Xosé R. Barreiro Fernández
Xa conta Díaz Pardo cunha selecta biobibliografía que, sen dúbida, crecerá despois da súa morte. Faranse teses de doutoramento, publicaranse ensaios e, en cada aniversario da súa morte, os medios de comunicación engadirán algo novo que complete a súa biografía. Sen agardar ao ditame da posteridade, quero expoñer neste artigo o privilexiado lugar que no meu pensamento e no meu corazón ten a súa memoria.
Como non pertencín ao coro de acólitos, que nunca faltan arredor de quen exerce algún poder, o lector pode es tar seguro da independencia e obxectividade dos xuízos que aquí emito.
Tres son os feitos que especialmente me atraen da súa biografía e que paso a expoñer.
O primeiro é a conciliación que logra entre o seu xenio artístico e o xenio empresarial, que son dous valores de difícil amalgama. O artista é individualista e, polo xeral, amosa unha conduta sobreactuada, egocéntrica cunha pronunciada tendencia ao narcisismo. En troques, o mundo da empresa require control, ocultamento, reflexión e cálculo. O sorprendente en Díaz Pardo foi a súa capacidade para conciliar ambas as calidades, pero sen perder en ningunha delas o punto de xenialidade que as facía irrepetibles. O Castro, Sargadelos e La Magdalena, a súa fábrica en América, non foron só fábricas de cerámica, foron factorías do saber, da discusión, de análises sobre as formas e sobre a materia.
Un estremecemento de poesía percorreu sempre aqueles laboratorios onde cada obxecto levaba impresa a pegada dun xenio creador.
Se Díaz Pardo era un asceta (apenas comía, non bebía e o seu cuarto era unha cela de ermitán), a súa obra, tanto a pictórica como a cerámica, era un canto á vida.
O segundo feito para min fundamental da súa vida é que, formando parte do bando dos derrotados, ficou en Galicia para sempre. Posiblemente a súa mocidade e o amparo dalgúns familiares permitíronlle sobrevivir no ano 1936. Fichado pola policía, fillo dun fusilado, carecía de credenciais que lle garantisen a supervivencia. Pero el quedou en Galicia. Era necesario preparar o futuro para cando pasara a enxurrada de odios e fanatismos. Era necesario quedar para dar testemuña de que os derrotados aínda non foran vencidos porque ninguén é vencido se mantén os seus principios e valores. Era necesario quedar para empezar a construír o futuro económico, ideolóxico e político.
Os que se exiliaron para salvar a súa vida e a súa liberdade nun principio posiblemente non o entenderon, pero a través dunha correspondencia continua e máis adiante coa súa presenza física en América comprenderon que aquela insólita decisión foi fundamental para o porvir deste país.
Finalmente, o terceiro feito foi o seu permanente traballo, a súa indeclinable loita en favor dos dereitos e da cultura de Galicia. Díaz Pardo sempre entendeu Galicia como un país que tiña que conquistar a democracia e a liberdade, pero tamén o desenvolvemento económico que a súa riqueza natural e a súa man de obra podían e debían propiciar. Pero todo isto é posible nun pobo que conserva a súa memoria, a do pasado, pero tamén a máis recente, nun pobo orgulloso de si mesmo e cunha conciencia crítica que lle permita seleccionar a variada oferta cultural que lle chega de todas as partes e acotío para quedar con aquilo que podía nutrir a súa esencialidade cultural.
Cando fundou Ediciós do Castro, a que máis títulos editou en Galicia en toda a súa historia, púxoa ao servizo de todo o país pero mimou especialmente a colección que se refería á Segunda República, á guerra e ao exilio. Era a memoria escondida dunha Galicia republicana, laica e socialista que o franquismo ocultou.
Cando fundou o Museo de Arte Contemporánea, sen dúbida o mais importante de Galicia, quixo que as novas xeracións coñecesen os nomes e a obra dos artistas galegos no exilio exterior ou no exilio interior.
Fiel a estes principios quixo que as súas cerámicas (as vaixelas, xerras, estatuíñas, abelorios etc.) levasen en relevo ideogramas da nosa mitoloxía, da nosa historia, da arte popular galega que desta maneira penetra nos fogares e converte a simboloxía galega nun obxecto de uso común Era o xenio creador posto ao servizo dunha causa cultural e patriótica.
Por todo isto, Díaz Pardo segue vivo no meu pensamento e ten un lugar de privilexio no meu corazón.