PRESENTACIÓN DA EXPO. FRANCISCO VARELA POSSE

Hoxe ás 12:00 h. terá lugar a presentación na capela de San Roque da exposición sobre a obra do fotógrafo local Francisco Varela Posse, que permanecerá na devandita sala ata o 31 de outubro.



Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo organiza esta exposición co obxecto de recuperar e difundir a obra de Varela Posse (Melide, 1884-Sada, 1959), que retratou a Sada dos anos 20 e 30 e publicou boa parte da súa obra na prensa da época. Tanto para reunir os materiais como as informacións relativas a Varela Posse foi determinante a colaboración da súa familia, nomeadamente da súa filla Fina Varela e da súa neta Nieves Varela.

A exposición está composta por máis de medio cento de fotografías datadas entre os anos 10 e os 50, se ben a gran maioría corresponden aos anos 20, cando Varela contaba cun negocio de fotografía na Rúa da Obra e exercía como correspondente gráfico en publicacións como La Voz de GaliciaEl Pueblo GallegoCéltigaEco de GaliciaRevista GallegaSemanaAhora, etc. Ademais, algunhas das fotografías acompáñanse de textos de autores locais da época vinculados coa imaxe en cuestión. Tamén estarán expostos obxectos persoais, revistas e diversa documentación. Por último, a exposición inclúe un apartado de paneis biográficos, compostos por informacións acerca do protagonista, así como fotografías e documentos familiares.

Como material complementario, distribuirase o nº 11 dos Cadernos de Estudos Locais que edita esta Asociación, e que versará, precisamente, sobre Francisco Varela Posse, comprendendo unha biografía e unha selección das fotografías que se poden ver na exposición.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *