COMPAÑEIRO ANCESTRAL ISAAC DÍAZ PARDO

Claudio Rodríguez Fer
Compañeiro ancestral Isaac Díaz Pardo: 

Escribo ao antigo Castro de Samoedo 
sobre o unánime corpo dos galaicos, 
outra vez cerámica escachada 
a golpes de usura e desmemoria. 

Escríboche como ti nos escribías, 
coa tinta fraternal da memoria das vítimas. 

Escribo á Bauhaus da Magdalena 
escoitando tangos e milongas 
que traen exiliación na diáspora 
e derrotas na procura de derrotas. 

Escríboche como ti nos escribías, 
coa tinta laboral dos militantes dos actos. 

Escribo á futurista utopía de Sargadelos, 
pois man a man o emigrante e o exiliado 
construíron con caolín as esperanzas 
do laboratorio de formas integrais. 

Escríboche como ti nos escribías, 
coa materia prima do mañá moi dentro. 

Escribo ao recanto máis humilde 
do teu corazón construtivista, 
afluíndo sempre avances libertarios 
pola arteria visible dos tubos funcionais. 

Escríboche como ti nos escribías, 
pola aberta unión libre, camarada. 

Escribo como ti nos escribías, 
homo faber tenaz, xenial e solidario, 
pois contigo estivemos no principio 
e contigo estaremos máis alá do final. 

Escríboche como ti nos escribías, 
dispostos sempre a comezar. 

Porque se algo é mentira, compañeiros, 
é que morreu Isaac.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *