Magdalena, Madrid, Barcelona, Sada, Gres, Sargadelos, … Compartimos, Anisia e mais eu o seu “centro de operacións” en San Marcos (sede do Instituto Galego de Información), pois en cada viaxe nosa desde Cuba aloxabámonos alí, e tamén durante un ano e medio, en 1992/93, cando nos radicamos definitivamente en Galicia.

Isaac foi para min un mestre, un compañeiro, un amigo. Modelo de laboriosidade, de modestia, de honradez, de solidariedade. Creador constante e con unha enorme capacidade de traballo. Exemplo de amor a Galicia –un amor activo, exercido sen es tridencia-. Estaba marcado polo drama de 1936, que cambiou a súa vida cando lle asasinaron ó pai; nunca manifestou xenreira nin ánimo de vinganza, pero si afán de xustiza para os que foron asasinados (ver a colección “Documentos ”, que creou en edicións do Castro -da que saíron 200 títulos -, e a “Biblioteca do Exilio”).

Nada lle era alleo, xa se tratase de humanidades, ciencia ou tecnoloxía, ou do acontecer do planeta. Doíalle a miseria do chamado Terceiro Mundo, atafegado polo neocolonialismo.

Era un home sabio, algo así como o noso da Vinci, que o mesmo escribía un poema ou unha obra de teatro que pintaba un cadro, deseñaba unha peza de cerámica ou un moble, proxectaba un edificio, establecía un sistema contable, inventaba unha máquina ou un mecanismo de cocción da porcelana. Paz Andadre chamoulle “un xigante comprimido” e a definición acaíalle.

Deixou en todos nós un gran baleiro. E deixounos no corazón e na memoria o seu exemplo perdurable.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *