Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero falando no enterro de Díaz Pardo. Fotografía de Marisa Naveiro
Urxe falar desta faceta, moi pouco tratada polos estudosos e descoñecida por moitos. Voume referir, no presente artigo, a un capítulo que creo coñecer ben, dada a miña proximidade a Isaac: a editorial, de París, Ruedo Ibérico.
Creouna nos anos sesenta un anarquista valenciano exiliado, José Martínez, que non tardaría en ser amigo de Isaac. Xa morto Franco, lembro a Pepe Martínez e a súa compañeira, Marianne, como hóspedes do casal Mimina- Isaac, xa no Castro de Osedo, xa en Sargadelos.
Desde 1963, data na que Isaac creou Ediciós do Castro, o noso editor publica, na legalidade franquista, os libros que a censura autorizaba ou toleraba, se ben moitos deles cuestionaban, parcialmente, algúns aspectos do discurso oficial, do discurso franquista. Neste sentido, Ediciós do Castro foi interpretada axiña, polos censores e polos lectores, como unha editorial anti Réxime. Agora ben, a un cidadán como Isaac non lle abondaba con publicar libros tan “suaves” co Réxime, razón pola cal asumiu as duras leis da clandestinidade, territorio no que el ou quen fose podía explicitar a súa crítica ós usos e ós abusos do franquismo desde 1936.
Pepe Martínez, fundador e director de Ruedo Ibérico (París), atopou en Isaac un eficaz colaborador intelectual e económico. Nun traballo meu de hai anos, examinei algúns dos informes e dos artigos de Isaac publicados (con pseudónimo!) en varios volumes da editorial parisiense. Son páxinas sobre cuestións galegas, sen excluír as económicas, que estaban a anos-luz da literatura publicada en España.
Que Pepe Martínez fose anarquista non implicaba, como director da editorial, que non estivese aberto ás outras voces do antifranquismo (comunistas, socialistas, catalanistas…). Republicanos de idearios moi distintos colaboraron en moitas ocasións nos volumes da editorial ou nos números da revista, Cuadernos de Ruedo Ibérico.
Pero Isaac fixo máis: financiou e coordinou (ou dirixiu) volumes moi importantes da editorial. Voulle dedicar especial atención ó titulado Galicia hoy, editado por Ruedo Ibérico e impreso, en Buenos Aires na imprenta López, no ano 1966. É precisamente o obradoiro tipográfico no que, desde había anos, imprimía Luís Seoane os seus libros ou os libros que dirixía. Na portada do volume lemos: Presentación/ Santiago Fernández/ Maximino Brocos”. Hoxe sábese ben: o primeiro era o pseudónimo de Isaac Díaz Pardo, e o segundo de Luís Seoane, o ilustre exiliado. Seoane non obstante, asina, co seu apelido, a tapa do libro.
Á vista destes datos, todo fai supoñer que os editores literarios deste volume colectivo foron Luís Seoane e Díaz pardo, e así foi, pero compre ofrecer algunha puntualización. Seoane, autor da tapa, correu cos labores de imprenta e coa disposición das ilustracións, razón pola cal o volume é unha fermosa e eficaz peza bibliográfica. Eu, que vivín, en boa parte, a xestación do libro, sei, con certa precisión, cal foi o papel de Isaac como coordinador e suxeridor dos textos (plásticos e literarios) recolleitos en Galicia. A min recomendoume un estudo sobre a lingua galega, que eu titulei “El gallego: historia, razón, pasión, adversidad y esperanzas de una lengua” (pp. 26-36). Xa aquí, debo aclarar que o volume, nos seus traballos en prosa (informes, artigos…), está en castelán (Isaac estaba na idea de que Galicia hoy, réplica contundente ó discurso franquista, tiña que ter lectores máis alá do Bierzo). Vexamos os títulos: “Efemérides” (anónimo); “Movimiento autonomista gallego” (an.); “El principio de la guerra civil y la resistencia armada al franquismo” (an.); “Presencia de Galicia en la zona republicana durante la guerra civil” (an.); “Presencia de Galicia en América” (an.); “Los exiliados gallegos” (por Auverre: pseudónimo de Alberto Vilanova, “exiliado” na Arxentina desde 1954); “La defensa económica del régimen franquista. Turismo, emigración, trata de blancas” (an.); “La economía gallega y la educación del pueblo. Plan de desarrollo” (an.); “Movimientos de expresión política, social y económica. La Iglesia” (an.); “El «milagro español» en Galicia al cierre de este libro, en 1966” (an.); “Noticia última. Una carta de Galicia” (sobre as primeiras protestas que provocou a construción do embalse de Castrelo de Miño).
O idioma galego está omnipresente nas páxinas en verso: poemas de Lorenzo Varela, Luís Pimentel, Ramón Cabanillas, Xosé Neira Vilas, Celso E. Ferreiro, Arcadio López- Casanova, Manuel María, Antonio Tovar, Tomás Barros e Luís Seoane. Trátase sempre de poemas contestatarios pero xa publicados antes; os autores, contemporáneos, pertencen a distintas familias políticas (comunistas, nacionalistas, galeguistas…). Figuran algúns outros poetas, de épocas pretéritas, incluso da lírica medieval (Airas Nunes, Martín Moxa, Pondal, Curros Enríquez…) todos eles da musa contestaria.
Uns e outros aparecen no volume co seu nome e apelidos por tratarse de textos (case todos eles) publicados na legalidade española. En realidade, figuran dous poemas máis que non son reprodución senón que foron solicitados “ad hoc”, un especialmente contestatario co triunfalismo franquista. Titúlase “Vinte e cinco anos de paz”, escribiuno Celso Emilio Ferreiro, a mellor mala lingua contra o Réxime de Franco, pero por elemental cautela, asinouno cun pseudónimo daquela descoñecido: Xan Casalderrei Petán.
Reproducimos, como mostra elocuente desta alfaia satírica, os primeiros versos:
España, sangre e area:
trinta millós de farrapos
atados a unha cadea.
Todos levan sobre a faz
un carimbo de tristura:
vinte e cinco anos de paz.
Paz de cuartel, paz de preso,
paz de pobo asoballado,
paz de pau e tente teso.
Paz do conde de Fenosa,
gran cabaleiro de industria
que asulaga a terra nosa.
Paz de osario e cimenterio,
paz de chaira inhabitada,
paz de oprobio e cautiverio.
Paz de mazmorra e censura,
paz de mansos periodistas,
lambecús da dictadura.
Esta excelsa sátira, publicada en 1966, foi escrita moi probablemente (a pedido de Díaz pardo) en 1965, ou sexa, cando todos nós non esquecéramos o bochorno triunfalista que tiveramos que padecer o ano anterior o ano 1964.
Era ministro de Información e Turismo (por conseguinte de Propaganda) Manuel Fraga Iribarne que empapelou miles e miles de edificios públicos e privados de toda España co eslógan, digno de mellor causa, “Veinticinco años de Paz”. Os versos de Celso Emilio Ferreiro, disfrazado de Xan Casalderrei Petán, hai que entendelos como unha rexoubeira e mordaz resposta á obscena publicidade de Fraga Iribarne.
Outro poema foi solicitado (quizais por Luís Seoane) a Lorenzo Varela, quen, por vivir fóra das pautas de Franco, no exilio de Buenos Aires, asina a súa sátira. Titúlase “Emigrantes” e encabézaa con esta cita: “Tres millones de españoles viven lejos de la patria. Muchos de ellos en gallineros europeos”.- “ANSA y otras agencias”. Paga a pena reproducir algúns fragmentos:
Centos, miles de galegos
foron a buscar o pan,
fora, lonxe de Galicia,
que perto xa nono hai;
que toda a fariña nosa
non se sabe pra quen vai.
(…)
¿ Saberán cacarear
istes galegos de hoxe,
botados por seus irmáns,
os banqueiros e almirantes,
os xueces i os capitás?
(…)
Nun galiñeiro de Europa,
Galicia, tés o teu lar.
(…)
Mais ouvide ben o galo,
señoritos galiñás:
un día ou outro, moi cedo,
¡outro galo cantará!
Un dos textos máis conmovedores do volume é unha carta en galego escrita polo dirixente galeguista Víctor Casas o 2 de novembro de 1936 na prisión de Pontevedra. Dirixida a Manuel Gómez Román, secretario xeral do Partido Galeguista, foi redactada horas antes do seu fusilamento. Que se saiba, é a primeira carta en galego, escrita por un republicano condenado a morte, que se publicou (as de Alexandre Bóveda editáronse anos despois). Fun eu quen lle proporcionou tan valioso documento a Isaac, que publicou o facsímile do manuscrito e a tradución castelá. Falecido Gómez Román, a carta pasou ás mans do matrimonio Antón Beiras/Antía Cal, e foi en decembro de 1963, en Lugo, cando estes entrañables amigos me agasallaron con tan importante testemuño. Hoxe, supoño, estará nos arquivos de Díaz Pardo.
Así pois, ó longo do volume non só atopamos documentos moi valiosos senón textos poéticos de escritores moi importantes, ademais de textos plásticos (debuxos, cadros) moi significativos de Castelao, Colmeiro, Agustín Pérez Bellas, Laxeiro, Raimundo Patiño… Todo isto unido ós informes e estudos, constitúe un volume que foi, na época, o alegato político máis contundente e rigoroso contra o discurso franquista. Por iso a Policía de Fraga Iribarne o perseguiu con tanta saña nas trastendas dos arriscados libreiros que o vendían clandestinamente, entre eles, Enrique Molist, na Coruña, e Carlos Vázquez, en Ourense (Gráficas Tanco).
Fraga Iribarne, un ano antes, perseguira, cun dinamismo digno de mellor causa, outro libro de Ruedo Ibérico: El pensamiento político de Castelao. Era unha escolma de Sempre en Galicia, feita e prologada por un intelixente periodista coruñés, mozo daquela: Alberto Míguez (1941-2009). A Míguez o Tribunal de Orden Público condenarao, por propaganda ilegal, a seis meses e un día de prisión menor e dez mil pesetas de multa, diñeiro (estou seguro) que pagou o propio Díaz Pardo, que fora quen implicara ó xóven antifranquista nesta tarefa política, e de dar a coñecer, dentro e fóra de España, a vida e o pensamento político de Castelao. Cónstame que foi Isaac, sempre en todo, quen buscou, para a ocasión, o mellor avogado, Valentín Paz-Andrade, que logrou reducir condena e multa á cuarta parte. Non era doado ante un Tribunal con dous maxistrados que tiñan sona de moi severos: o presidente, José Hijas Palacios, e un dos vogais, Antonio Torres-Dulce Ruíz, pai, por certo, do actual Fiscal Xeral do Estado.
Como penso que o volume colectivo Galicia Hoy, malia a ser de 1966, segue a suscitar curiosidade ou interese en moitos lectores, saiban estes que Ediciós do Castro fixo unha edición facsímile, prologada por min, hai sete ou oito anos.