O QUE LIMOS

Xaime Rodríguez Rodríguez

Como cambiar el mundo.


Hobsbawn, Eric
Editorial Crítica. 2011
ISBN: 978-84-9892-211-O
Pp. 490


A existencia do movemento do 15 M xerou todo tipo de valoracións. Desde as máis negativas -un movemento antipolítico sen obxectivos e sen ideoloxía-, deica as claramente positivas, e optimistas, que o amosaban como a alborada dun movemento anovador das caducas estruturas políticas e económicas da versión democrática do capitalismo (inda que os turiferarios do capitalismo, por riba de todo no ámbito académico, economistas, sociólogos e politólogos, fagan todo o posíbel por demostrar o contrario, as relacións capitalistas, incluíndo as da súa versión neoliberal, da que o Chile pinochetista foi exemplo pioneiro, pódense dar baixo as ditaduras). Posibelmente, o tempo ofreceranos a perspectiva necesaria para emprazar o 15 M no seu lugar e outorgarlle o seu verdadeiro valor, mentres tanto debemos saudalo como o que hoxe por hoxe significa: unha demostración da insatisfacción coas promesas incumpridas do capitalismo financeiro nos países chamados (o que no deixa de ser paradoxal) do “capitalismo avanzado”.

De todos os xeitos, cabe facer unha primeira lectura positiva. Contra os que mantiñan que o “triunfo” do capitalismo ía a significar “o remate da historia” (lémbranse de Fukuyama?), ven a facernos ver que inda hai preguntas que responder, cando semellaba que nos cambiaran as preguntas. Unha primeira, Pódense cambiar as cousas? de ser a resposta positiva, cabe facerse outra: cómo, a traveso de qué pensamento que nos poda servir de roteiro podémolo facer? Eric Hobsbawn, quizais o máis importante dos historiadores vivos, recolle neste libro de título tan suxerinte unha serie de achegamentos ao pensamento de Karl Marx, e á súa influenza e impacto posterior á súa morte. Hobsbawn, cree ademais que as respostas necesarias para avanzar cara un futuro mellor poden estar nas obras do autor de Treveris.


A influenza póstuma de Marx, foi importantísima. Unha gran parte dos partidos obreiros recoñecíanse nos postulados marxistas, fora na súa forma de partidos comunistas ou na variante socialdemócrata. A maiores, nun intre histórico, unha parte importante da humanidade estivo baixo
o goberno do comunismo ou o socialismo (neste aspecto prodúcese unha contradición, dado que estes gobernos se proclámanse marxistas, cando Marx xamais se pronunciou nin sobre a forma de goberno, nin sobre a economía, nin sobre o tipo de sociedade na transición (dialéctica) ao comunismo, no que o goberno sobre os homes mudaría na administración das cousas) . O colapso do chamado “socialismo real” semellaba anticipar o triunfo final do capitalismo, e o enterro (ao que se apuntaron de vagar os inimigos do seu pensamento) das ideas desenvoltas polo seu parceiro Engels e máis el, Karl Marx.


Pois ben, neste contexto, no que a vixencia de Marx semellaba periclitada, Hobsbawn, mantén, citando para apoiar a súa afirmación un titular da biblia do capitalismo, Financial Times, do Outubro do 2008, Capitalismo en convulsión , que Marx definitivamente volvía á escena pública sen ningún xénero de dúbidas. Que ten moito que dicir a aqueles que desexan unha sociedade diferente e mellor da que temos hoxe en día.


Hobsbawn, cree que a mellor maneira de amosar a vixencia do pensamento de Marx é, precisamente, explicitando as características fundamentais das achegas do filósofo, analista económico, e fundador da ciencia social moderna, ademais de guía para a comprensión da historia humana, que todo iso foi; pero por riba de todo, como sinala Jacques Attali, destacando a dimensión verdadeiramente universal do seu pensamento.


Partindo da análise dos precursores do socialismo, os socialistas chamados utópicos, inda que Hobsbawn prefira referirse a eles coma socialistas premarxianos, o libro vai facer un roteiro prol das ideas principias de Marx. Sabido é, que o seu socialismo ten unha orixe triple: socialismo francés, filosofía alemá e economía política británica. Nesta triple influencia vai descansar a analítica marxiana e algún dos seus conceptos e métodos fundamentais, inda que profundamente revisados, coma pasa coa dialéctica hegeliana, que, de acordo co que o propio Marx deixou escrito, foi posta en pe por el, dado que en Hegel estaba invertida, posta de cabeza. Así, viña a poñer de releve, a distancia entre o idealismo de Hegel (dialéctica mistificada) e o materialismo (dialéctica racional).


Deste xeito, as ideas de Marx (e Engels) sobre, por exemplo, a política son obxecto do traballo do autor. As opinións sobre o Estado e a súas institucións, a faciana política da transición do capitalismo o socialismo, son analiticamente, para Marx mais Engels, problemas secundarios (en realidade, como consecuencia disto a verdadeira teoría marxista da política foi elaborada por Gramsci, a cuxas ideas dedícalle un capítulo neste libro Hobsbawn), xa que logo as relacións xurídicas ou as formas de Estado no se comprenden por si mesmas, senón que teñen as súas raigañas nas condicións materiais da vida. Inda así, Marx mantén que as formas constitucionais do Estado, sendo coma son secundarias ao contido social, teñen a súa esencia no poder político, que á súa vez é “a expresión oficial da oposición de clases no seo da sociedade burguesa”, representando non o interese xeral da sociedade senón o das clases propietarias dos medios de produción (o que, por exemplo, debería servir para ilustrar porque as axudas á banca son prioritarias e as políticas sociais un despilfarro, como se encargan de difundir os seus axentes gobernamentais da clase “hexemónica” e os intelectuais “orgánicos” da burguesía, utilizando dous dos conceptos fundamentais da teoría política gramsciana).


O Manifesto comunista , obra en opinión de Hobsbawan de un Marx inda non maduro, lonxe analítica e conceptualmente de El Capital, ten, porén, o valor engadido (por utilizar un termino prestado da economía política) de ofrecernos a versión máis acabada do Marx revolucionario. Escrita a petición dos membros da Liga dos Comunistas, despois de que Marx e Engels se adheriran a ela, o Manifesto ía a converterse no texto político unitario máis influinte tras a Declaración dos dereitos do Home e do Cidadán . Hobsbawn, di que se trata dun documento conxuntural, escrito para un intre histórico concreto, perdeu parte da súa vixencia co paso do tempo. Inda así, segue a ser unha sólida exposición da análise que diferenciaba o comunismo marxiano de todos os demais proxectos dunha sociedade mellor. O seu núcleo é a demostración do desenvolvemento histórico das sociedades, máis concretamente da burguesa, que remprazara ás precedentes, revolucionando o mundo ao tempo que creaba as condicións históricas necesarias para a súa propia superación. Hobsbawn resalta o estilo, a convicción, a concisión e a forza intelectual do pequeno panfleto, posta ao servizo dun extraordinario diagnóstico do carácter revolucionario da sociedade burguesa. Ao tempo, Marx mantén, que pesares da súa triunfal andaina, o capitalismo non era permanente nin estábel, non supuña “a fin da historia” senón unha fase temporal na historia da humanidade, un estadio historicamente superábel. Porén, aloxándose do determinismo histórico, este cambio debe producirse pola praxe social, mediante a acción colectiva. Neste sentido, a diferenza do pensamento anarquista, o socialismo marxiano esta estreitamente comprometido coa política, porque como mantén a teoría marxiana non se trataba so “do que a historia nos amosa que sucederá” senón “do que se ten que facer”.


Hobsbawn, fálanos da importancia das análises marxianas sobre as formacións precapitalistas, nas que nos ofrece unha formulación sobre o contido da historia, o progreso, a crenza marxista no triunfo do libre desenvolvemento humano, e o correcto da súa análise de que é a isto ao que conduce o desenvolvemento histórico, a traveso dos diferentes estadios das formas de propiedade. Despois de ilustrarnos sobre a andaina histórica da influenza do pensamento marxista, Hobsbawn, pon fin a este libro cun capitulo dedicado á relación entre traballo e socialismo, entre marxismo e movemento obreiro, facéndonos ver que a pesares de que a maioría dos partidos e movementos obreiros asociáronse ao sono de Marx, e de que, case sen excepcións, os marxistas decantárense polos movementos e partidos obreiros, como campo de acción política, ambos os dous poden entenderse como axentes históricos independentes, cunha complexa e cambiante relación entre eles, que inclúe as formulacións reformistas da socialdemocracia, e cun impacto importantísimo dos dous na historia do século XX, a cuxas fitas principias dedícalle páxinas cheas de coñecemento e reflexión. O capítulo péchase cunha documentada reflexión da necesidade que temos de volver a mirada cara un pensador cuxa esencia é a crítica do capitalismo – precisamente agora que nos decatamos que ocapitalismo non é (ou ao menos non é a única) resposta senón que forma parte da pregunta-, das escolas económicas, e os economistas, que non foron quen de prever a onde nos levaría a globalización capitalista, que el prognosticou xa en 1848. Polo tanto, unha vez que quedou claro que as solucións aos problemas sociais, ecolóxicos, políticos, xerados polo mercado, non poder vir da man do liberalismo político e económico, nin por separado, nin combinados, o mestre Hobsbawn, convídanos a revisitar a Marx e o seu pensamento, porque “unha vez máis chegou o momento de volver a vista a Marx”.






A mesa e manteis
Historia da alimentación en Galicia


Castro, Xavier
Editorial Biblos. Colección Mandaio. 2010
I SBN.978-84-937323-8-7


Desde que Le Grand d`Aussy lle dedicou, no 1798, os tres volumens da súa Historie de la vie privée des Français , a historia da alimentación foi un dos obxectivos da historiografía por riba de todo cando esta incluía os libros de viaxes. A partires do século XIX, cando a historia se concentrou no campo da política, o tema da alimentación foi converténdose en marxinal. Foi a Escola dos Annales a que sacou deste estado, e inda así dunha forma precaria en canto ao enfoque, cargado de prexuízos enfrontados aos propios dos antropólogos daquela debedores dunha perspectiva sociocultural. 

No noso país non son moitos os exemplos de traballos centrados no eido da alimentación, de entre os mais relevantes hai que citar os do autor deste libro que hoxe reseñamos, nomeadamente o seu A lume manso. Estudios sobre historia social da alimentación en Galicia (do que hai unha versión en castelán ampliada: Ayunos y yantares. Usos y costumbres en la historia de la alimentaciónpolo que agradécese esta nova incursión do autor neste eido. Desde a alimentación castrexa, xa na idade de Ferro, baseada nos recursos alimenticios tanto terrestres coma mariños, produto da caza a recolleita, a pesca e o marisqueo, e cunha economía de subsistencia máis diversa do que adoitamos a pensar, pasando polo dominio do lume e a súa importancia no proceso de hominización, deica a culminación do que o autor denomina a gastronomía primitiva de Galicia, as primeiras páxinas do libro ofrécennos unha referencia do seu enfoque fundamental: de qué nos alimentamos os galegos ao longo da nosa historia, cales eran os recursos dispoñíbeis e de que xeito os preparabamos e xantabamos.


Neste sentido, o autor fai unha aproximación diferenciando o que compuña a dieta dos diferentes grupos sociais: estamentos primeiro e clases máis tarde. Asemade, e para aquelas épocas nas que había variacións notábeis, diferenza entre a dieta do interior e a costa e tamén dá conta da diferente incidencia das sucesivas crises de subsistencia que se rexistraban periodicamente. Xavier Castro, reflexiona sobre os alimentos sobranceiros en cada época. Deste xeito o remate do período castrexo, coa romanización aparecen enriba das mesas dos galegos, co emprego xeneralizado de redes e da pesca desde embarcacións, produtos do mar, nomeadamente lampreas, polbos, sardiñas e ostras escabechadas. Nesta época a aplicación da técnica da salgadura vai dar lugar por primeira vez a unha industria de transformación dos produtos mariños, dalgún xeito precedente da puxante industria conserveira galega. O pan, as castañas e as filloas eran tamén alimentos importantes deste período. A innegábel presenza da vida monacal na cociña e na alimentación medieval se desenvolve na diversidade e heteroxeneidade correspondente cos sistemas alimentarios estamentais. A dieta do clero estaba moi preto da da nobreza; a alimentación dos privilexiados nas antípodas da dos campesiños, precaria e inestábel por definición. Como sinala o autor, a xente do común xantaba papas cun chisco de leite, pan negro, polo regular de centeo ou de millo miúdo, cociñando con graxa ou touciño de porco. De todos os xeitos, tres eran os preparados culinarios de máis fonda transcendencia: filloa, empanada e costrada.


Xavier Castro, sérvese dunha composición poética de Tirso de Molina, inserida en La gallega Mari-Hernandez , para ilustrar a facenda ideal que sustentaría un fogar na Terra de Lemos, exemplo do que viña a ser a alimentación dos campesiños: pan de millo, verzas, algunha sardiña ou ameixa; e extraordinariamente cuncas de leite e fariña de millo, talladas de vaca nos días de festa grande e viño as poucas das veces. Todo elo, nunha época coma a do Antigo Réxime abondosa en recursos silvo-pastorís. Os momentos difíciles viñan, coma non podía ser doutra forma nunha economía cerealeira, da man das chuvias excesivas: na Galicia da época a fame chegaba a nado. De calquera xeito o autor fai unha crítica, coido que asisada, da visión pauperista da alimentación no mundo campesiño, moi abondosa entre redactores de informes e ilustrados.


As páxinas dedicadas á pataca amosan en primeiro lugar que o éxito do tubérculo en Galicia, en contraste coas dificultades da súa implantación noutras zonas, débese aos seus altos rendementos, como os do millo, en contraste cos máis baixos das legumes e o trigo. O papel esencial na dieta xeral dos galegos non se acadaría deica a segunda metade do século XIX. O camiño para chegar ao rol da pataca na nosa alimentación e gastronomía non foi doado, e por moito tempo, como di Xavier Castro, citando documentación xudicial, a pataca, que se coñecía desde tempos recuados, empregábase para alimentar aos porcos; os diversos episodios de fame ían obrigar aos campesiños a comelas e a procurar máis e mellores sementes.


O tratamento da alimentación na idade contemporánea, que abrangue deica 1950 -cun capesiñado, cuxo ideal era en opinión de Castelao “vivir con fartura e vender o que sobra”, inda que na realidade o numerario dispoñíbel tras as venta dos produtos era minguado, e escaso para facer fronte aos gastos en roupa, médicos e un longo etc., etc.,- segue as pautas do dispensado ás épocas anteriores. O autor di que os campesiños da época priorizaban cantidade por riba de calidade, unha dieta máis vexetal que a desexada, cárnica. De forma semellante as clases populares de cidades e vilas, cunhas poucas notas discordantes, a maior delas a diferente forma da adquisición dos alimentos, alimentábanse dos mesmos xantares, e sufrían das mesmas penurias.


O libro ofrécenos baixo estas premisas unha visión “panorámica” ao tempo que centrada no detalle. Complementada cunha boa bibliografía e selección de fontes. É un libro necesario para aproximarse a este eido da alimentación na nosa nación. Na miña modesta opinión, bótase a faltar, como na maioría dos traballos neste campo, unha ampliación das perspectivas, traballar de forma exclusiva sobre cantidade das racións alimentarias, o contido da dieta, e os alimentos máis nomeados, deixando de lado, ou non afondando nela, a perspectiva cultural, é abdicar dunha condición básica para un maior e mellor coñecemento da alimentación e a súa historia. Neste mesmo sentido véñense pronunciando reputados especialistas como Jean- Louis Flandrin, coautor xunto con Massimo Montaneri, dunha monumental Historia de la alimentación , quen mantén que, por exemplo, non é unicamente o seu poder nutritivo o que converte un produto vexetal ou animal en alimento, e que é a propia cultura a que tamén, e por riba de todo, realiza a elección, e que, en definitiva, cada cultura ten a súa propia definición do que é comestíbel e do que non o é. Fica polo tanto pendente un traballo realizado baixo esta perspectiva. Xavier Castro semella ser a persoa idónea para levalo a cabo, tendo en conta a fondura dos seus coñecementos, o rigoroso traballo coas fontes e o dominio da bibliografía, do que dá testemuña este libro.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *