ACTOS EN TORNO AO 14 DE ABRIL

13 de abril · PRESENTACIÓN DO Nº 4 DE AREAL


O pasado venres 13 de abril presentabamos na Casa da Cultura “Pintor Llorens” o nº 4 da revista Areal. Un número dedicado en boa medida a Isaac Díaz Pardo. Precisamente, logo da presentación do acto e da publicación a cargo de Francisco Pita e Manuel Pérez Lorenzo, falarían sobre a figura de Isaac José-Mª Monterroso e Felipe Senén. Concluiría o acto coa actuación de Tombalobos orquestra, que deleitaron e divertiron aos máis de un cento de asistentes.



O número presentado de Areal, que se publica con carácter semestral, contén colaboracións de Xosé Neira Vilas, Xesús Alonso Montero, Xosé Ramón Varreiro, Xosé Ramón Fandiño, Baldomero Iglesias e Xosé Luís Rivas, Edmundo Moure, Claudio Rodríguez Fer, Manuel Suárez de Concha, Manuel Lugrís Rodríguez, Manuel Pérez Lorenzo, José-Mª Monterroso, Xaime Rodríguez e Marisa Naveiro. Está ilustrado por Manuel Suárez de Concha e Marta Paz. A sección “Documentos” contén textos de Ramón Suárez Picallo, Ángel del Castillo, Emilia Pardo Bazán e Fernando García Acuña.

A todos os colaboradores e anunciantes agradecémoslles as súas aportacións, sen as que a presente publicación non sería posible.



Editorial do nº 4 de Areal



Ve luz este 4º número de Areal en tempos de adversidade. O ano 2012 chegaba da man dunha nova triste: falecía Isaac Díaz Pardo, o noso Socio de Honra e un dos principais motivos de existencia da nosa Asociación. A el, que consagrou a súa vida á dignificación de Galicia –e fíxoo en gran medida desde Sada– está dedicada boa parte da presente revista.
Por outra parte, días atrás víamos arder as Fragas do Eume. Galicia sufría outro atentado ecolóxico de enorme magnitude, que terá que servir de aliciente para que non se repita nunca máis. Cómpre incidir na concienciación social, practicar políticas responsables e competentes e destinar maiores investimentos á prevención dos incendios. Senón, estaremos condenados a padecer novos desastres.
Todo isto no contexto da grave crise que a nosa sociedade está a sufrir, provocada pola especulación, a avaricia dos mercados e a desregulación impulsada polo neoliberalismo. Porén, quen está a pagar os seus efectos é a clase traballadora, que ve diminuídas as prestacións sociais, recortadas as inversións públicas en educación e conculcados os seus dereitos. A presente reforma laboral constitúe un atentado contra a dignidade humana e un retroceso inasumible, ao se revogaren dereitos esencias que conquistaron os nosos devanceiros na loita por medio da acción colectiva en condicións ben máis difíciles. Se ante tanta barbarie, se ante unhas políticas que condenan á fame, á miseria e á desprotección a tantos concidadáns a sociedade non reacciona, só cabe pensar nun porvir moi escuro, cando menos a curto e medio prazo. Mais cómpre perseverar na vontade dun cambio que comeza nas mentalidades e nos valores.


14 de abril · OFRENDA FLORAL


Ao día seguinte, sábado 14 de abril, 81 aniversario da proclamación da II República, tería lugar a ofrenda floral que esta entidade realiza todos os anos en homenaxe ás vítimas da represión franquista en Sada e ante o monumento a elas dedicado no paseo marítimo. No acto interviron Jesús Castro, Manuel Pérez, Amable Carballeira e Xaime Rodríguez, que lembraron o referente que a democrático e de participación cidadá que a República constitúe e a necesidade de mantermos os dereitos acadados polos nosos devanceiros con tantos sacrificios.
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *