Editorial da Redacción

14 de abril de 2012
nº 4 – Sada
Ve luz a 4ª entrega de Areal en tempos de adversidade.
O ano 2012 chegaba da man dunha nova triste: falecía Isaac  Díaz Pardo, o noso Socio de Honra e un dos principais motivos de existencia da nosa Asociación. A el, que consagrou a súa vida á dignificación de Galicia –e fíxoo en gran medida desde Sada– está dedicada boa parte da presente revista.

Por outra parte, días atrás víamos arder as Fragas do Eume. Galicia sufría outro atentado ecolóxico de enorme magnitude, que terá que servir de aliciente para que non se repita nunca máis. Cómpre incidir na concienciación social, practicar políticas responsables e competentes e destinar maiores investimentos á prevención dos incendios. Senón, estaremos condenados a padecer novos desastres.

Todo isto no contexto da grave crise que a nosa sociedade está a sufrir, provocada pola especulación, a avaricia dos mercados e a desregulación impulsada polo neoliberalismo.

Porén, quen está a pagar os seus efectos é a clase traballadora, que ve diminuídas as prestacións sociais, recortadas as inversións públicas en educación e conculcados os seus dereitos. A presente reforma laboral constitúe un atentado contra a dignidade humana e un retroceso inasumible, ao se revogaren dereitos esencias que conquistaron os nosos devanceiros na loita por medio da acción colectiva en condicións ben máis difíciles. Se ante tanta barbarie, se ante unhas políticas que condenan á fame, á miseria e á desprotección a tantos concidadáns a sociedade non reacciona, só cabe pensar nun porvir moi escuro, cando menos a curto e medio prazo. Mais cómpre perseverar na vontade dun cambio que comeza nas mentalidades e nos valores.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará