Rafael Carballeira Coego, Vanesa Rocha Veira, Manuel Pérez Lorenzo
No pasado mes de agosto, a Sociedade Galega de Historia Natural presentoulle ao Concello de Sada un pormenorizado informe sobre os valores naturais e culturais do humidal das Brañas. A SGHN decidiu abordar a elaboración do texto co obxecto de garantir a súa preservación e de avanzar no seu coñecemento e na súa posta en valor como espazo de interese pedagóxico e como reclamo turístico.
O informe, de máis de 80 páxinas, é resultado do traballo dunha equipa conformada por Rafael Carballeira Coego (biólogo), Vanesa Rocha Veira (técnica superior en Saúde Ambiental) e Manuel Pérez Lorenzo (historiador), así como das aportacións dos integrantes da devandita entidade.
Nos primeiros apartados descríbese a situación, a climatoloxía e as características xerais do humidal. Abórdase logo o seu estudo xeolóxico e hidrográfico, como parte da conca hidrolóxica de Sada. Posteriormente, trátanse a flora e a fauna das Brañas e analízanse os liques como indicadores de polución atmosférica. Igualmente, dedícase cadanseu capítulo á caracterización físico-química das augas e á ecoloxía do humidal. Outro capítulo estuda os valores culturais das Brañas, pola súa vinculación coa industria da tella e do ladrillo. Péchase o informe cun apartado de conclusións e resumo final.
A modo de sinopse, pódese dicir que da elaboración do traballo tiráronse as seguintes ideas:
O paraxe das Brañas é un humidal catalogado no Inventario de Humidais de Galicia. Estes espazos caracterízanse por albergar unha grande biodiversidade.
As Brañas realizan unha importante labor de depuración das augas polo, que representan un activo fundamental para non incrementar os contaminantes na praia e na ría de Sada. Tamén realizan unha función de regulación no caso de enchentes (facendo as veces de esponxa), co que evitan inundacións no casco urbano.
O humidal abeira especies protexidas de Interese Comunitario, Estatal e Autonómico.
A nivel botánico destaca o bosque aluvial de Ameneiro-Salgueiro-Freixo, que constitúe un Hábitat Prioritario de Interese Comunitario e a vexetación lacustre propia destes entornos. Destaca a única cita galega dunha especie de lentella de auga e a presenza dun fieito que está dentro do Catalogo Galego de Especies Ameazadas.
Faunisticamente é de resaltar a variedade de anfibios (todos eles especies protexidas): Rá verde, Rá patilonga, Píntega común, Pintafontes común, entre outros. Nos mamíferos destaca a lontra e nas aves, entre moitas outras, as vinculadas ao medio acuático: Garza real, Cerceta real, Galiñola negra, Somorgullo pequeno, Bilurico alinegro, Picapeixe, Lavanco real e Galiña de río. Ademais, constitúen un corredor ecolóxico moi importante xunto coa zona de Tarabelo-Bertín, que comunica distintos hábitats e serve de refuxio a moitas especies nunha comarca tan urbanizada.
Alén da súa importancia natural, é de destacar a súa vinculación ao desenvolvemento económico da cidade, atraveso da industria das telleiras. Estas deron lugar ao humidal tal e como o hoxe o coñecemos. Cómpre preservar as telleiras e fornos de botella existentes, así como crear un museo das telleiras.
A localización urbana das Brañas é a súa grande ameaza, mais tamén un dos seus grandes valores, pois doadamente se poden converter nun referente a nivel turístico, en aula de natureza a pé de rúa ou en espazo para o lecer da cidadanía, sempre tendo en conta a cuestión prioritaria: a conser vación, no mellor estado natural, do hábitat singular que é, e a preservación das especies que o habitan. As Brañas cumpren cos criterios para a súa catalogación como humidal protexido segundo o Decreto de Humidais Protexidos de Galicia.
Asociar o nome de Sada a un espazo protexido é unha promoción gratuíta en moitos foros, e diversificaría o tipo de visitantes da vila, ademais de desestacionalizar, aumentar e darlle maior calidade á oferta cultural e de ocio.